Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Saúde

Λ

Novas terapias contra o cancro: A loita contra o cancro, unha batalla desigual

Os principais avances céntranse na detección precoz e no diagnóstico das distintas patoloxías oncolóxicas, nas opcións cirúrxicas, radioterapia e quimioterapia

 A loita contra o cancro continúa sendo unha pelexa con demasiadas traxedias persoais, pero non todo son malas noticias. O desenvolvemento de novas e prometedoras terapias, xunto co coñecemento acumulado, están a transformar pouco a pouco o fatalismo que arrastran as persoas que padecen esta enfermidade e o seu ámbito familiar. De feito, medio milleiro de moléculas agardan a súa quenda para seren ensaiadas en humanos. Mentres, a detección precoz, a prevención e unha nova xeración de fármacos deron reducido a mortalidade a menos da metade dos casos diagnosticados.

Se atendésemos só ás cifras, sería doado concluír que o cancro, coas súas máis de 200 manifestacións clínicas asociadas, segue a ser unha das enfermidades máis devastadoras. E razón non nos faltaría. Segundo a Organización Mundial da Saúde (OMS), cada ano falecen no mundo 7,6 millóns de persoas de ambos os dous sexos. Nos países desenvolvidos é a segunda causa de morte e, en todo o mundo, cada ano contraen a enfermidade entre 20 e 25 millóns de persoas.

As estatísticas asustan. Nos Estados Unidos, un dos poucos países que leva un control razoablemente estrito do impacto da enfermidade, estímase que ao longo do 2007 se diagnosticarían millón e medio de novos casos. Deles, unha terceira parte falecerían este mesmo ano, na súa maioría, case no 90% dos casos, pola extensión da enfermidade a órganos distantes, a tan temida metástase. O custo asociado suma 70.000 millóns de euros se se contabiliza o tratamento e a estancia hospitalaria. E nada menos que 120.000 millóns de euros se se consideran custos indirectos a xeito de perda de horas laborables e de produtividade debida á propia enfermidade e a unha morte prematura. Os custos, que en España supoñen uns 3.900 millóns de euros anuais, incrementaríanse de modo notable se se tivese en conta o tempo que familiares e amigos lle dedican ao enfermo de cancro e o impacto emocional que causa no ámbito a xeito das chamadas patoloxías do coidador (dores músculo-esqueléticos, depresión, fatiga, estrés).

O que agachan as cifras

Pero non todo son números na loita contra o cancro. Nos últimos quince anos, en boa parte por mor do avance en tecnoloxías dedicadas á investigación xenética, logrouse un salto cualitativo máis que esperanzador. Aínda que a quimioterapia segue empregando o seu arsenal convencional, a aparición de novos produtos e un mellor coñecemento das bases bioquímicas que rexen a célula cancerosa permitiron abordar a enfermidade con tratamentos máis selectivos e menos tóxicos para o paciente. E, o que é máis importante, con mellores resultados. Estas melloras déronse en catro das áreas esenciais da loita contra o cancro: na detección precoz e no diagnóstico das distintas patoloxías oncolóxicas, nas opcións cirúrxicas, en radioterapia e en quimioterapia.

Aínda que poida parecer o contrario, a cirurxía mantén un lugar preeminente entre as opcións do equipo médico que atende a un enfermo de cancro. Pero o impacto psicolóxico e físico de antano, motivado en boa medida polo carácter mutilador das distintas técnicas cirúrxicas, reduciuse enormemente. En primeiro lugar, porque a xeneralización de programas de detección precoz para as principais formas de cancro permite atopar os tumores nun estado menos avanzado, o que facilita unha cirurxía menos agresiva. En segundo lugar, porque o uso previo de fármacos antes do acto cirúrxico consegue, nunha proporción importante de casos, reducir o tamaño do tumor ata convertelo en "operable".

A cirurxía, en combinación con fármacos e radioterapia, tende a ser menos invasiva e, por conseguinte, conservadora. A iso contribuíu o desenvolvemento da endoscopia, a laparoscopia ou técnicas non ablativas como a crioterapia, a radiofrecuencia, a electrólise ou a quimio-hipertermia, todas elas indicadas como estratexia paliativa, terapia ou complemento á intervención cirúrxica convencional.

A razón de que a cirurxía siga a ser a principal opción para o tratamento inicial de moitas formas de cancro débese, en parte, ao uso de terapias neoadxuvantes que, coa combinación de radioterapia e quimioterapia, logran reducir a masa do tumor antes da extirpación cirúrxica. Estímase que o 50% dos pacientes oncolóxicos no mundo reciben radioterapia nalgún momento do tratamento da enfermidade.

O grande obstáculo para aplicar radioterapia é que require unha planificación a longo prazo, así como dispoñer de especialistas médicos, físicos e técnicos. Eles son os encargados de administrar, de acordo co equipo de oncólogos, radiacións ionizantes para eliminar as células cancerosas que forman o tumor e, ao mesmo tempo, "limpar" os tecidos sans sobre os que se asenta.

A eficacia da radioterapia mellorou substancialmente grazas ao emprego de tecnoloxía de imaxe que permite ver mellor onde está o tumor e cales son os seus límites. A resonancia magnética nuclear, técnicas de imaxe en tres dimensións e, máis recentemente, a tomografía por emisión de positróns (PET), coa que é posible visualizar as zonas do corpo con actividade tumoral, contribuíron a mellorar os resultados.

A nova cara da quimioterapia

A aparición dun tumor maligno, o que representa case dous centos de enfermidades con características propias, depende en esencia dunha mutación no código xenético contido no núcleo dunha célula que, polo xeral, se dá ao chou. Aínda que existe certo peso da herdanza, hoxe sábese que unha alteración non corrixida polo propio organismo nalgún punto da longa cadea de ADN, ben sexa polo propio proceso de división celular, ben sexa polo efecto dun tóxico ou dunha radiación, pode dar lugar a que a célula deixe de comportarse con normalidade e adquira tinguiduras malignas.

En última instancia, estas alteracións acaban dependendo do tipo de célula responsable (non é o mesmo unha célula da pel ca outra de pulmón) e do perfil xenético do tumor en cada paciente. É un proceso que se caracteriza por unha individualización extrema que provoca que a resposta aos tratamentos varíe dunha persoa a outra e, claro está, entre unha e outra forma de cancro.

O descubrimento de alteracións moleculares e xenéticas comúns en diversas formas de cancro permitiu, non obstante, o desenvolvemento dunha nova xeración de fármacos que, a diferenza da precedente, non persegue destruír ás células en si, senón bloquear as vías esenciais que caracterizan a célula tumoral. Os investigadores falan de seis capacidades básicas: dividirse ilimitadamente, invadir tecidos localmente e a distancia (metástase), crear novos vasos sanguíneos para obter osíxeno e alimento (anxioxénese), evitar a súa propia morte (toda célula normal está dotada dun programa que lle sinala cando debe morrer), producir factores hormonais de crecemento e evadir factores que inhiben o seu crecemento. Cada unha destas capacidades, das que as células cancerosas dependen vitalmente, achega información clave para o desenvolvemento de novos fármacos.

Esta achega, chamada racional, deu como froito unha decena de fármacos de nova xeración que xa están no mercado, amais de medio cento de moléculas debidamente acreditadas que amosan algún tipo de actividade antitumoral e que se atopan en fases avanzadas de estudo. Outras 500 están en lista de espera en distintas fases de investigación preclínica (anterior ao ensaio en pacientes reais), e estímase que o 10% delas poden ter éxito.

A isto hai que sumar os fármacos que constitúen a quimioterapia convencional. Entre outros, os axentes alquilantes (actúan directamente sobre o ADN da célula tumoral para impedir que sigan reproducíndose), nitrosoureas (interfiren nos mecanismos de reparación de ADN), antimetabolitos (búscase alterar a estrutura da célula), antibióticos antitumorais (alteran a membrana celular e bloquean a división) ou inhibidores mitóticos (capaces de frear a división celular).

O novo arsenal contempla atacar compoñentes moi concretos da maquinaria molecular que sostén a viabilidade do tumor. Entre os fármacos que lograron un éxito recoñecible destacan Gleevec, baseado no coñecemento dun xene específico que cando se altera provoca leucemia mieloide crónica; Herceptin, un anticorpo monoclonal que interfire na acción do oncoxene HER2, amplificado en aproximadamente un 15% de tumores de mama; Tarceva, que ten como diana o oncoxene EGFR no cancro de pulmón de non fumadores; Erbitux, coa mesma diana en cancro de colon; e Avastin, contra os vasos sanguíneos dos tumores de colon e recto.

A utilización de fármacos convencionais e os xurdidos dos novos enfoques en investigación básica está a dar lugar á combinación de varios principios activos. Estas propostas están demostrando efectos sinérxicos sobre distintas formas de cancro con melloras notables nos índices estatísticos de supervivencia, período libre de enfermidade e calidade de vida.

Obxectivo: frear as

O 90% das mortes atribuídas ao cancro débense á expansión da enfermidade cara a órganos e tecidos distantes que resultan esenciais para a vida. Pero ata datas moi recentes apenas se sabía nada do seu comportamento e das claves que fan posible que unha célula migre dun tumor primario para provocar outro nun punto de compromiso vital. Os traballos do investigador español Joan Massagué en Nova York, non obstante, están permitindo aclarar parte deste comportamento.

En estudos recentes, Massagué descubriu a existencia de xenes específicos que explican como a célula escapa do tumor orixinal e se abre paso a través dos capilares para chegar ao torrente sanguíneo, resistir a arremetida do sistema inmune e, de novo, atravesar os vasos sanguíneos para fixarse nun órgano distante. Aí faise un oco para aniñar e formar un novo tumor.

Massagué entende que o proceso está rexido pola activación dun paquete de xenes, moitos deles xa coñecidos, que poderían ser específicos para cada tipo de tumor, aínda que os seus efectos sexan similares. O descubrimento está facilitando que se desenvolvan estudos específicos que asocian fármacos xa coñecidos con perfís xenéticos. Investigacións preliminares están dando respostas esperanzadoras.

Unha esperanza en forma de minisubmarino

 A asociación entre a química molecular, a nanotecnoloxía e o magnetismo podería deparar sorpresas no tratamento do cancro. O obxectivo é "construír" un vehículo de tamaño microscópico apropiado para desprazar fármacos ata a célula cancerosa. Aí liberaríanse de maneira selectiva e destruirían a célula. As investigacións, nas que participan distintos grupos españois, amais doutros moitos financiados pola Unión Europea, atópanse nunha fase preliminar pero suficientemente avanzadas para que esta opción poida considerarse seriamente nun futuro non demasiado lonxe.

Tecnoloxicamente xa é posible deseñar ese vehículo, tamén denominado "minisubmarino". Trátase de unir átomos capaces de resistir as condicións fisiolóxicas e, ao mesmo tempo, incorporar o principio activo do fármaco. A célula cancerosa identifícase por hipertermia (diferenza de temperatura). O sistema actívase mediante o uso de técnicas de campos magnéticos específicos.


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto