Saltar o menú de navegación e ir ao contido
Os datos, informacións, interpretacións e cualificacións que aparecen nesta información corresponden exclusivamente ao momento en que se realizaron e teñen, xa que logo, unha vixencia limitada.
Os pais deben sopesar os intereses do neno, os seus gustos, habilidades, preparación física e madureza antes de o enviar a un destes centros de diversión e educación alternativa
O remate do curso lectivo asóciase coa ledicia, cos berros e coas festas que se multiplican nas escolas do noso país. O peso de coidar, entreter e seguir educando os pequenos durante os próximos meses de verán recae de xeito absoluto nos pais. Esta tarefa, aparentemente doada de cumprir, pódese transformar nunha misión frustrante en moitas familias que non dan conciliado os seus horarios laborais cos dos seus fillos.
Ante a imposibilidade de contratar unha persoa para o coidado dos pequenos durante estes meses por razóns económicas, de falta de confianza ou de horarios, cada vez é máis habitual que os dous membros da parella alternen as súas vacacións para que o pequeno teña como referente a un dos seus pais. Outra alternativa, máis exitosa e atraente, é a que se plasma na crecente oferta de campamentos e colonias de verán, que permite que os mozos aprendan inglés nos Pireneos, surf no Cantábrico, multiaventura na serra madrileña, teatro en Bilbao, maxia en Cataluña...
As posibilidades son moitas e a oferta interminable. Na cidade, na praia, no campo ou no estranxeiro e organizadas por concellos, escolas, ludotecas, empresas privadas, entidades financeiras, museos ou clubs deportivos, as colonias, campamentos e granxas-escola lúdicas ou formativas ofrecen diversión e formación estivais para nenos e mozos. Eles divírtense e os pais atópanlle resposta ao dilema de qué faceren cos fillos mentres chegan as súas vacacións laborais, moito máis breves ca as dos escolares.
De acordo á idade dos rapaces e dos seus gustos persoais, pódese escoller entre iniciativas que combinan idiomas con deportes de aventura, actividades ambientais e talleres de maxia ou clases de violín con paseos en globo. Case todas as ofertas se estruturan en quendas dunha semana a quince días de duración, con prezos para todos os petos, que van dos 35 aos 1.570 euros. Esta diferenza de prezos vén dada, principalmente, polo tipo de aloxamento: dende a mesma casa do neno ata un hotel de 4 ou 5 estrelas, pasando por albergues, bungalows, escolas, tendas de campaña ou granxas, sen esquecer as colonias gratuítas, sobre todo urbanas, organizadas polos concellos e outras institucións.
Con independencia do ámbito privado ou público, dunha metodoloxía ou outra, as colonias de verán e mais os campamentos e as granxas escola, complementan o proceso de formación regulado que reciben os nenos nos seus centros educativos durante o curso escolar. Ao mesmo tempo concíbense como un espazo idóneo para que nenos e novos convivan con outros rapaces e rapazas da súa idade, e gocen do seu tempo libre dunha forma creativa, participativa e enriquecedora.
En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI