Saltar o menú de navegación e ir ao contido
Aumentan os desaloxos baseados en presións psicolóxicas, avarías sen arranxar, cortes de luz e falta de hixiene e mantemento. Ao mesmo tempo, aumentan as medidas legais para frear estes métodos ilegais
O fenómeno do móbbing ou acoso inmobiliario aumenta cada ano da man da especulación e afecta de xeito especial aos inquilinos de avanzada idade que viven en inmobles de renda antiga, en moitos casos inferior aos 100 euros mensuais. O crecemento do mercado e o escaso atractivo económico destas vivendas plasmouse na venda de pisos "con bicho" ou "con verme", degradantes denominacións coas que se identifica no argot deste negocio ao inquilino. O comprador, no mellor dos casos, será un banco que esperará unha substancial rendibilidade a medio ou longo prazo e, no peor, o interesado en mercar será un especulador ben equipado para exercer o móbbing inmobiliario.
Esta modalidade de móbbing non é nova en España nin fóra. En 1998, o Concello de Cádiz ditou un bando municipal para advertir á cidadanía sobre estas prácticas. Cinco anos despois, o Concello de Barcelona decidiu acudir á Fiscalía para loitar contra o acoso inmobiliario.
Pódese definir como prácticas antisociais baseadas no acoso e abuso para forzar que alguén marche da súa casa, independentemente de que esta sexa propia ou arrendada. A picaresca e artimañas son variadas: dende inducir a entrada de okupas no edificio ou de veciños perturbadores, á negativa do arrendador de cobrar a renda, pasando pola falta de hixiene e de mantemento da vivenda ou do edificio, con cortes nas subministracións básicas de auga e luz. O obxectivo non é outro que desafiuzar o arrendatario baixo unha falsa aparencia de legalidade, convencéndoo para que el mesmo abandone a vivenda ou minar a súa paciencia e integridade moral, prácticas todas elas que constitúen fraude e delito.
Abandonar o edificio para obter a declaración de ruína e a negativa a cobrar a renda son as principais estratexias que se utilizan para botar un inquilino despistado de renda antiga. A estes dous primeiros métodos, onde a fronteira entre o legal e o delituoso é máis difuso, súmanse os casos de ameazas, coaccións, violación de morada, danos, aldraxes ou calumnias, todos eles delitos, ou faltas xa tipificadas no Código Penal. En calquera caso, o pasado verán propúxose unha reforma legal que penalizaba especialmente estes abusos, xa que o acoso lesiona a integridade moral da persoa, que é un dereito constitucional.
Un dos primeiros avances no recoñecemento legal deste tipo de condutas foi a reapertura da primeira querela en España por móbbing inmobiliario. Presentada no 2003 pola arrendataria, unha viúva de 75 anos con contrato de alugueiro dende 1936 e renda mensual de 40 euros, foi desestimada e posteriormente reaberta pola Audiencia de Barcelona no 2004. Uns okupas apoderáranse da terraza e o piso atopábase agretado, infectado de ratas e cascudas, e con problemas de subministracións sen que o propietario fixese nada polo mantemento do edificio.
Nesta liña temos a actuación doutro veciño, neste caso da localidade biscaíña de Getxo. Un empresario mercou unha das tres plantas dun inmoble, aínda que desexaba o edificio enteiro. Ante a negativa dos propietarios do primeiro piso a vender, o empresario "arrendoulle" a súa propiedade a unha familia numerosa e conflitiva por un euro ao mes como parte dun plan de acoso. Finalmente, o Xulgado de Instrución n.º 6 de Getxo ditou medidas preventivas contra o empresario e inquilinos, obrigando ao desaloxo dos imputados e a súa expulsión da localidade porque era "imprescindible que os prexudicados fixesen vida normal na súa cidade sen o temor de atoparse cos agresores".
En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI