Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Saúde

Λ

Meniscos de cristal

Preto do 40% da carga que atura o xeonllo recae nos meniscos, cartilaxes que sofren especialmente co paso dos anos e coa práctica deportiva intensa

 Desgaste cando os anos avanzan e traumatismos pola práctica de deporte nos máis novos. Poucas pezas hai no corpo humano tan suxeitas aos avatares vitais como os xeonllos e, de xeito moi particular, dun dos seus elementos fundamentais, os meniscos. Do seu bo estado depende a nosa estabilidade e algo tan fundamental como a calidade de noso camiñar. É un dos prezos que pagamos por sermos bípedes.

Camiñar ergueitos, un dos trazos máis distintivos dos humanos, ofrece, como se demostrou en múltiples estudos evolutivos, innumerables vantaxes. Unha das máis relevantes, á que se asocia en parte o desenvolvemento do cerebro, é a liberación de brazos e mans, aspecto que nos permitiu desenvolver habilidades incontables. Pero tamén carrexou que o noso corpo sufrira modificacións que o manteñen en tensión. E da tensión derivaron problemas de repartición de forzas que se traduciron, sobre todo, en doenzas das partes que nos dotan de mobilidade e de flexibilidade, en particular das articulacións, entre elas, do xeonllo, dotado de grande estabilidade, especialmente en extensión, e que ten, á súa vez, unha gran mobilidade.

A peza que axusta as propiedades de ósos e músculos e a que dota o xeonllo das súas características é o menisco, unha cartilaxe situada no interior da articulación. A súa estrutura e forma semilunar aumentan a profundidade da superficie case plana da parte superior da tibia, o que proporciona maior estabilidade. Sen o menisco, a forma arredondada do fémur esvararía sobre a superficie plana da tibia.

Os dous meniscos que hai no xeonllo, o interno e o externo, actúan como unha chumaceira entre o fémur e a tibia diminuíndo a forza do peso corporal e distribúen as forzas transmitidas a través do xeonllo, soportando case o 40% da carga que recibe da articulación. A súa estrutura, en tres capas, permite amortecer o conxunto de forzas e evitar un desgaste excesivo. Sen o menisco, danaríanse as superficies óseas, provocando a dexeneración do tecido.

Por este motivo, a extirpación completa dos meniscos é un factor que predispón á aparición de artrose: as superficies articulares de fémur e tibia entran en contacto directo, o que provoca unha erosión constante da cartilaxe que pode deixar o óso ao descuberto, sen protección. Por iso, a extirpación completa do menisco apenas se practica.

Lesiòns e desgaste

  As lesións de menisco son as que máis a miúdo sofre o xeonllo e case sempre son de orixe traumática. Nas persoas novas os máis dos traumatismos son de orixe deportiva e danse, sobre todo, coa práctica do fútbol e do esquí. Estas dúas disciplinas son as dúas actividades de maior risco, xa que se traballa co xeonllo en flexión. Por suposto, tamén se poden dar noutros deportes nos que os xeonllos efectúan un traballo constante de flexión.

No fútbol, cando o xeonllo rompe co pé fixo no chan e en lixeira flexión, danse as condicións ideais para a rotura dos meniscos. Se o trauma é moi violento, a lesión pode afectar tamén aos ligamentos, algo similar ao que acontece no esquí. Ademais, as lesións nos ligamentos laterais poden afectar aos meniscos, aos que están intimamente unidos.

Segundo avanza a idade, o menisco tórnase menos elástico, o que o converte nunha estrutura máis fráxil e quebradiza. É entón cando traumatismos mínimos o poden lesionar. Salvar un obstáculo ao camiñar, andar por terreos irregulares, saltar ou baixar escaleiras son circunstancias que poden favorecer as lesións en persoas maiores.

Diagnóstico e tratamento

Identificar unha lesión no menisco non adoita entrañar dificultades: como se produciu a lesión, os síntomas e a exploración física xa orientan cara ao diagnóstico. A resonancia magnética nuclear (RMN) pode ser necesaria para confirmar, situar a lesión e descartar outras lesións asociadas de ligamentos, ósos, cartilaxes, músculos e tendóns. As radiografías convencionais só son útiles para determinar se hai outras condicións asociadas, pero non para valorar o menisco roto. A RMN é unha proba indolora e para valorar a articulación non require o uso de contraste.

En ocasións, a artroscopia, procedemento cirúrxico usado para visualizar e tratar problemas nas articulacións, tamén se utiliza como método diagnóstico. Esta técnica cirúrxica realízase en quirófano e baixo anestesia, xa sexa xeral, espiñal ou local, dependendo da articulación ou do problema a resolver. Por unha pequena incisión na articulación do xeonllo introdúcese unha microcámara de fibra óptica que permite visualizar o interior, valorar directamente as estruturas internas e tratar as lesións a través doutra pequena incisión, por onde se introducen instrumentos especiais para retirar ou reparar a porción danada do menisco.

En certos casos o desgarro de meniscos poden repararse mediante cepillado e sutura, aínda que non sempre é posible a reparación. Os pacientes novos con roturas de meniscos recentes son os candidatos ideais para a reparación, mentres que as roturas con base dexenerativa en pacientes de idade avanzada por debilidade e desgaste do menisco se consideran difíciles de solucionar.

Así e todo, un menisco lesionado non sempre acaba en intervención. Cando a lesión non é moi extensa e non provoca dor nin bloqueos, pode demorarse, aínda que algúns expertos sinalan que a lesión no menisco, por moi pequena que sexa, pode acabar danando a cartilaxe articular. O menisco é unha estrutura con pouca irrigación e isto determina a súa pouca tendencia á curación espontánea, é dicir, non cicatriza por si só. En calquera caso, non parece que as probabilidades de desenvolver unha artrose cun menisco roto non operado sexan moi elevadas. Pola contra, cando se extirpa un fragmento de menisco roto, a máis cantidade eliminada, maior carga sofre a articulación e máis probabilidades existen de desenvolver unha artrose.

No caso da intervención, as pequenas incisións resólvense aos poucos días e a vendaxe retírase normalmente ás 24 horas. A dor na articulación é mínima e adoita tratarse con antiinflamatorios non esteroides, co que queda solucionada ás poucas semanas. Non obstante, é importante un programa específico de rehabilitación para que a articulación recupere a súa funcionalidade ao máximo.

Cando se produce a ledión do menisco

  • No momento de producirse un traumatismo pódese sentir algo parecido a un estalo ou ruxido.
  • Percíbese axiña unha dor intensa na zona lesionada: se a lesión é no menisco externo, na cara lateral externa do xeonllo; e se é no menisco interno, na cara interna.
  • Con movementos de flexo-extensión do xeonllo pódense sentir estalos ou clicks.
  • Existe limitación no movemento de flexión e extensión do xeonllo, que se nota ao subir e baixar escaleiras, agacharse e axeonllarse, e que vai acompañado de dor de diferente intensidade.
  • O síntoma máis clásico é o chamado bloqueo do xeonllo: non se pode estender completamente a articulación cando o fragmento roto queda atrapado no mecanismo de bisagra.
  • Pode aparecer un pequeno derramo de líquido sinovial na articulación que xeralmente é pouco importante.

Para axudar a diminuír a dor

  • Aplicar frío local durante as primeiras 48-72 horas en sesións de 15 minutos, sen superar as tres horas totais por día. Hai que evitar o contacto directo do xeo coa pel para evitar queimaduras pola baixa temperatura.
  • Repouso total da articulación durante 24-48 horas.
  • Manter elevada a extremidade durante uns días.
  • Aplicar unha vendaxe compresiva elástica, non ríxida e sen apertar demasiado.

Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto