Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Actualidade e lecer > Análise de produtos

Λ

Os datos, informacións, interpretacións e cualificacións que aparecen nesta información corresponden exclusivamente ao momento en que se realizaron e teñen, xa que logo, unha vixencia limitada.

Produtos de aperitivo: gusanitos e pajitas: Mellor consumilos só de cando en vez

Son moi calóricos e salgados. En dous dos oito analizados, a proporción de graxas saturadas, as menos saudables, era elevada. Ademais, reducen o apetito dos nenos e afanos a sabores intensos e pouco naturais

 Os petiscos ou aperitivos salgados son un produto elaborado pola industria alimentaria que se caracteriza polo seu pequeno tamaño, por ser lixeiro, fácil de manipular e máis aínda de comer, saboroso e capaz de combater momentaneamente a sensación de fame do seu consumidor. Poderíase pensar que outra das súas características é o seu reducido prezo, pero este é un aspecto que habería que revisar: dos oito petiscos (gusanitos de millo e pajitas de pataca) comparados por CONSUMER EROSKI nesta análise, tres saen a máis de 20 euros o quilo, un a 15 euros o quilo e dous roldan os 9 euros o quilo. Os dous restantes saen a 7 e 4 euros o quilo. Xa que logo, de baratos teñen máis ben pouco.

Os petiscos, que chegan ao consumidor nunha gran diversidade de presentacións, poden ser enfornados, fritidos e estar cubertos de cacao, ademais de contar con moi distintos aromas e sabores, como manteiga, barbacoa, xamón, kétchup ou queixo. Os seus intensos sabor e aroma e a súa peculiar textura fanos moi tentadores para moitos consumidores, ata o punto de que a non poucas persoas lles custa resistirse ante unha bolsa aberta de crocantes petiscos.

Nesta comparativa analizáronse os dous petiscos máis consumidos polos nenos: gusanitos e pajitas ao natural, os dous sen sabores. Compóñense fundamentalmente de fariña ou sémola de cereais ou tubérculos (millo, trigo, fécula de pataca) e graxa (aceite de sementes, graxa vexetal ou graxa vexetal hidroxenada), acompañados de auga, sal e aditivos (colorantes, saborizantes e conservantes).

Que teñen os gusanitos e as pajitas

  Leváronse ao laboratorio cinco mostras de gusanitos (produto de aperitivo enfornado) e tres de pajitas de pataca (produto de aperitivo fritido), e a primeira conclusión que depararon as medicións foi que estes petiscos son alimentos moi enerxéticos (desde 450 ata 540 calorías cada cen gramos), debido ao seu escaso contido en auga (representa só entre o 1,3% e o 4,3% do produto) e mais aos seus ingredientes fundamentais: o millo ou a pataca, ambos os dous ricos en hidratos de carbono, e a graxa que se emprega para fritilos ou enfornalos. A norma establece que a humidade nos produtos de aperitivo non debe superar o 5%, extremo que se cumpriu en todas as mostras. Os hidratos de carbono supoñen entre o 64% e o 75% do produto nos gusanitos, e entre o 59% e o 67% nas pajitas. As proteínas, de orixe vexetal (provenientes do millo ou da pataca) aparecen en cantidade modesta: nos gusanitos representan entre o 5% e o 6,5%, e nas pajitas entre o 1,4% e o 3,2%.

Os gusanitos elabóranse a base de millo, ao que se lle engade aceite ou graxa vexetal e sal, mentres que as pajitas se compoñen dunha masa de pataca que se frite, absorbendo o produto parte da graxa da fritura. Por iso as pajitas teñen máis graxa (entre o 27% e o 32% do produto é graxa, e unha media do 29%) ca os gusanitos (entre o 14% e o 24% de graxa, e unha media do 19%). Os petiscos menos graxos de todos os analizados foron, e con clara diferenza respecto dos demais, os gusanitos Rufinos (14% de graxa) e Jojitos (15%), mentres que se revelaron como os máis graxos as pajitas Facundo (o 32% de graxa).

Non todas as graxas vexetais son iguais

Pero non só importa a cantidade de graxa que conteñen os petiscos (e os alimentos en xeral), senón tamén o tipo de graxa (as saturadas, como é sabido, son as menos saudables). E dáse a circunstancia de que, por veces, esta información, o tipo de graxa empregada, non se lle ofrece de modo axeitado consumidor. Nesta comparativa, a etiqueta das pajitas de Risi e Facundo e dos gusanitos Rufinos indica simplemente "graxa vexetal", cando se trata de graxa de palma nos dous primeiros casos, e de soia no terceiro. O laboratorio estudou o tipo de graxa que usan os fabricantes destes oito petiscos e determinou que en todos os casos eran os indicados nas respectivas etiquetaxes. Todos, efectivamente, utilizan aceites vexetais, polo que non conteñen colesterol. Máis en concreto, os gusanitos Risi, Jojitos, Jumpers, Aspitos e as pajitas La Iscariense utilizan aceite de xirasol, e os Rufinos aceite de soia; pero as pajitas Risi e Facundo usan graxa de palma. Este uso da graxa de palma é unha peculiaridade importante: a proporción de ácidos graxos insaturados (con efectos positivos no control do colesterol) representa o 88% do total da graxa nos petiscos que empregan aceite de xirasol e o 82% no que opta polo de soia. Con todo, nos dous que utilizan graxa de palma (pajitas Risi e Facundo) esta proporción de insaturados queda no 53%. Dito doutro xeito, a proporción de graxa saturada (a menos saudable) é moi superior nos petiscos elaborados con graxa de palma. Isto é ben coñecido, pois sábese que empregar aceites de sementes, coma o xirasol ou a soia, fai que predomine a graxa insaturada sobre a saturada, mentres que se se utiliza palma ou graxa vexetal hidroxenada, aumenta notablemente a presenza as graxas saturadas, menos saudables ca as insaturadas. Un consumo abundante de graxa saturada tende a elevar os niveis de colesterol no sangue (factor de risco cardiovascular).

Tamén se analizou o contido en graxas trans (trátase de aceites líquidos que sufriron un proceso de hidroxenación parcial que alongan a vida útil e potencian as calidades organolépticas do produto), ás que se lles atribúe non só a capacidade de aumentar o colesterol malo no sangue (colesterol LDL, que se deposita nas arterias coronarias, aumentando o risco de cardiopatía coronaria) senón tamén a de reducir o nivel do colesterol bo (HDL). Xa que logo, estas graxas trans son aínda menos saudables ca as saturadas. De todos os xeitos, as cantidades de graxa trans atopadas nas oito mostras foron pequenas, en ningún caso superiores ao 1% do total da graxa. En España non hai nada lexislado sobre a cantidade admitida de graxas trans, pero pode servir como referencia que a normativa danesa establece un máximo de graxa trans nos alimentos: o 2% do total da graxa.

As pajitas son algo máis calóricas: cen gramos de gusanitos achegan de media 477 calorías (entre as pouco máis de 450 de Jojitos e Rufinos e as 500 de Risi), mentres as pajitas representan de media 521 calorías cada cen gramos, nunha pinza que vai desde 510 de La Iscariense e Risi ata as 540 de Facundo).

Demasiado sal

A lexislación establece para estes produtos un máximo dun 5% de sal sobre substancia seca (peso unha vez eliminada a auga). Os oito petiscos respectan este máximo, pero as diferenzas no contido de sal son moi significativas xa que van desde o 0,7% de sal dos gusanitos Rufinos e o 3,2% das pajitas Risi. Considérase que os nenos de 1 a 3 anos non deben consumir máis de 2 gramos de sal ao día; os de 4 a 6 anos, non máis de 3 gramos, e os de 7 a 10 anos, non máis de 5 gramos ao día. Tendo en conta estas recomendacións, a cantidade de sal de moitos destes petiscos é certamente excesiva: unha bolsa de pajitas Risi, que pesa 20 gramos, contén 0,63 gramos de sal, un terzo do consumo diario máximo aconsellado para os nenos máis pequenos, e unha bolsa de gusanitos Jojitos (36 gramos) achega 0,42 gramos de sal. Ademais, estes aperitivos non son a única fonte de sal na alimentación infantil.

Por outra banda, en cinco das oito mostras detectouse glutamato, un coñecido aditivo potenciador do sabor, permitido pero innecesario en produtos de calidade, que nas etiquetas se identifica como E-621 e que se pode engadir sempre que non supere as 10.000 ppm (partes por millón). Os contidos foron moi dispares, pero ningún superaba ese límite. A maior presenza comprobouse (7.940 ppm) nos gusanitos Jumpers. As pajitas Facundo (395 ppm de glutamato) non o indican na súa etiqueta, co que incumpren a norma. E, curiosamente, non se atopou este aditivo nos gusanitos Rufinos, que din engadírllelo.

Buscáronse no laboratorio outros dous aditivos, ambos os dous conservantes con poder antioxidante: o BHA (butilhidroxianisol) evita o arresesamento das graxas e o BHT (butilhidroxitolueno) emprégase combinado co BHA xa que potencia os seus efectos. Nos produtos de aperitivo está permitida a presenza de BHA ata 200 ppm do total da graxa, pero aos aceites empregados pódenselles engadir os dous. Catro mostras (as tres de pajitas e unha de gusanitos, a de Rufinos) carecían de ambos os dous aditivos. Só nunha (gusanitos Jumpers) se detectaron ambas as substancias (63 ppm de BHA e 8 ppm de BHT), mentres que se viu só BHA nos gusanitos Jojitos (26 ppm) e Aspitos (3 ppm), e só BHT nos gusanitos Risi (0,5 ppm). A cantidade detectada de ambos os dous antioxidantes é moi pequena e nas dúas mostras que conteñen BHT non se pode asegurar que incumpran a normativa, debido a que a súa presenza pode deberse tanto á súa incorporación ao propio alimento coma a que o contivese o aceite utilizado.

Dous, fóra da norma por etiquetaxe incorrecta

O estudo das etiquetas destes oito petiscos revelou irregularidades en dous produtos (ambos os dous pajitas de pataca: Facundo e La Iscariense), que quedan fóra da norma. A denominación "Pajita fina" de La Iscariense non está contemplada na norma, e deberíase chamar "Produto de aperitivo fritido". Ademais, incumpre tamén a norma ao mostrar no seu envase un selo de xestión de calidade da empresa e non do alimento, algo non permitido. Facundo, pola súa banda, na súa listaxe de ingredientes di conter graxa vexetal "comestible", o que non está permitido, xa que non se poden elaborar alimentos con graxa non-comestible. Outro incumprimento de norma en pajitas Facundo é que contén ácido glutámico (395 ppm, detectado no laboratorio), aditivo saborizante, cando non o indica na súa listaxe de ingredientes. As etiquetas dos outros seis petiscos cumprían a normativa, xa que achegaban toda a información esixida e non cometían irregularidades. Agora ben, os gusanitos Rufinos e as pajitas Risi e Facundo mellorarían a súa etiquetaxe se especificasen (como fan o resto dos petiscos) o tipo de graxa empregada (unicamente indican "graxa vexetal"), xa que os diversos aceites vexetais son, desde o enfoque que relaciona nutrición con saúde, ben dispares: neste caso, o aceite de xirasol ou de soia ten un perfil de graxa máis saudable ca o de palma (utilizado por Facundo e Risi, ambos os dous pajitas) cuxa proporción de graxa saturada é moito maior.

Pola súa condición de produto moi calórico, graxo e salgado, os fabricantes deberían incluír información nutricional, aínda que a norma non obrigue a iso, pero só o fan catro (as dúas mostras de Risi, e as dúas de aperitivos extrusionados: gusanitos Jojitos e Super Aspitos) dos oito comparados; ademais, non só ofrecen os datos por 100 gramos de produto, senón tamén por ración de consumo, neste caso, a bolsa.

Calidade hixiénica deficiente en tres dos oito petiscos

A área de microbioloxía do laboratorio analizou o estado hixiénico sanitario das oito mostras. A normativa de produtos de aperitivo esixe ausencia de enterobacterias, Staphylococcus aureus, Salmonella e enterococos. Os resultados foron negativos en todos os parámetros non sendo nas enterobacterias, cuxa presenza se fixo notar nos gusanitos Jumpers e nas pajitas La Iscariense e Risi, é dicir, en tres dos oito petiscos estudados. Os recontos rexistrados foron moi baixos (inferiores nos tres casos a 10 ufc/g, unidades formadoras de colonia por cada gramo), pero os tres produtos incumpren a norma, que esixe ausencia destas bacterias no alimento. Todo apunta que, nos tres casos, esta indesexable presenza de enterobacterias, que non supón risco sanitario para o consumidor, se debe a unha falta leve de hixiene no procesamento do produto.

Paginación


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto