Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Alimentación

Λ

Versións xigantes de alimentos: Porcións XXL

Elaborados cun exceso de graxas, azucres e calorías, poden inducir ao seu consumo irracional e nada saudable polo seu marcado sabor e o seu prezo alcanzable

 Nun país coma o noso, no que a tortilla de pataca foi tradicionalmente o prato estrela para nenos e maiores na casa e na rúa, estase a vivir un novo fenómeno, o das porcións XXL, que ata non hai moitos anos estaba acoutado ao estilo de vida estadounidense e anglosaxón. Pero xa non é así. A oferta de grandes porcións de alimentos preparados con prezos reducidos, e a súa crecente aceptación, é unha realidade que preocupa a médicos, nutricionistas e responsables públicos. A causa: na maioría dos casos, estes produtos conteñen demasiadas graxas, azucres e calorías que, polo seu marcado sabor e o seu prezo alcanzable, poden inducir a un consumo irracional e nada saudable.

Os establecementos de comida rápida teñen ao dispor do cliente porcións xigantes dos seus produtos estrela. A isto súmase que dentro dos produtos de consumo cotián son cada vez máis frecuentes as porcións que superan o tamaño recomendable. As dimensións variaron, de forma que a porción individual, antes considerada normal, se converteu na "mini" e, ao mesmo tempo, abundan as de gran tamaño.

Estados Unidos inventou a comida rápida e as versións xigantes de alimentos. Na actualidade, este efecto estase a estender por todo o mundo. De feito, unha das maiores multinacionais de comida rápida, McDonalds, ten abertos máis de 30.000 locais nos que comen a diario máis de 46 millóns de persoas en todo o mundo (o equivalente a toda a poboación española). No noso país, segundo datos de Fehrcarem (Asociación Empresarial de Cadeas de Restauración Moderna) e atendendo ao cambio nos hábitos de vida da sociedade actual -menos horas para a vida familiar, menos coñecemento culinario, menos tempo para comer-, prevese que en só cinco anos o 50% das comidas se fará fóra do fogar. Unha gran proporción destas comidas servirase, con toda probabilidade, en establecementos de comida rápida.

En xaneiro de 2005 a Axencia Española de Seguridade Alimentaria e Nutrición (AESAN), organismo autónomo adscrito ao Ministerio de Sanidade e Consumo, xunto coa Federación Española de Hostalaría e Restauración (FEHR) e a Fehrcarem asinaron un convenio polo que se comprometían a non incentivar o consumo de porcións ou porcións individuais xigantes. Malia o convenio, en novembro de 2006 saltou a polémica: a cadea Burger King anunciou a súa hamburguesa xigante e o Ministerio de Sanidade e Consumo denunciou a campaña publicitaria ao tempo de que advertía publicamente das consecuencias nocivas deste tipo de anuncios.

Versións xigantes

  Comidas económicas, produtos apetitosos con sabores pronunciados e porcións proveitosas son as bazas coas que xogan os establecementos de comida rápida. Por pouco diñeiro pódese comer e saciar a fame. Ademais, presentan o alimento elixido á medida: hai ao dispor do cliente porcións pequenas, medianas, grandes e supergrandes ou XXL.

En Estados Unidos, o refresco pequeno (200 ml) converteuse no "mini" e o grande (250 ml) é o pequeno. Nesta proporción, o mediano contén medio litro de bebida e o grande, un litro. E mesmo hai envases para levar de 2 litros. Estas porcións empezan a chegar ao noso país coa agravante de que, a pesar de que a cantidade aumenta, o prezo apenas varía. Pero o fenómeno non se dá só cos refrescos. Esténdese tamén a outros produtos como os cornetes de patacas fritas: a porción "mini" alcanza os 80 gramos, a que habitualmente comeriamos na casa; a mediana é de 115 gramos e a xigante de 150 gramos. O mesmo acontece coas hamburguesas, que duplican ingredientes. É dicir, non só aumenta a cantidade de carne, senón tamén de queixo, touciño entrefebrado e de salsas.

Aínda que en aparencia son produtos que se enmarcan dentro dun estilo de comidas moi concreto -en forma de aperitivos para tomar entre horas como a comida rápida-, este padrón de versións xigantes é cada vez máis habitual entre os alimentos de consumo cotián como os iogures, o pan de molde ou para hamburguesas, zumes de froitas, salchichas e galletas de chocolate, entre moitos outros.

Os tamaños xigantes "de sempre"

Comer moito non é algo novo. A nosa cultura tamén inclúe nas súas tradicións menús xigantes, mesmo en hábitos diarios. Degustar unha porción de carne de 200 a 250 gramos enténdese como normal, e non obstante, supera con creces os 120 gramos considerados como razoables polos expertos, tal e como publica na súa Guía da alimentación saudable a Sociedade Española de Nutrición Comunitaria. Fóra das cadeas de comida rápida, tamén os restaurantes caseiros ou de menús ofrecen porcións de tamaño pouco razoable. Á ensalada séguelle un prato de culler e a este unha porción desmesurada de carne ou de peixe. Despois a sobremesa elaborada, acompañada de moito pan.

Tanta comida non é necesaria, nin sa. Se a ensalada se acompaña dun prato de arroz non hai por que tomar un guiso, nin sequera un peixe á grella. O corpo non o necesita nin cando comemos na casa nin fóra. Se se come pasta, arroz ou legume, non é necesario un segundo prato, e se se opta por carne ou peixe, unha ensalada ou unha verdura como entrante é suficiente.

A Administración fai o seu papel

En España, a Axencia Española de Seguridade Alimentaria e Nutrición (AESAN) adquiriu un notable protagonismo na promoción dos estilos de vida saudables para loitar contra a obesidade. Parte do seu compromiso materialízase na Estratexia para a Nutrición, Actividade Física e prevención da Obesidade (NAOS), que ten como finalidade mellorar os hábitos alimentarios e impulsar a práctica regular da actividade física de todos os cidadáns, poñendo especial atención na prevención durante a infancia.

Un dos puntos destacados da estratexia NAOS é lograr o compromiso da industria alimentaria tanto na mellora da calidade nutritiva dos produtos alimenticios coma na regulación da súa publicidade. Neste sentido, aínda que conscientes de que non hai evidencia científica abonda que demostre que a publicidade de alimentos e bebidas dirixidas aos nenos sexa a única responsable da súa elección, admítese o efecto que ten a publicidade ao influír e condicionar o comportamento e a elección dos alimentos que integran a súa dieta. Por iso, en setembro de 2005 entrou en vigor o Código de Autorregulación da Publicidade de Alimentos (Código PAOS) coa colaboración da Federación Española de Industrias da Alimentación e Bebidas (FIAB), ao que se apuntaron as 35 maiores empresas españolas do sector, que representan máis do 75% do investimento publicitario. No seu artigo 23 relativo á Educación e información nutricional di que "... as mensaxes publicitarias de alimentos ou bebidas non deberán promover ou presentar hábitos de alimentación ou estilos de vida pouco saudables tales como comer ou beber de forma inmoderada, excesiva ou compulsiva".

Aprender a alimentarse ben

O exceso de comida á que temos acceso e a mala selección de alimentos que facemos convertéronse nun perigo para gozar dunha boa saúde. Non é trivial consideralo así. O neno gordiño xa non é o san; unha gran comilona xa non é obxecto de envexa; aplaudir o exceso de comida xa non é un éxito.

Aínda que comer san non é doado, polo compoñente psicolóxico, social e económico que supón elixir o que comemos, é importante aprender a alimentarse ben. Tendo en conta que prima o dereito da persoa de elixir qué, cándo, cántas veces e ónde come, tamén ha de asumir as consecuencias da decisión. Mesmo ser consciente do beneficio que adquire a longo prazo se entende a súa alimentación como unha decisión diaria na que debe ser responsable. As estatísticas non enganan: as cifras de sobrepeso e obesidade duplicáronse nos últimos 10 anos, e cada vez son máis as persoas novas con diabetes, hipercolesterolemia, triglicéridos altos e hiperuricemia.

¿Cantas calorías nos cómpren?

  A achega diaria dunha dieta equilibrada estímase nunhas 2.000 calorías. A metade delas (1.000-1.100 calorías) deben provir de carbohidratos (250-275 gramos de carbohidratos, dado que un gramo deste nutriente achega catro calorías). Destes, aconséllase que os azucres non superen o 10%, é dicir, entre 100-110 calorías, que se traduce en 25-27,5 gramos de azucres ao día. Podemos comprobar como o día que bebemos un refresco mediano tomariamos o dobre da recomendación de azucres. A achega calorífica das graxas debería andar polas 600-700 calorías, o que significa unha inxestión de entre 66 e 77 gramos de graxa diarios (un gramo de graxa achega nove calorías). Nesta táboa pódese comprobar como o consumo dunha porción mediana de patacas fritas e unha hamburguesa xigante suman 75 gramos de graxa, mesmo supera as recomendacións diarias. A isto habería que sumarlle a graxa que achegan os demais alimentos consumidos ao longo do día -leite enteiro ou semidesnatado, galletas, bocadillo de embutido, aceite para aliñar ou cociñar os alimentos, ... -. Evidentemente, un día de desequilibrio nutricional non ten maior efecto no organismo, pero o consumo habitual e desordenado destes alimentos si desequilibra a nosa dieta.

Consumo irracional

É posible que pensemos con prudencia á hora de elixir a hamburguesa, o refresco ou os flocos de millo máis grandes, e que perdamos esa cordura ou sensatez ante a elección das versións xigantes de alimentos cotiáns. En moitos casos ten máis peso específico o valor económico do produto (por pouco máis diñeiro, compro o máis grande) e non as consecuencias para a saúde que supón afacerse a comer tanta cantidade de alimentos.

Unha vez aberto o envase, é difícil deixar de comer: os sabores son moi marcados, enganchan e un pica ata que se remata ou sente xa os efectos do exceso de graxa. Ademais, aínda que esteamos nun momento de sobreabundancia, a ninguén lle gusta tirar a comida que compra. Se o envase está aberto, rematámolo.

Hábitos erróneos

Resulta paradoxal que o tamaño das porcións dos alimentos sexa maior nun momento no que a actividade da vida diaria e de ocio se ralentiza. Se gastamos menos enerxía nas actividades cotiás, a lóxica di que deberiamos comer menos. Pero agora xa non comemos unicamente por necesidade fisiolóxica, senón que outorgamos á comida demasiado valor emocional. Conceder á comida un valor saudable é a clave para que a nosa relación con ela sexa unha fonte de saúde e de satisfacción a longo prazo.

Os nenos cada vez son máis sedentarios: van ao colexio en coche ou autobús e desenvolven moitas actividades de ocio que non implican esforzo físico. Non obstante, unha imaxe moi común é ver os nenos comendo patacas fritas ou flocos de millo diante do televisor ou do ordenador. De novo hai que estar atento á relación emocional coa comida. Os nenos reciben mensaxes de que é "guai" comer unha "burger", pero non os bombardean coa idea de que merendar un bocata "mola".

Demasiadas calorías e graxas

Os alimentos XXL polo xeral son produtos cunha carga excesiva de calorías, graxas e/ou azucres.

Patacas frixidas:

  •  mini (80 gramos)= 230 cal, 14 g de graxa.
  • mediana (115 g) =330 cal, 20 g de graxa.
  • grande ou xigante (150 g) =430 calorías, 25 g de graxa.

Hamburguesas (*):

  • Burger King: Big King XXL= 854 cal, 55 g graxa
  • McDonalds: Big Mac =495 cal, 25 g de graxa; McRoyal Deluxe =535 cal, 33 g de graxa; McNifica Chicken Supreme Touciño entrefebrado =705 cal, 39 g de graxa

(*) Información nutricional extraída de Burger King, e de McDonalds.

Refrescos:

  • botello (200 ml)= 80 cal, 20 g azucre (2 sobres de azucre)
  • lata (330 ml) =130 cal, 33 g azucre (3 sobres de azucre)
  • mediano (400 ml) =160 cal, 40 g azucre (4 sobres de azucre)
  • grande (500 ml) =200 cal, 50 g azucre (5 sobres de azucre)

Snacks (vermiños e similares):

  • individuais (25-35 g) =125 cal, 8 g graxa
  • medianas (60 g) =300 cal, 20 g de graxa
  • grandes (125 g) =625 cal, 43 g de graxa
  • xigantes (170-180 g) =875 cal, 60 g de graxa

Unha porción saudable e saborosa:

Un bocadillo de xamón montañés (80 g de pan -uns 8 dedos-, e 2-3 rebandas de xamón, uns 50 gramos), achegan unhas 300 cal, e só 10 gramos de graxa.

¿Cantas calorías nos cómpren?

A achega diaria dunha dieta equilibrada estímase nunhas 2.000 calorías. A metade delas (1.000-1.100 calorías) deben provir de carbohidratos (250-275 gramos de carbohidratos, dado que un gramo deste nutriente achega catro calorías). Destes, aconséllase que os azucres non superen o 10%, é dicir, entre 100-110 calorías, que se traduce en 25-27,5 gramos de azucres ao día. Podemos comprobar como o día que bebemos un refresco mediano tomariamos o dobre da recomendación de azucres. A achega calorífica das graxas debería andar polas 600-700 calorías, o que significa unha inxestión de entre 66 e 77 gramos de graxa diarios (un gramo de graxa achega nove calorías). Nesta táboa pódese comprobar como o consumo dunha porción mediana de patacas fritas e unha hamburguesa xigante suman 75 gramos de graxa, mesmo supera as recomendacións diarias. A isto habería que sumarlle a graxa que achegan os demais alimentos consumidos ao longo do día -leite enteiro ou semidesnatado, galletas, bocadillo de embutido, aceite para aliñar ou cociñar os alimentos, ... -. Evidentemente, un día de desequilibrio nutricional non ten maior efecto no organismo, pero o consumo habitual e desordenado destes alimentos si desequilibra a nosa dieta.


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto