Saltar o menú de navegación e ir ao contido
Calquera comisión que aplique unha entidade debe figurar no contrato que asinou o cliente á hora de subscribir o produto
Non teñen luces de neon, pero os carteis que anuncian "Comisións cero" de numerosas entidades bancarias cobraron tal interese nos últimos anos que non pasan desapercibidos para moitos aforradores que se senten atraídos pola supresión do pagamento por servizos básicos como realizar transferencias, cobrar cheques ou manter unha conta corrente. Pero, estamos realmente ante o comezo do fin das comisións bancarias? Rotundamente, non. As estimacións sinalan que apenas arredor do 15% dos clientes bancarios en España se benefician dalgunha destas campañas que, por outra banda, esixen cumprir certos requisitos, como domiciliar a nómina e varios recibos e comprometerse a mantelos no banco durante períodos de, polo menos, 18 meses. Non obstante, fóra desas promocións quedan outras moitas comisións, coas que as entidades seguen a facer o seu "agosto" particular. Tarifas por manter un plan de pensións, por xestionar fondos de investimento, por cancelar un depósito, por amortizar capital da hipoteca, por descubertos en conta, por domiciliacións..., a lista de comisións que non se atopan incluídas nas campañas promocionais é infinita e crecente, e explica as excepcionais cifras de ingresos que seguen rexistrando as entidades por este concepto.
Nos primeiros seis meses do ano, só as cinco grandes entidades españolas ingresaron a incrible cantidade de 4.001 millóns de euros en concepto de comisións, o que supón un incremento do 12,45% con respecto aos 3.558 millóns que sumaron o ano anterior. Algunhas gañaron un 20% máis ca no 2006 por este concepto.
En moitos casos, o pagamento de comisións é inevitable. Non obstante, os usuarios teñen certos dereitos no tocante a este asunto que deben coñecer e exercer para evitar abusos.
Baixo este concepto inclúense as comisións que aplican bancos e caixas polos servizos máis básicos e que adoitan utilizar practicamente todos os usuarios. É o caso de comisións por mantemento de conta, cobramento ou emisión de cheques ou realizar transferencias. Á marxe das campañas promocionais, a tendencia das entidades é a aumentar cada vez máis este tipo de cobramentos.
Que se pode facer para evitar estes pagamentos en servizos básicos?
Fondos de investimento e de pensións: As entidades son libres de fixar as comisións que aplican por xestionar os seus produtos de investimento. Non obstante, a Comisión Nacional do Mercado de Valores (no caso dos fondos de investimento) e a Dirección Xeral de Seguros e Plans de Pensións, no caso dos fondos de pensións, fixan as cantidades máximas.
No caso de fondos, a comisión de xestión non pode superar o 2,25%, a de depósito o 0,20% e as de subscrición e reembolso, o 5%. As comisións deben figurar no regulamento dos fondos de investimento. Para efectuar calquera incremento ou redución, a xestora debe solicitar permiso á Comisión Nacional do Mercado de Valores. Autorizados os cambios, os partícipes que non estean de acordo poden, no prazo dun mes, saír do fondo sen que iso supoña ningunha penalización.
No caso dos plans de pensións, a suma das comisións de xestión e a comisión de depósito non pode superar o 2,5%. Moitas entidades, non obstante, aférranse a estes límites á hora de fixaren as súas tarifas. Segundo un informe de Analistas Financeiros Internacionais, máis da metade dos partícipes dun plan de pensións de renda variable en España soportan comisións superiores ao 2,35%. Ademais, un de cada catro titulares paga a comisión máxima permitida pola lei. Quen teña contratado un fondo de pensións pode consultar as comisións do seu plan no buscador que creou para tal efecto o portal da Dirección Xeral de Seguros e Fondos de Pensións.
Bolsa: Por manter unha conta de valores e operar en bolsa, as comisións poden variar moito entre unhas entidades e outras. Polo xeral, se se opera a través de Internet, as comisións de intermediación son significativamente máis baixas. De feito, é habitual atopar promocións de entidades que permiten operar sen comisións durante un período de tempo determinado para facer promoción deste servizo e enganchar o cliente coa bolsa. As tarifas en España pola mera execución de ordes adoitan oscilar, para as operacións pequenas (inferiores a 12.000 euros), entre o 0,25 e o 3% sobre o total efectivo da operación.
Como reducir o custo deste tipo de comisións en produtos de investimento?
O cobramento de comisións por produtos de investimento é un dos segmentos, xunto cos medios de pagamento, máis rendibles para as entidades financeiras. Aínda que a competencia é moi forte neste ámbito de negocio, as entidades resístense a baixar as súas comisións. Non obstante, tal abano de produtos fai posible atopar varios fondos de investimento ou de pensións moi semellantes (no tocante á política de investimento, expectativas de rendibilidade...), pero con comisións moi dispares. Polo xeral, as grandes entidades aplican tarifas moito máis elevadas (que adoitan estar no límite das máximas permitidas), mentres que pequenas caixas de aforros ou sociedades especializadas, como xestoras ou aseguradoras, xestionan produtos moi similares con custos inferiores. Se o seu fondo aplica comisións caras, rastrexe o mercado. Seguro que atopa un semellante con menores tarifas. En plans de pensións, a incidencia das comisións é vital na rendibilidade final. Por exemplo, dous partícipes que invisten 150 euros anuais durante 30 anos nun plan de pensións de características similares (de renda fixa, cunhas expectativas de rendibilidade anual do 3%), poden rexistrar unha diferenza no capital final acumulado de case 1.000 euros se existe unha diferenza entre a comisión de xestión aplicada entrambos os dous plans do 1%. Así, o Investidor 1, ao que lle cobran unha comisión do 1%, acumularía pasados os 30 anos un capital de 6.176 euros, mentres que ao Investidor 2, logo de pagar unha comisión de xestión do 2%, quedaríanlle só 5.219 euros.
No caso da operativa en bolsa, unha boa maneira de reducir o cobramento de comisións é operando a través dun banco por Internet. As comisións de compravenda de valores "on-line" poden ser ata un 20% máis baratas ca nas entidades tradicionais.
As hipotecas son un dos produtos cos que as entidades gañan máis cartos, de aí que en moitas ocasións estean dispostas a negociar cos seus clientes unha mellora nas condicións para evitar que se cambien de entidade. Nestes momentos, a tendencia xeneralizada é non cobrar comisión por estudio (é dicir, porque a entidade analice se pode ou non conceder un empréstito a un cliente). Non obstante, as comisións de apertura, cancelación anticipada e total son moi dispares. Por abrir a hipoteca, a tarifa varía entre o 0 e o 1,5% no caso das hipotecas a interese variable e ata o 3% nas hipotecas a interese fixo. Por cancelación anticipada parcial ou total, a comisión adoita oscilar entre o 0 e o 2% do importe pendente de pagar. As comisións por subrogación poden alcanzar o 2,5%.
Como reducir as comisións en empréstitos?
O mellor xeito para conseguir unhas tarifas axustadas é negociar co seu banco. A gran competencia que existe neste ramo de negocio fai que as entidades sexan as primeiras interesadas en manter o cliente e en buscarlle unhas condicións atraentes que eviten a súa fuga. Ademais, a negociación non debe reducirse unicamente ás comisións. O tipo de xuro tamén é negociable. Na actualidade, as entidades teñen marxe para ofrecer hipotecas referenciadas ao euríbor máis un diferencial do 0,3%.
| Comisión media (euros) | Máximo (euros) | Mínimo (euros) | ||
|---|---|---|---|---|
| Mantemento contas correntes | 18,84 | 36 | 9,02 | |
| Mantemento contas de aforro | 18 | 36 | 9,02 | |
| Importe por anotación | 0,31 | 0,6 | 0 | |
| Descubertos | 8,15 | 15,03 | 3 | |
| Reclamación de descubertos | 26,81 | 30,05 | 9 | |
| Transferencias nacionais | ||||
| Sobre propia praza | 3,01 | 4,5 | 1,5 | |
| Sobre praza distinta | 3,24 | 6,01 | 2,4 | |
| Cheques | ||||
| Ingresos na propia praza | 2,08 | 4,51 | 0 | |
| Ingresos en praza distinta | 2,52 | 4,51 | 0,9 | |
| Devolución cheques en propia praza | 9,2 | 15 | 3,01 | |
| Devolución cheques en praza distint | 9,29 | 15 | 3,01 | |
| Tarxetas | ||||
| Disposición de efectivo en caixeiros (sobre o importe). Tarxetas de Débito | ||||
| Propia entidade | 0 | 0 | 0 | |
| Propia rede | 0,6 | 1 | 0 | |
| Outras redes | 2,59 | 3,01 | 1,65 | |
| Estranxeiro | 2,76 | 3,5 | 1,65 | |
| Tarxetas | ||||
| Disposición de efectivo en caixeiros (sobre o importe). Tarxetas de Crédito | ||||
| Propia entidade | 2,18 | 3 | 1,2 | |
| Propia rede | 2,91 | 4 | 1,2 | |
| Outras redes | 3,13 | 4 | 2,4 | |
| Estranxeiro | 3,43 | 6 | 2,4 | |
| Créditos e préstamos hipotecarios | ||||
| Estudo | 0,57%, 85,20 euros | 2%, 210,35 | 0 | |
| Apertura | 2,57%, 551,94 euros | 4%, 901,52 euros | 1%, 120 euros | |
| Cancelación anticipada | 3,88% | 5,00% | 2,50% | |
| Subrogación | 1,45%, 381,88 euros | 4%, 601,01 euros | 60,10 euros | |
Fonte: Banco de España. Datos a peche agosto 2007.
O cobramento de toda comisión debe responder a servizos efectivamente prestados pola entidade. Non poden cobrarse comisións por conceptos como "inactividade de conta", nin se poden aplicar penalizacións nin tarifas por servizos impostos pola entidade.En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI