Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Actualidade e lecer > Análise de produtos

Λ

Os datos, informacións, interpretacións e cualificacións que aparecen nesta información corresponden exclusivamente ao momento en que se realizaron e teñen, xa que logo, unha vixencia limitada.

Fabas preparadas envasadas: Mellor para saír do paso que como prato frecuente

Aínda que non sexan moi caloríficas, os cárnicos que conteñen achegan moita graxa saturada e colesterol e non pouco sal

 Conservas como a fabada asturiana analizada neste comparativo permítenlle a calquera consumidor dispoñer sen esforzo ningún, e nos poucos minutos que se tarda en quentalo, dun prato completo para a comida. Ademais, conservan todas as súas propiedades nutritivas e organolépticas durante meses sen necesidade de conservalas en frío. E, por se fose pouco, o seu prezo é razoable: as seis mostras analizadas (cinco de fabada asturiana e unha de fabas con chourizo) saen dende pouco máis de 2 ata 5,6 euros o quilo. Pero non todo son vantaxes: teñen (polos seus "tropezos" cárnicos) bastante graxa, dende case o 6% ata o 11%, para se tratar dunhas fabas; boa parte dela é saturada, a menos saudable, e ademais inclúen unha cantidade non desprezable de sal e unha serie de aditivos dos que a receita tradicional carece. Os resultados na cata de consumidores tampouco foron brillantes: ningunha mostra se achegou sequera aos 7 puntos.

Que teñen estas fabas preparadas

  Amais das fabas -que de media supoñen o 80% do seu contido, aínda que as diferenzas son notables: dende o 69% de Campanal ata o 88% de Gallina Blanca- conteñen unha gornición, que ten como composición máis frecuente chourizo, morcilla, entrefebras e touciño (é a receita de Litoral, Louriño e Gallina Blanca). Orlando (que se comercializa como "fabas con chourizo", non como "fabada asturiana") é o formato máis básico, con só fabas (87%), chourizo (6%) e touciño (6%). Albo omite o touciño e no seu lugar pon entrefebras, case o 9% do total. A receita de Campanal (a mostra máis cara das comparadas) concédelle maior protagonismo á gornición: as fabas representan só o 69% do produto; é a de máis morcilla (11%) e chourizo (9%) e a única con lacón (5%). Gallina Blanca, a segunda mostra máis cara, destaca pola maior cantidade de fabas (88%) e a menor de derivados da carne. Ademais de fabas, cárnicos, auga, sal e aceite, algunhas mostras engaden especias (loureiro, allo ou pemento) e hortalizas como cebola e porro. Tamén figuran nas listas de ingredientes os aditivos: aromas, colorantes, potenciadores do sabor, antioxidantes, conservadores e estabilizantes. Algunhas mostras non empregan todos, polo que os consumidores poden ter en conta esta circunstancia na elección dunha ou outra marca. Os ingredientes aparecen sempre en orde decrecente á cantidade utilizada (o máis abundante dá comezo á lista e o de menor contido péchaa).

En laboratorio... o nutricional

A auga representa nesta conserva entre o 68% de Campanal (a de máis carne e menos fabas) e o 74% de Orlando e Gallina Blanca, as de maior contido nestes legumes. Tratándose de fabas, é lóxico que os hidratos de carbono sexan o macronutriente maioritario: de media, representan o 12% do produto. Aínda que as fabas carecen practicamente de graxa, estes pratos preparados a base delas si que a conteñen: de media, un 8,6% do produto. A elevada achega de graxa e colesterol débese á presenza de cárnicos como morcilla, chourizo, touciño e entrefebras. Destacan en graxa Campanal e Louriño, cun 11% deste nutriente. O produto menos graxo é Albo, con menos dun 6% de graxa.

O perfil lipídico destas conservas non é de presumir: de media, case o 38% da graxa é saturada, a menos saudable. Só Orlando se distancia, cun máis aceptable 32% de saturados na súa graxa, mentres que tres mostras alcanzan o 40%. Convén matizar que por moito que o produto teña un perfil lipídico pouco saudable (elevada proporción de graxa saturada), se o seu contido graxo é reducido, o de graxas saturadas será modesto. Na análise que nos ocupa, unha lata de fabada Campanal -pesa 425 gramos- achega 17 gramos de graxa saturada, o mesmo ca Litoral, e un chisco menos ca Gallina Blanca e Louriño, que conteñen 19 gramos de graxa saturada. Nas dúas restantes, o contido en graxa saturada é moito menor: 8 gramos escasos en Orlando e 9 gramos a Albo. As diferenzas son notables, xa que o peso das seis mostras é moi parecido, vai dende 400 ata 435 gramos. Por todo iso, este criterio de graxa saturada pode ser valorado cando se elixe o produto, particularmente cando se consume a miúdo.

As fabas preparadas máis proteicas son Albo e Campanal, cun 7,3%, e as menos ricas neste nutriente son Litoral (5% de proteína) e Gallina Blanca (5,2%). Louriño e Orlando contiñan pouco máis do 6%. Esta riqueza en nutrientes podería converter as fabas preparadas nun prato moi enerxético, pero non o son tanto. As máis enerxéticas son Campanal, con 179 calories cada cen gramos, e as menos, Orlando, con 128 calorías cada cen gramos. O resto móvense entre 133 e 168 calorías cada cen gramos. É unha achega calorífica non excesiva se se concibe estas fabas preparadas como segundo prato e veñen precedidas dun primeiro lixeiro, como ensalada ou verduras con patacas. As fabas son tamén ricas en fibra, que axuda a regular o tránsito intestinal.

Sal e aditivos

  O sal representa neste produto entre o 1,2% de Orlando e o 0,5% de Louriño e Gallina Blanca. Tamén son pouco salgados Albo (0,6%) e Litoral (0,7%). Considéranse alimentos con excesivo sal os que superan o 1,8% deste condimento. Amais de fabas, cárnicos, sal e aditivos, como conservadores, aromatizantes, colorantes e outros, nestas fabas preparadas está permitida a adición de potenciadores do sabor como o glutamato monosódico, aditivo identificado nas etiquetas como E-621 e que resulta innecesario nun produto con tanto sabor como estas fabas preparadas. Proporciónalle un sabor máis intenso ao alimento e está autorizada a súa utilización ata 10.000 partes por millón (ppm). O laboratorio mediu o contido de glutámico en cada mostra. As cantidades foron en todas elas moi inferiores á admitida, se ben as maiores apareceron en Gallina Blanca (570 ppm) e Louriño (350 ppm), únicas que o declaran na súa lista de ingredientes. No resto, a presenza foi moito menor, dende os 90 ppm de Litoral ata os 140 ppm de Orlando e Campanal. Probablemente, os contidos tan escasos destas catro mostras que non declaran este aditivo se deban ao ácido glutámico que de maneira natural conteñen os produtos cárnicos empregados, e non a unha adición intencionada.

En canto á saúde...

Os legumes son un alimento moi recomendable, entre outras razóns pola súa achega de fibra, pero consúmense menos do conveniente. Os expertos fixan a inxestión mínima de legumes en dúas veces á semana, se ben aconsellan que se chegue ás tres ou catro. Poderíase pensar, polo tanto, que o consumo destas fabas preparadas serve para cumprir con este precepto nutricional, pero non é así. A razón: incorporalas na dieta habitual suporía achegar ao noso organismo cantidades importantes de graxa saturada e sal. Deben de restrinxir ou evitar o consumo destas fabas preparadas as persoas con exceso de peso, as que sofren dixestións pesadas e quen teña o estómago delicado (trátase dun prato graxo e condimentado), os celíacos e os alérxicos á proteína do leite de vaca, e mais quen siga unha dieta baixa en sodio.

Para que estas fabas preparadas se manteñan en perfectas condicións hixiénico-sanitarias a temperatura ambiente ata o seu consumo, unha vez envasado o produto aplícaselle un tratamento térmico de esterilización, que elimina os microorganismos patóxenos que puidese conter o alimento. CONSUMER EROSKI realizoulle análises microbiolóxicas a estes seis pratos preparados e todos eles obtiveron resultados satisfactorios nos parámetros determinados, demostrando que eran estériles e que se atopaban en correcto estado hixiénico-sanitario.

Paginación


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto