Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Saúde

Λ

A flexibilidade, garantía de xuventude

Os estiramentos musculares, realizados de xeito regular e sostido, manteñen a flexibilidade do noso corpo con independencia da idade ou da condición física

 Un corpo novo, por definición, é un corpo flexible. O paso dos anos, unha vida sedentaria en exceso ou a aparición dalgunha enfermidade aceleran a perda de elasticidade. A práctica de exercicio regular mingua esta perda, pero hai outras fórmulas tanto ou máis efectivas. Os estiramentos musculares, con independencia da idade ou da condición física, son unha fórmula idónea para manter o noso corpo flexible e atrasar os efectos do avellentamento.

No proceso de avellentamento, as nosas articulacións vólvense ríxidas, o paso acúrtase e cústanos virar o pescozo, agacharnos para recoller algo do chan, atar os cordóns dos zapatos ou salvar un obstáculo. Erguémonos pola mañá algo ríxidos, anquilosados. No lugar de traballo pasamos moitas horas de pé ou sentados, realizando movementos repetitivos, con posturas máis ou menos forzadas do pescozo, das costas ou das extremidades, realizando esforzos ou manipulando cargas. Aínda que para moitas persoas non representa unha prioridade, articulacións, ligamentos, tendóns e músculos son estruturas que hai que coidar mesmo máis que a nosa figura e o noso aspecto externo.

Estiramentos, unha receita para todos os públicos

  Para evitar que os músculos se debiliten, os ligamentos perdan elasticidade e os tendóns vitalidade, hai que facer exercicio de forma habitual. Xa na década dos setenta os expertos deron a voz de alarma: o estado de saúde está directamente relacionado coa actividade física que se desenvolve. Non obstante, son moitas as persoas que, por unha razón ou outra, non poden realizar ningún tipo de exercicio físico ou que pola súa idade están limitadas para a práctica destas actividades. Pero hai unha que todos podemos realizar á marxe do noso estado de saúde e idade: estirar. Todo o mundo pode aprender a estirar, non importa a idade nin a condición física. Ademais, non son necesarias especiais aptitudes físicas.

Os exercicios de estiramento son óptimos para aquelas persoas que manteñen a mesma postura durante moito tempo, como acontece en determinados traballos nos que hai que permanecer quieto, xa sexa sentado ou de pé, durante case toda a xornada. Pero tamén son imprescindibles para os que fan deporte, que en numerosas ocasións descoidan os exercicios de quecemento e estiramentos previos á actividade deportiva específica. É moi importante preparar o corpo antes de correr, nadar, ir en bici ou calquera outra actividade deportiva. Hai que estirar os músculos e flexibilizar as articulacións, xa que así se acada un mellor rendemento e se preveñen lesións. Pero tamén é moi importante realizar estes exercicios para relaxar os músculos despois dun traballo intenso.

Sen equipos nin aparellos

  Para estirar non fan falta equipos nin aparellos especiais. De feito, pódense realizar en calquera lugar e a calquera hora do día, sentado ou de pé, no traballo ou cando se viaxa. Non son poucas as persoas que sofren de dores de costas, contracturas de trapecios e dor de pescozo. E non só afectan aos que traballan diante dun ordenador, senón tamén a profesións con actividade física intensa e mesmo aos que realizan tarefas caseiras. A dor de costas xeneralizouse e, na maioría dos casos, as causas relaciónanse con contracturas musculares que en numerosas ocasións se solucionan cun axeitado programa de estiramentos.

O problema é que na actualidade camiñamos pouco, utilizamos moito o coche, fuximos das escaleiras e son demasiadas as horas que permanecemos sentados ante o televisor... De feito, os pequenos esforzos da vida cotiá quedaron desterrados polo uso de máquinas que o fan case todo.

Pautas para un exercicio correcto

O xeito correcto de realizar un estiramento é facelo de xeito relaxado e sostido, de maneira que sinta unha tensión moderada durante un tempo limitado, que pode ser de 10 a 30 segundos, segundo as zonas do corpo que se adestren. Cada exercicio ten unha duración determinada. Durante o estiramento, a respiración ten que ser lenta, relaxada, rítmica e controlada. É importante medir a duración do estiramento por número de respiracións mellor que contando segundos. Os exercicios de estiramentos deben adaptarse á estrutura muscular, flexibilidade e grao de tensión de cada persoa, individualizando en función das circunstancias persoais.

A clave do éxito está na regularidade e na moderación. Non se trata de bater marcas nin dun desafío persoal para ver ata onde se chega. Hai que facelo sen ánimo competitivo e sen présas. Cando o estiramento é correcto, a sensación é moi agradable. Os movementos bruscos e violentos, de vaivén ou muelle, así como estirar ata chegar a sentir dor forzando as posicións, é o xeito incorrecto de realizar estes exercicios, e poden ocasionar lesións. Hai programas de exercicios de estiramento para cada parte do corpo, grupo muscular, actividade laboral ou deportiva e para os distintos grupos de idade. Para iniciarse, o máis axeitado é empezar pola mañá con algúns estiramentos relaxados. Unha ducha quente previa facilita a execución destes estiramentos que levan uns 5 ou 6 minutos. Pola tarde, ou cando se dispoña de tempo, pódense realizar series de estiramentos que dan un repaso a todos os grupos musculares e que levan de 10 a 15 minutos.

Dunha dedicación cotiá de 15 a 20 minutos obtense un beneficio importante para a saúde e para a calidade de vida. E non hai escusas: só supón un 2% do noso tempo de vixilia. Tampouco a idade é xustificación. Nunca se é demasiado maior para facer estiramentos. Pola contra, a recomendación é máis válida nas persoas maiores nas que a idade e a inactividade se conxugan para converter ao organismo en débil e ríxido. A capacidade de recuperación do organismo humano é sorprendente. Estirar ensínanos a coñecer o noso corpo e as súas necesidades, a mellorar a nosa condición física, a superar algunhas limitacións que a idade leva consigo e, sobre todo, a construír unha fonte de saúde para toda a vida.

Efectos beneficiosos dos estiramentos

  •  Reducen a tensión muscular e proporcionan unha agradable sensación de relaxación.
  • Aumentan a elasticidade e flexibilidade de ligamentos e cápsulas articulares, mellorando a actividade das articulacións e aumentando a extensión dos seus movementos.
  • Axudan á coordinación permitindo movementos máis libres e doados, con máis control e equilibrio.
  • Preparan para a actividade muscular: un músculo estirado previamente traballa mellor e rende máis, resiste mellor as tensións.
  • Preveñen lesións musculares e dos tendóns.
  • Desenvolven o coñecemento do noso propio corpo: mentres se estiran as diferentes partes do corpo imos tomando conciencia del.
  • Os estiramentos melloran a circulación sanguínea e a osixenación dos músculos.
  • Melloran o equilibrio psicofísico. Non hai que esquecer que as tensións musculares se traducen en mentais e viceversa.

Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto