Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Entrevista

Λ

Cristina de la Vega, Presidenta da Asociación Española de Protocolo: "O protocolo axuda a convivir"

 Se hai alguén que saiba sempre onde colocarse, que dicir, que calar, como saudar e, en definitiva, como comportarse en todo tipo de actos públicos é Cristina de la Vega. Esta malagueña, que celebra os seus 50 anos o mesmo día da entrevista, é, ademais de directora xeral de protocolo de Iberdrola, a presidenta da Asociación Española de Protocolo (AEP). Aínda que chegou de casualidade ao mundo das boas formas e da etiqueta (é filóloga de formación), a súa profesión converteuse, ao longo de dúas décadas de experiencia, na súa vocación. Por iso defende sen voltas a utilidade dunhas convencións sociais que, segundo a súa opinión, lonxe de obstaculizar e constrinxir as relacións persoais, facilitan a convivencia.

Na entrevista que agora comezamos, ¿como debo dirixirme a vostede?

Eu estou a favor de dar primeiro a man en calquera estamento, xa sexa a mulleres ou a homes. ¿Por que se nos dá por bicar as mulleres? En España, o bico é un sinal de cariño, non de saúdo. Creo que hai que dar a man e ademais dala forte. É curioso, pero este costume de dar a man ten a súa orixe como proba de paz. En tempos de guerra, ti ofrecíaslle a man a outra persoa como sinal de que non tiñas ningunha arma na man. Ofrecíaslle unha man de paz, a garantía de que non a ías agredir.

E ¿entre o ti e o vostede?

 Isto produce moitas confusións. Eu creo que nunha primeira entrevista na que non coñeces esa persoa, falarlle de vostede é un signo de cortesía. E se a persoa di "atúame por favor", pódese pasar ao ti.

Ás persoas doutros países sorpréndelles o uso excesivo do ti que facemos en España.

En México, por exemplo, son totalmente respectuosos coa norma de vostede. Poden ser moi próximos, pero marcan moito as distancias ata que non te coñecen, porque é unha cuestión de confianza e de ter unha relación.

Imaxine que son unha persoa allea a formalismos e un chisquiño ácrata, ¿que argumentos utilizaría para convencerme da importancia do seu traballo?

Axúdanos a convivir. O que quere fundamentalmente unha persoa que rexeita os formalismos é que todo flúa, e o protocolo fai que todo sexa máis fácil.

Entón, ¿o protocolo non é coma unha faixa?

Non, nunca, porque o protocolo o que fai é advertirte de como te tes que comportar ante determinadas situacións. Se foses á praia vestido de traxe e gravata, ¿a que farías o ridículo? Cada día as persoas demandan máis poder comportarse en sociedade e non facer o ridículo, que é do que se trata. O protocolo son normas de convivencia, de facer a vida máis doada.

Di o Diccionario da Real Academia de la Lengua que o protocolo é a regra diplomática ou palatina establecida por decreto de costumes. ¿O protocolo só lles compete ás altas esferas da sociedade?

Non. Nas altas esferas da sociedade, se se refire ás institucións ou á monarquía, todo está regulamentado porque hai un protocolo de Estado. Pero se imos a outros círculos sociais, o obxectivo é unificar e coordinar os distintos sistemas de protocolo para que non haxa confusións e todo flúa. O protocolo non é só ordenación, é coordinación. É o mesmo que cando dis: vou facer polo meu aniversario un convite. Tes que pensar: como o fago, por teléfono ou por carta, por correo electrónico...

A orixe, como proba de paz, do costume de dar a man é, cando menos, curiosa. Dígame, ¿o protocolo evitou guerras?

Si, loxicamente. Porque o protocolo é unha forma de negociar. Vouche contar un detalle do s. XVI, dos españois e dos franceses. Cando os españois iamos negociar a Francia, os cociñeiros franceses organizaban as comidas con carne de pluma: faisáns, pavos, polos? Din os nutricionistas que estas carnes, cando chegan ao estómago, expándense e necesitas beber máis do normal porque dá moita sede. Así, canto máis comían os enviados españois, máis viño bebían e canto máis viño tiñan no corpo, máis dificultades tiñan para negociar. Así, os franceses contaban con máis bazas ao seu favor.

Pero o choque entre os diferentes protocolos e costumes dos países poden carrexar, como mínimo, situacións embarazosas. Supoñamos que alguén vai nunha viaxe de empresa ou de turismo a outro país, por exemplo a Rusia, e ao primeiro home que o saúda dálle tres bicos? ¿que consello se lle pode dar para saír airoso desta situación?

Eu poríame en contacto coa embaixada e preguntaría sobre os costumes, que hai que facer, que non? Hai pouco, por exemplo, recibimos unha chamada ao noso presidente sobre unha invitación que ían cursar e preguntáronnos: ¿impórtalles se pomos señor presidente e acompañante? Antes, o normal era que todo o mundo estivese casado, pero na actualidade hai parellas divorciadas, de feito, do mesmo sexo? E podo pór nun compromiso a persoa. Ou por exemplo hai ocasións que chaman preguntando: ¿podemos pór señora de..., ou hai que pór o nome da señora directamente?

Hai que darlle importancia, entón, aos detalles.

Si, os detalles marcan moito a diferenza.

¿E o coñecemento de etiqueta, cerimonial e protocolo garante o éxito social?

O que garante o éxito social é o teu xeito de aprender e levar á práctica esas regras comúns. O máis importante é o que dicía Graza de Mónaco, hai que saber envellecer e saber comportarse, porque o que non podes facer é xerar tensión e malestar ao outro.

Precisamente, ¿que lle parece ese costume de non querer dicir a idade?

A min paréceme absurdo, eu creo que hai unha cousa importantísima: ti es o que es e nunca podes ocultalo. Todos os adiantos que hai nos tratamentos estéticos fan que o teu xesto cambie. Hai pouco atopei unha señora que levaba seis operacións e pediume que non a fixese rir porque, literalmente, non podía facer ese xesto. Sinceramente, ¿a onde te leva isto? Eu creo que o máis importante é ser ti. Un dos aspectos máis relevantes do protocolo é a naturalidade. É clave.

¿Para saber comportarse fai falta ter diñeiro?

Antonio Gala hai moitos anos que di que pasamos da tortilla de pataca na Casa de Campo á tortilla de pataca nun restaurante de cinco estrelas. E ese é o problema. Ti o que precisas é una base cultural que vaia máis alá do económico.

¿Onde pode aprender unha persoa a saber comportarse?

Actualmente xa existen escolas de protocolo, de saber estar? Ademais, cada vez son máis numerosas as universidades que amosan interese en incluír unha materia vinculada co que poderiamos chamar "Educación Social". Este ano, nun curso de verán que impartimos no Escorial, tiven 50 alumnos, todos universitarios, que querían aprender como comportarse. Voulle pedir que exerza de asesora e que me aconselle nalgunhas situacións cotiás que sempre xeran dúbidas.

Encantada.

A primeira delas: unha voda. No caso dos homes, ¿con gravata ou sen ela?

Sempre. A condición de que, por exemplo, non esteas en México: alí non levan gravata porque morres de calor e podes ir co que eles chaman guayabera. En España se a voda é pola mañá aconsélloche traxes claros, se é inverno mellor un gris claro. Se é pola tarde, sempre o azul mariño, gris marengo, e eu sempre levaría gravata, non sendo que na invitación ao enlace indique expresamente que se pode ir sen gravata.

As mulleres que non sexan a noiva, ¿poden ir de branco?

Non gusta pero porque é facer de menos. A que ten o protagonismo ese día é a noiva.

Segundo compromiso: a entrevista de traballo. Imaxine que son un estudante acabado de licenciar que ten a súa primeira entrevista persoal. ¿Que debo e que non debo facer?

O primeiro é ver cal é o comportamento da empresa. Para iso temos unha fonte de información fantástica, que é a páxina web. Se é unha firma na que se traballa cunha vestimenta informal, pódese ir cunha vestimenta informal. Agora ben, se todos levan gravata, hai que levar gravata. No caso das mozas, eu utilizaría un vestido normal, uns zapatos discretos e, por suposto, unha maquillaxe moi natural e sen xoias moi rechamantes.

En canto ao comportamento, hai que ser moi cordial, pero respectuoso. Escoitar con atención as preguntas que che fan e, fundamental, imbuírte do espírito da empresa, porque non hai cousa que máis lle guste a un empresario que escoitar que te vas comprometer coa empresa. El xa ten o teu currículo e non vale que digas que che gusta a lectura, a música ou o esquí acuático.

Terceira situación: unha comida nun restaurante. ¿Cales son as recomendacións básicas?

No caso das copas, por exemplo, as cristalerías antes organizábanse desde a pequena de viño branco, á seguinte de viño tinto e á grande da auga. Agora os usos e costumes están cambiando porque fomos cara a un maior coñecemento no mundo da gastronomía. Agora todo o mundo entende de viños e todo o mundo foi algunha vez a unha cata. A copa da auga adóitana pór ata en cores para diferenciala ou máis pequena e? déixanche só unha copa porque hai xente que só bebe viño branco ou viño tinto. Cando serven a comida, no primeiro prato hai que agardar a que sirvan a todos os comensais, pero no segundo non. A razón é que os primeiros pratos adoitan ser entrantes e pratos que non son quentes, pero os segundos si o son, e aos comensais gústalles tomalos quentes, pero case todo o mundo agarda. E no caso dos cubertos, sempre de dereita a esquerda. Hai que ter coidado, por exemplo, con non meter a paleta de peixe na boca.

¿Como se debe tratar o camareiro?

Sempre de vostede, porque non esquezamos que el é o que che trae a comida, o que te vai servir, o que te pode manchar, o que te vai molestar se pasa algo...

Cuarta, e última situación: unha cita. ¿O cabaleiro sempre ten que pagar?

Ben, esta cortesía estase perdendo porque a muller quixo. O que non vale dicir é "quero igualdade", e ir no autobús cansa coma unha burra e agardar a que un señor me ceda o asento. Agora, se é unha muller cunha certa idade, un certo peso ou un problema físico, o lóxico é cederllo. Pero eu tamén llo podo ceder a un señor maior. Suponse que hai certo proteccionismo con respecto á muller. Dito isto, é moi bonito ver como un cabaleiro lle cede o asento a unha señora. Pero xa deixou de ser norma.

Ben, en determinados estamentos mantense, pero na vida cotiá, no teu día a día de compañeiros de traballo, a muller está moito máis equiparada ao nivel do home e trátase coma unha compañeira e non coma un ser que hai que protexer e coidar. A muller sempre hai que tratala ben, como sempre se tratou, sen caer en parvadas. Antes había moitas mulleres que non baixaban do coche se o señor non lles abría a porta. Con todo, aínda se manteñen certos costumes, pero non só coas mulleres, que poden resultar chocantes. Fíxate, Iberdrola comprou unha empresa en Suecia. Estivemos alí e os camareiros nos restaurantes pídenche permiso para colocarche o pano nas pernas.

E a moza, ¿como ten que responder ante o mozo que sempre a convida a cear, que sempre lle cede o paso?

Hai que comportarse con naturalidade e sen molestar a ninguén. Se alguén o fai con cariño, con afecto e porque te quere agradar, tes que seguirlle a corrente.


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto