Saltar o menú de navegación e ir ao contido
Os cambios normativos axilizaron e reduciron os trámites e requisitos legais para que unha parella certifique a ruptura do seu matrimonio
O número de separacións e divorcios medrou de xeito continuado nos últimos anos. Así o indica o último informe do Consello Xeral do Poder Xudicial, que revela que entre os anos 1995 e 2005 os procedementos xudiciais de separación e divorcio case se duplicaron (de 82.580 a 149.367). Outro dato relevante: en 1995 o numero de separacións superaba ao de divorcios, 49.374 fronte a 33.104, mentres que no 2005 se asinaron 55.632 separacións e 93.356 divorcios. Segundo o Instituto da Muller, estes datos reflicten a incidencia da entrada en vigor da Lei 15/2005 que permite o acceso directo ao divorcio.
A desaparición das listas de causas de separación e divorcio (xa non é necesario un motivo para divorciarse) e do dobre procedemento (para divorciarse xa non fai falta separarse previamente) reduciron os tempos de espera, os trámites que hai que realizar e tamén o custo final, a xulgar polo aumento de ofertas de despachos de avogados que tramitan o divorcio express por 400 ou 500 euros. Esta cantidade, así e todo, pode resultar enganosa, xa que é probable que só inclúa os honorarios do avogado pola tramitación do divorcio de mutuo acordo. Non obstante, a lista de gastos é máis amplo. Hai que incluír os servizos dun procurador (unha especie de representante que, por lei, deben ter as partes), a negociación e redacción do convenio regulador (no caso do divorcio de mutuo acordo), a liquidación do réxime económico matrimonial (no divorcio contencioso) e, por suposto, o IVE.
Se antes desta lei había que probar a separación de feito ou se acababa discutindo sobre as dificultades da convivencia e sobre a violación grave e reiterada dos deberes conxugais, agora nada hai que alegar nin probar. Abonda con pedir o divorcio pasados tres meses dende o matrimonio. Non obstante, cando se acredite a existencia dun risco para a vida, a integridade física, a liberdade, a integridade moral ou liberdade e indemnidade sexual do cónxuxe demandante ou dos fillos dos dous, suprímese este requisito temporal.
No divorcio de mutuo acordo, o que máis aumentou, os cónxuxes poden actuar conxuntamente ou por separado co consentimento do outro. Admitida a demanda, o xulgado ditará sentenza disolvendo o vínculo e aprobando as medidas, despois de ratificar o contido do convenio e de constatar que non é prexudicial para os menores.
O divorcio contencioso, pola contra, é máis longo e caro. Aínda que o cónxuxe demandado non se poida opor ao divorcio, si pode discutir as disposicións en relación aos fillos e pensións. Será o xuíz quen decida e impoña as medidas que considere máis convenientes, en atención ás circunstancias da familia, primando o interese e beneficio dos fillos.
A custodia compartida dos fillos e as pensións compensatorias temporais son as cuestións que maiores desencontros xeran entre a parella.
En esencia, a custodia compartida permite que os fillos manteñan unha estreita e equiparable relación cos dous ex cónxuxes, o que representa na práctica a existencia de dous fogares. As sentenzas que conceden a custodia compartida son minoritarias, debido, esencialmente, á inestabilidade que poida causar no menor o cambio constante de residencia. Non obstante, coa reforma legal a garda e custodia compartida só se prohibirán en casos de violencia domestica e concederase se os cónxuxes a solicitan de común acordo e non se separan os irmáns. Excepcionalmente, o Xuíz, por solicitude dun só proxenitor, con informe favorable do Ministerio Fiscal, poderá acordala cando considere que só deste xeito se protexe axeitadamente o interese superior do menor.
Pero a garda e custodia compartida non implica dividir o tempo do menor o 50% para equilibrar aos dous cónxuxes. Do que se trata é do dereito do fillo a estar co seu pai e coa súa nai. O importante non é quen vai ter máis tempo ao fillo, senón o desenvolvemento integral do menor como persoa.
O cónxuxe ao que a separación ou o divorcio lle produza un desequilibrio económico en relación coa posición do outro e un empeoramento na súa situación respecto ao matrimonio ten dereito a unha compensación económica (concepto diferente á pensión de alimentos para os fillos da parella). A lei introduciu dúas reformas. Unha, a posibilidade de que a pensión que se fixe sexa por tempo indefinido ou temporal (antes só podía ser indefinida), e outra, que a compensación consista non nunha pensión senón nunha prestación única.
Aínda que dende hai anos se fixan pensións temporais cando a convivencia foi curta e o cónxuxe beneficiario é novo ou ten unha axeitada preparación profesional, foi no 2005 cando o Tribunal Supremo admitiu a posibilidade de acordar como medida nos procesos matrimoniais de separación e divorcio unha pensión compensatoria de duración limitada ou temporal.
O mellor consello é conseguir a ruptura matrimonial de mutuo acordo. Redúcelle o dano emocional a toda a familia, e é máis rápido e económico.En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI