Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Actualidade e lecer > Análise de produtos

Λ

Os datos, informacións, interpretacións e cualificacións que aparecen nesta información corresponden exclusivamente ao momento en que se realizaron e teñen, xa que logo, unha vixencia limitada.

Bolígrafos de tinta azul: Moi diferentes en prezo e duración

Están construídos sen materiais perigosos e soportaron ben as esixentes probas de resistencia

 Parece que sempre estivo entre nós, pero o bolígrafo é un invento relativamente recente, en concreto, dos anos corenta do século pasado. Laszlo Biro, un xornalista húngaro afincado na Arxentina, foi o primeiro en unir un tubo de plástico cunha punteira sobre a cal unha bóla metálica xira cando toca o papel. Así, a tinta dosifícase a medida que roda a bóla deixando o trazo no papel.

Indispensables no material escolar, o seu baixo prezo fai que, cando se quere adquirir un, rara vez se adopte máis criterio ca o vinculado aos gustos persoais. Pero, desde logo, hai diferenzas entre eles.

Analizáronse no laboratorio e sometéronse a unha proba de uso oito bolígrafos de tinta azul, que custaron desde os 24 céntimos de euros de Staedtler ata os 2,56 euros de Stabilo. Pero como non todos teñen a mesma cantidade de tinta (nin gastan o mesmo para escribir) calculouse o seu prezo relativo, isto é, canto custa trazar unha liña dun quilómetro, con resultados dispares: 0,06 euros/quilómetro con Staedtler fronte aos 1,20 euros/quilómetro de Bic Cristal xel.

A mellor relación calidade-prezo é Staedtler, o máis barato e o que menos custa por quilómetro escrito. Se o usuario busca un bolígrafo cun deseño máis coidado e cun trazo máis fino, outra opción interesante resulta Pilot BL-VB5, notablemente máis caro, pero o preferido na proba de uso.

Pesos e medidas

Un bolígrafo pesado acaba sendo molesto, sobre todo se se vai escribir con el durante horas. Bic Cristal, de 6 gramos, é o máis lixeiro, e Stabilo, con 13 gramos, o máis pesado. En canto ao diámetro da súa cana, vai dos 5,8 mm de Bic Cristal aos 11,4 mm de Stabilo Bionic. En lonxitude foron semellantes: os máis curtos, os dous Pilot (sobre os 13 cm), apenas son un par de centímetros máis pequenos ca o máis longo, Bic Cristal xel. Os trazos máis finos son os dos dous Pilot (0,5 mm de ancho) e o de Staedtler (0,56 mm), mentres que o máis groso é Bic Cristal xel (0,74 mm).

Unha das probas de resistencia consistiu en deixalos caer de punta (sen capuchón) sobre unha superficie dura, simulando o que ocorrería de caeren desde unha mesa ao chan. Logo, volveuse a medir a anchura do seu trazado, que se fixo máis fino, non sendo Stabilo, que mantivo o valor inicial (0,64 mm), e Staedtler, que aumentou (de 0,56 mm a 0,62 mm).

Os que máis tinta ofrecen son Pilot BL-VB5 e Bic Cristal xel (os dous, 2 mililitros), e o que menos Bic Cristal (0,33 mililitros). Pero os que máis tinta conteñen non son necesariamente os que máis metros son quen de escribir porque varía significativamente a cantidade de tinta usada por cada un deles.

Quilómetros de escritura

Para comprobar canto duran, deseñouse un dispositivo que mide cantos metros debuxa cada bolígrafo. Consistía nunha máquina que suxeitaba un bolígrafo e realizaba movementos cíclicos a unha velocidade constante, realizando trazos de 20 centímetros, sen pasar nunca por unha liña xa pintada. Estes datos, evidentemente, son orientativos porque nun uso real un bolígrafo escribirá máis ou menos. Os bolígrafos que menos escriben son Bic Cristal xel, que só chega a 510 metros e Inoxcrom, que non pasa de 1,5 quilómetros. Stabilo Bionic, o que máis dura, supera os catro quilómetros. Non se puido comprobar a durabilidade de Paper Mate porque a súa tinta non flúe de xeito regular e queda pegada nas paredes da cana, polo que non se poden extrapolar os resultados. Na proba de flexión apoiáronse os bolígrafos sobre dúas superficies que distaban 7,5 cm e aplicóuselles unha carga crecente ata a súa rotura. Inoxcrom, o máis resistente, chegou aos 29,7 quilogramos forza (kgf), seguido de Staedtler (24,8 kgf). O que menos aguanta é Paper Mate (6,4 kgf).

Para medir a súa resistencia ao esmagamento puxéronse entre dúas pranchas que se xuntaban ata rebentar as mostras. Paper Mate e os dous Pilot nin sequera romperon cando soportaron 2.000 kgf (o máximo aplicable). Seguíronos Inoxcrom e Stabilo, que romperon con 540 kgf. Os dous Bic foron os máis fráxiles: romperon con só 73 kgf.

Non estouparon

Un dos temores cos bolígrafos é que "estoupen" pola calor e manchen a roupa. Introducíronse as oito mostras en posición vertical nunha estufa de 40 ºC durante dous días. Cando volveron á temperatura ambiente, escribíronse 200 metros con cada bolígrafo. Ningún estoupou.

Moitas persoas chuchan ou morden a parte superior dos bolígrafos. Por iso se mediu a posibilidade de que migrasen certos materiais do bolígrafo á boca. Para comprobalo, introducíronse os bolígrafos esnaquizados nunha probeta cun líquido que simulaba a saliva dun neno (solución de ácido clorhídrico de 0,07 N, a 37 ºC) durante unha hora. Ese líquido arrefríase, fíltrase e analízase para descubrir se nel hai algún produto contaminante (buscouse antimonio, arsénico, bario, cadmio, cromo, chumbo, mercurio e selenio): non apareceu ningún.

O benceno é un potente disolvente que se emprega para facer as tintas máis fluídas, pero é moi tóxico, por iso a norma non permite máis de 5 mg/kg. As tintas quentáronse dúas horas a 120 ºC para poder facer unha cromatografía de gases, que demostrou que ningún bolígrafo ten máis de 1 mg/kg de benceno.

Para evitar que un neno ou unha nena que tragara un tapón sufra asfixia, estes produtos deben cumprir cunhas normas mínimas de seguridade se van ser utilizados por menores de catorce anos. A norma indica como deben ser as súas dimensións e o seu sistema de ventilación (un ou varios orificios dun diámetro determinado). Todos son seguros, porque permiten o paso suficiente de aire se se inxiren ou inhalan para evitar a asfixia. A Paper Mate, que non ten capuchón (a punta é retráctil), non se lle aplica esta severa norma.

Paginación


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto