Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Saúde

Λ

Outras informacións sobre Saúde: Os nenos fronte ao televisor / A depresión posparto / Parellas infértiles / Entrevista: Mercè Boada

O que avisa non é traidor:

Os nenos fronte ao televisor, non máis de dúas horas ao día

Pasar máis de tres horas cada día mirando a televisión repercute na capacidade de atención de nenos e adolescentes e créalles problemas de aprendizaxe. Así o aseguran investigadores da Universidade de Columbia e do Instituto Psiquiátrico do estado de Nova York nun estudo publicado en Arquives of Pediatrics and Adolescent Medicine. Logo de dez anos de investigación observaron que investir tanto tempo en ver a televisión, actividade que require un mínimo esforzo intelectual, produciu nos escolares problemas de atención, distracción, imposibilidade de realizar as tarefas impostas, malas notas e rexeitamento xeneralizado á institución escolar, así como á obriga de cumprir rutinas. Os inconvenientes persisten no tempo, polo que os investigadores consideran fundamental limitar as horas que os mozos pasan fronte ao televisor a un máximo de dúas por día.

Noticias:

A depresión posparto tamén pode afectarlles aos homes

O sentimento de tristeza e angustia que acompaña ás veces ao nacemento dun fillo deixou de ser unha exclusiva feminina. A chamada depresión posparto, cando os sentimentos negativos cara ao bebé superan as catro semanas, tamén lles afecta aos pais, segundo un estudo publicado na revista Pediatrics. Os pais padecen os mesmos síntomas ca as súas compañeiras: angustia, tristeza, temores, diminución do apetito e perda de enerxía. Ata agora pensábase que a orixe de este desánimo radicaba nos cambios hormonais que se producen no organismo feminino durante a xestación, pero a investigación non atopou causas hormonais definitivas, senón antecedentes de depresión, problemas de parella ou económicos. Ademais, se unha muller sofre unha depresión posparto aumentan as posibilidades de que a súa parella desenvolva o mesmo cadro.

Só a metade das parellas infértiles acode ao especialista

 Unha de cada seis parellas ten dificultades para concibir en Europa, pero só a metade acode ao médico para intentar solucionar o problema. Os especialistas cren que pode deberse á imaxe fría que se ten das técnicas de reprodución asistida ou á situación económica, xa que as listas de espera para acceder a tratamentos nun centro sanitario público pode ser de ata dous anos. As longas listas de espera na sanidade pública levan a moitas parellas a centros privados, onde as técnicas e os tratamentos non están subvencionados, e procrear un fillo pode custar entre 3.000 e 6.000 euros. En España a infertilidade afecta a preto do 20% da poboación, cifra que, segundo a Sociedade Española de Fertilidade, vai en aumento. As principais causas obedecen ao atraso da idade da maternidade (a partir dos 35 anos a fertilidade da muller cae ao redor dun 50%). Ademais, a tensión, a mala alimentación, o tabaco e o alcol inflúen notablemente na diminución de calidade e cantidade do esperma.

Entrevista

Mercè Boada

 Neuróloga especializada na terceira idade. Hospital General Vall d'Hebron. Barcelona

"Os homes viven menos, pero non quere dicir que envellezan peor ca as mulleres"


¿Como envellece o cerebro?

-O sistema nervioso no seu conxunto pasa por múltiples cambios que afectan ás funcións máis cotiás. O cerebro, sobre todo, perde a súa capacidade de reacción, a súa velocidade. Todo ocorre máis amodo. O sono altérase, tamén o apetito, a capacidade cognitiva. Non hai cambios bruscos, pero si progresivos. Pero non son iguais para todas as persoas.

¿Envellecen peor os homes ca as mulleres?

-Viven menos, pero non quere dicir que envellezan peor. Nos tests de fluidez mental que lles aplicamos aos nosos pacientes rexistran mellor puntuación as mulleres ca os homes, pero descubrimos que era porque nos cuestionarios de actividades cotiás figuran preguntas relativas a tarefas domésticas que os homes non aprenderon nunca?

¿É posible unha vellez saudable?

-Por suposto. A pesar de achaques da idade, a persoa anciá decátase de que non ten a mesma axilidade mental ou rapidez ca antes, pero que continúa sendo ela mesma. Por outra banda, a persoa con demencia xa non é a mesma; os cambios que se producen no seu cerebro son máis agresivos que no envellecemento normal, e a súa calidade de vida deteriórase moito máis rápido.

¿Como enfrontarnos á ancianidade, non xa á propia, senón á dos demais?

-Non hai fórmulas maxistrais. Sen dúbida, é algo máis arduo cando somos nós quen nos responsabilizamos do seu coidado. Trátase de fomentar as afeccións habituais do ancián, os hábitos de autorrealización, falar amodo e reforzar a comunicación non-verbal, mirando aos ollos, adoptando un ton de voz de tenrura ou ánimo, adaptando cuartos e baños con agarradoiras para non caer, controlando a alimentación e o cumprimento das medicacións. Son cousas que aprendemos cos bebés e que parecemos esquecer cos avós. Eles tamén precisan a nosa competencia como adultos e o noso particular cariño.


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto