Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > O máis práctico > Consellos

Λ

Condutores e ciclistas: Unha convivencia difícil chea de accidentes

A maioría dos accidentes prodúcense por actitudes incorrectas, tanto por parte dos condutores coma dos propios ciclistas

 Cada ano morren nas estradas españolas máis dun cento de ciclistas. Soamente no 2005 as bicicletas víronse implicadas en 2.338 accidentes de circulación con vítimas. A terceira edición do informe "As principais cifras da sinistralidade viaria", da DXT, salienta que a maioría destes sinistros (o 74%) se produciron por colisións con outro vehículo, e, contrariamente ao que se puidese pensar, sucederon principalmente en zona urbana (68%). A distracción, os xiros e adiantamentos incorrectos ou a invasión repentina doutro carril son as principais causas dos accidentes nos que están implicados condutores e ciclistas. Non obstante, a seguridade das persoas que viaxan non só depende da actitude dos condutores, senón tamén da súa propia iniciativa para extremar as precaucións e non cometer imprudencias.

Condutores

Ciclistas, os máis débiles

  • Segundo a Dirección Xeral de Tráfico, as infraccións máis habituais cometidas polos condutores sobre os ciclistas son: distracción, velocidade inadecuada, adiantamentos antirregulamentarios e xiros incorrectos.
  • O condutor é o causante do accidente no 44% dos casos.

Por unha convivencia cívica e segura

  • Se se cruza con ciclistas que van en paralelo, non lles berre nin lles pite. Fano para seren máis visibles.
  • Se leva diante un ciclista, manteña a distancia de seguridade. A capacidade para frear da bicicleta é maior ca a dun vehículo e podería deterse máis rápido do esperado.
  • Cando se achegue a un ciclista reduza a súa velocidade e extreme a atención, sobre todo en interseccións, rotondas e túneles.
  • Avise ao ciclista da súa presenza cun suave toque de bucina cando estea a uns 100 metros.
  • Saiba que se un ciclista non circula pola beiravía e "invade" o seu carril non o fai para molestalo. Pode que o que pretenda sexa evitar unha focha, un charco, pedras ou restos (pneumáticos, manchas de aceite, lixo, etc.) deixados por outros vehículos. Tamén adoitan facelo para seren vistos cando están a chegar a cruces con estradas laterais, ou para disuadir os condutores de adiantalos en estradas estreitas.
  • Cando chegue a un cruzamento, rotonda ou semáforo no que un ciclista teña preferencia, non esqueza que debe ser tratado como calquera outro vehículo, cedéndolle o paso se é necesario.

Adiantamentos correctos

  • Antes de adiantar a unha persoa que viaxa en bicicleta debe ter en conta que se non o fai á distancia legal establecida -un metro e medio- non só estará a incumprir a lei, senón que ademais estará a poñer en perigo unha vida humana.
  • Durante o adiantamento, reduza a velocidade. Cando supera un ciclista a gran velocidade, o seu vehículo provoca un efecto "rebufo" que pode desestabilizar o corredor.
  • Ha de saber que se os condutores reducisen a velocidade dos seus automóbiles en só 5 km/h, a mortalidade no colectivo ciclista se reduciría un 25%.
  • Segundo a lexislación vixente, está prohibido adiantar, independentemente do lugar, cando se poña en perigo ou se entorpeza aos ciclistas que circulen en sentido contrario.

Ciclistas

As mesmas obrigas que os demais vehículos

  • A bicicleta é un vehículo, e, como tal, debe respectar as normas de circulación, sobre todo na entrada de rotondas e cruzamentos.
  • Facilítelles no posible as manobras aos condutores, sobre todo cando transite en grupo. Lembre que a estrada é de todos.
  • Sinalice as súas manobras. Non esqueza que non está só no asfalto. Advirta das súas intencións ao resto de usuarios da vía. Sinale a manobra antes de arrancar, deterse ou cambiar de dirección. Circule en liña recta ao pasar por liñas de coches aparcados sen zigzaguear entre eles.

Ver e ser visto

  • Fágase ver polo resto de condutores. Vista roupas de cores vivas. É obrigatorio por lei o uso de reflectantes por vía interurbana sempre que sexa obrigatorio o uso de iluminación -dianteira e traseira-, é dicir, en túneles ou de noite. A roupa reflectante debe permitir ser distinguido por outros condutores e usuarios a unha distancia de 150 metros.
  • Poña atención nas luces da súa bicicleta. As antigas dínamos, que xeran luz só cando a roda está en movemento, non son recomendables, xa que quedará ás escuras así que se deteña, por exemplo, nos cruzamentos ou nun semáforo.

Pedaladas seguras

  • Sempre que saia á estrada leve consigo o seu DNI, número de teléfono, cartos e un documento con datos sanitarios que inclúa o grupo sanguíneo e as posibles alerxias.
  • Non esqueza que o casco é fundamental para a súa seguridade. Está comprobado que, en caso de accidente, o seu uso pode reducir ata un 85% o risco de sufrir feridas na cabeza. Para que un casco sexa fiable debe absorber ben os golpes, ser resistente aos obxectos penetrantes, non ter bordos cortantes e suxeitarse firmemente pero sen premer en exceso.
  • Deixe a música na casa. Os auriculares non lle permiten controlar o tráfico que o rodea.

Respecto e precaución na cidade

O uso crecente da bicicleta como medio de transporte urbano redobra a necesidade de que os condutores e mais os propios ciclistas tomen conciencia de que as vías das cidades son ámbito de convivencia, e non un couto pechado duns e doutros.

Condutores

Na cidade, non hai que baixar a garda

  • Non se altere se atopa un ciclista no medio do carril, sobre todo se circula por cidade, porque a lei recoñece o seu dereito a facelo. O mesmo acontece nos descensos prolongados.
  • Non perda de vista os retrovisores cando circula por cidade, especialmente antes de baixar do vehículo. No intre de abrir a porta, tanto vostede como os seus acompañantes poden danar os ciclistas. A nova normativa de Tráfico pon especial atención neste aspecto.
  • Se estaciona o seu vehículo en dobre fila, sobre as pistas especiais para bicicletas, ou nunha beiravía, saiba que está obrigando a que os ciclistas circulen mesturados co tráfico.

Ciclistas

Sen riscos, tamén en cidade

  • Cando circule por cidade xunto a unha fila de coches aparcados, sitúese algo máis á esquerda no carril para non bater cunha porta que se abra inesperadamente. O 10% dos accidentes graves dos ciclistas débese a portas que se abren de súpeto no mesmo momento en que o ciclista está a pasar.
  • Nun semáforo nunca se deteña no ángulo morto de visión do automóbil. Fágao detrás ou á súa dereita, pero estea sempre visible. Extreme a precaución cos autobuses e vehículos longos, xa que necesitan máis espazo para xirar e pode quedar no medio e sufrir un accidente.

Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto