Saltar o menú de navegación e ir ao contido
Os datos, informacións, interpretacións e cualificacións que aparecen nesta información corresponden exclusivamente ao momento en que se realizaron e teñen, xa que logo, unha vixencia limitada.
A mellora na loita contra o rexeitamento e a diminución dos efectos secundarios marcan a evolución dos transplantes de órganos doados, campo no que España é líder mundial
Quen pode ser doador de órganos e tecidos? Calquera persoa sa é doadora potencial, sempre que en vida non se manifestase en contra da doazón. Non hai límite de idade, pero en caso de menores de idade e minusválidos tense que respectar a vontade das persoas que teñan a patria potestade (Lei 30/1979). As condicións clínicas no momento da morte determinan os órganos e tecidos que son válidos para o transplante. Non obstante, os doadores non poden nin puideron padecer cancro nin outras enfermidades infecciosas ou de causas pouco claras que se poidan transmitir coa doazón.
Que hai que facer para ser doador? Débenlle comunicar a súa decisión á familia e aos amigos máis íntimos, xa que eles son os primeiros en ser consultados en caso de falecemento do doador. Tamén se pode cubrir unha tarxeta de doador, gratuíta e altruísta, que pode atopar diferentes lugares: Organización Nacional de Transplantes, hospitais, consellarías de Sanidade/Saúde... Ter o carné de doador non compromete a nada se se muda de opinión.
Que acontece se a familia se opón á doazón? En España sempre se cumpre a vontade dos familiares, independentemente de se o falecido é doador ou non.
Pódese facer un transplante de doador vivo? Pódese doar un órgano ou parte del, normalmente de medula ósea, ril e segmentos de fígado e de pulmón, se a súa extracción é compatible coa vida e a súa función pode ser compensada polo organismo do doador de maneira axeitada e suficientemente segura. O doador debe de ser maior de idade, gozar de plenas facultades mentais e dun estado de saúde axeitado. Ademais, deberá ser informado previamente das consecuencias derivadas da súa decisión, debendo outorgar o seu consentimento de maneira expresa, consciente e desinteresada. Salvo en casos excepcionais, estas doazóns só son admitidas entre familiares directos (pais, irmáns, fillos...).
Como e onde se debe producir o falecemento do doador? É necesario que a morte cerebral (cesamento irreversible de todas as funcións cerebrais) do doador se produza no hospital, nunha UCI móbil ou no SAMU, para poder realizar todas as probas e para conservar axeitadamente os órganos. O diagnóstico médico legal da morte cerebral ou morte encefálica está actualmente regulado no anexo 1 do Real Decreto 2070/1999, do 30 de decembro de 1999, e esixe, entre outros aspectos, que o diagnóstico sexa realizado por tres médicos distintos aos que van intervir na extracción e no transplante.
Por que nalgúns casos o organismo do receptor rexeita o órgano transplantado? O efecto de rexeitamento prodúcese por un feito moi simple: todo organismo vivo defende a súa integridade física e bioquímica destruíndo calquera axente vivo estraño que sexa introducido nel. O organismo, ao verse invadido por antíxenos (substancias proteicas), reacciona cun movemento natural de defensa, rexeitando o transplante. Para evitar o devandito rexeitamento, cómpre aplicarlle ao paciente fármacos (inmunosupresores) e tratamentos, coa desvantaxe de que o paciente perde toda a súa inmunidade. Non obstante, co fin de minimizar o efecto de rexeitamento, nos transplantes tense en conta a compatibilidade entre doador e receptor, tendo en conta o grupo sanguíneo e o sistema HLA (antíxenos leucocitarios humanos).
Que é o Modelo Español? É un conxunto de medidas adoptadas en España para mellorar a doazón de órganos. Este modelo foi recomendado pola OMS e estase a aplicar en diferentes partes do mundo con resultados moi similares aos obtidos aquí. O éxito do Modelo Español só é comprensible dende un enfoque multidisciplinar, que engloba aspectos legais, económicos, políticos e médicos.
En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI