Saltar o menú de navegación e ir ao contido
As cámaras fotográficas dos móbiles melloraron, pero a súa calidade aínda non se pode equiparar á dunha dixital convencional
O 85% dos teléfonos móbiles incorporan xa unha cámara fotográfica. Estas minicámaras evolucionaron dende o seu nacemento en 1997 case tanto como os propios aparellos que as incorporan, e atópanse xa lonxe das súas primeiras e rudimentarias versións, que apenas permitían distinguir o retratado. O seu éxito foi tal que nos concertos de rock non brillan xa os chisqueiros acesos, senón as pantallas dos móbiles mentres rexistran a imaxe. Pero están lonxe aínda de suplir ás cámaras fotográficas dixitais. Se se quere unha boa fotografía, aínda cómpre levar "a dixital" enriba.
Os modelos actuais de móbil dispoñen de cámaras cunha calidade cada vez máis aceptable, en ocasións de máis de 2 megapíxeles. Se ben con 3 megapíxeles se entende que é posible sacar unha foto con calidade de impresión (para "revelar" a 13x11 cm, por exemplo), cómpre lembrar que os "píxeles" non o son todo: estas cámaras adoecen dunha óptica moi pobre que non pode rivalizar coa das súas "irmás maiores". Iso si, poden sacar imaxes cunha calidade abonda para velas despois no ordenador, para compartilas con familiares e amigos por correo electrónico ou mensaxes multimedia (os sucesores dos SMS, os MMS) ou mesmo as imprimir en papel se non se é demasiado esixente. O seu uso márcao a oportunidade, non a súa calidade.
Outros avances que ofrecen estas cámaras son a capacidade de gravar vídeos por un curto espazo de tempo (uns segundos ou, como moito, minutos) cunha calidade abonda como para podelos colgar en sitios web como Youtube. Para iso precisan unha capacidade de memoria notable, que se consegue xeralmente mediante tarxetas de memoria externa (como as das cámaras dixitais convencionais). Unha xenerosa tarxeta de memoria (hainas de un ou de dous "gigas") tamén permitirá gardar xogos ou programas ou cancións en formato MP3.
Un avance enganoso é o do zoom dixital, un sistema para achegarse ao obxecto retratado mediante unha artimaña que empeora a calidade da imaxe, a diferenza do zoom óptico, que o fai sen mingua de resolución. A calidade destas cámaras xa é deficiente de por si como para perder máis nitidez por usar o zoom dixital. Se o usuario quere achegar a imaxe, é preferible editala posteriormente no ordenador cunha aplicación como Photoshop, Picasa ou iPhoto. Os flashes destas cámaras tamén teñen moito que mellorar. A maioría das cámaras nin sequera os inclúen, e as que contan con eles ofrecen unha potencia escasa. Por iso, recoméndase sacar as fotos en ámbitos moi ben iluminados.
Os últimos avances en lentes ultradelgadas (nas que "cabe" un zoom óptico) e en luces LED (cun menor consumo e que ofrecerán flashes potentes) permiten augurar que a calidade destes dispositivos seguirá aumentando expoñencialmente. Non está lonxe o día en que millóns de usuarios leven no seu peto unha cámara de foto e vídeo cunha calidade equiparable, se non superior, ás dixitais actuais. O negativo? A multiplicación de ollos electrónicos alarma a quen se preocupa pola súa intimidade, xa que calquera, en calquera lugar, pode estar a sacar imaxes, co problema para a privacidade que iso implica.
Inmortalizar os amigos en situacións embarazosas é un dos usos máis comúns das cámaras dos teléfonos móbiles. Pero hai moitas outras posibilidades:
Sacar moitas fotografías: Coa actual capacidade de almacenamento, non hai problema para sacar moitas fotografías e logo desbotar as non desexadas. Como a tecnoloxía nestes dispositivos é menos precisa ca nas cámaras dixitais convencionais, cantas máis imaxes se capturen maior será a posibilidade de sacar unha boa. En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI