Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > O máis práctico > Consellos

Λ

Investimentos de risco: Bolsa para principiantes

Todos os interesados en probar sorte no mercado de valores deben coñecer as cinco regras de ouro que os van axudar a tomar as decisións menos arriscadas

 A Bolsa deixou de ser couto de grandes fortunas. Se ben aínda subsiste o temor a dar o salto ao parqué bolsista, o número de familias españolas que destina parte dos seus aforros a mercar accións non deixa de medrar. Os datos así o confirman: na actualidade, máis dun 23% das accións que cotizan en Bolsa están en mans das familias españolas, mentres que a media europea se sitúa no 14,7%.

As promesas de suculentos beneficios en prazos curtos representan un reclamo difícil de rexeitar. Pero, aínda que este fenómeno se pode dar, a persoa interesada non se debe confundir nin confiar en exceso: a Bolsa é un mercado de risco, non apto para todos os públicos, cun funcionamento peculiar que convén coñecer antes de se decidir a investir nel. Do mesmo xeito que se conseguen ganancias, pódense sufrir perdas igual de cuantiosas. Por iso, para investir en renda variable cómpre atesourar uns coñecementos axeitados que, en calquera caso, tampouco garanten o éxito nunha ciencia que pouco ten de exacta.

Nocións básicas para investir en Bolsa

 Algúns investidores toman a Bolsa como un xogo de azar: sinalan unha acción e esperan que se revalorice con forza nun período de tempo. Pero hai que ter en conta que este non só é un mercado para optimistas: as accións tamén caen. "Xogar a bolsa" é unha expresión histórica difícil de erradicar. Pero a experiencia demostra que quen vai á bolsa a xogar, sae mal parado. Convén, polo tanto, desbotar a idea de que a Bolsa é un xogo. Falamos dun negocio, cunhas regras claras.

De maneira moi esquemática, o mercado de valores funciona do seguinte xeito: acolle multitude de títulos que soben ou baixan en función de distintas variables, máis ou menos precisas e lóxicas, pero tamén de acontecementos inesperados, de elementos aleatorios. Polo tanto, aínda que o funcionamento da Bolsa non se pode explicar como unha ciencia matemática, si que se poden ter en conta varios aspectos que poden condicionar a evolución alcista ou baixista dun valor. Se é principiante, o investidor en Bolsa debe ter en conta, polo menos, os seguintes consellos:

  • Coñecer as empresas: Antes de investir en Bolsa convén coñecer as cifras da compañía na que desexa investir. É importante informarse de que produce a sociedade, de canto factura, de se xera ou non dividendos, de cales son os seus competidores, de como o afecta o ámbito macroeconómico... Por exemplo, un dos fracasos máis soados da Bolsa española foi o que experimentou a empresa Terra: o valor das súas accións chegou a alcanzar os 130 euros para caer despois ata os cinco euros. Os analistas bolsistas cren que esta espectacular caída se produciu porque a acción subira só animada por unha forte especulación e pola moda pasaxeira que animaba a investir nas denominadas empresas "puntocom" (sociedades relacionadas co mundo de Internet). Pero as contas da compañía non estaban en liña coa teoría que di que "só convén apostar por títulos solventes". En realidade, Terra era unha empresa en perdas, que nunca obtivera beneficios e o seu negocio non auguraba viabilidade nun futuro próximo. Polo tanto, primeira regra de ouro: non apostar por accións de sectores "de moda". É fundamental investir en firmas con negocios solventes, con ingresos máis ou menos estables e recorrentes. De xeito xeral tamén se pode dicir que un índice bolsista sobe porque reflicte a saúde das empresas que cotizan, que á súa vez son un espello da saúde da economía dun país.
  • Non investir os cartos que se precisen a curto prazo. Este é outro dos consellos máis repetidos que ofrecen os asesores financeiros: destinar só os cartos que non se vaian precisar nos próximos meses. A Bolsa é, polo tanto, unha opción interesante para familias sen grandes cargas, novas, sen demasiados compromisos financeiros e con capacidade de aforro, para persoas que acaban de recibir unha herdanza ou que son premiados coa lotería... A imposibilidade de prever o que pode acontecer no mercado pode facer que as accións caian e que o investidor acabe recollendo perdas se somete o seu período de investimento a un prazo demasiado curto. Para investir en Bolsa hai que ter dispoñibilidade de aforros e non precisar os cartos para outras necesidades.
  • Ninguén lle pode asegurar ao investidor que vai gañar cartos. Aínda que a persoa interesada desexe probar sorte e investir unicamente durante varios meses, debe saber que o mercado non está nunca exento de incertezas. A Bolsa é volátil, concepto que fai referencia aos múltiples altibaixos que sofre: o que sobe hoxe pode baixar mañá. Aínda que o ámbito económico acompañe, calquera acontecemento inesperado, como un desastre natural, pode facer caer unha acción. En xeral, os investidores toman estes acontecementos como un aviso de que a economía se verá afectada. En particular, determinadas empresas, como as turísticas, aeroliñas e petroleiras son as máis prexudicadas en Bolsa con este tipo de sucesos imprevisibles. Hai que ter moi presente que a Bolsa é un mercado de risco, aínda que tamén é verdade que canto maior sexa o risco que se corra, maiores poden ser tamén as ganancias que se obteñan.
  • Mellor investir a longo prazo. Non é aconsellable marcarse períodos de tempo moi curtos para investir en Bolsa. Se se vai ver obrigado a sacar os seus cartos dentro de dous ou tres meses, é mellor non apostar por esta opción de investimento. Non obstante, son moitos os informes que apuntan que a Bolsa é a alternativa máis rendible a longo prazo, moito máis ca os depósitos bancarios, que a débeda pública, que os fondos de investimento e mesmo que a vivenda. Numerosos estudos aseguran que en períodos de máis de dez anos, a Bolsa é o activo de investimento máis rendible.
  • Coidado coas accións en máximos. Outro erro moi común nos investidores principiantes é centrar o seu interese en títulos que acumulan xa fortes revalorizacións e que se achan en máximos. Pero hai que ter coidado: nas subas moi avultadas, un pode quedar atrapado. Un exemplo moi claro deste punto é o que aconteceu nos últimos tempos coa empresa Astroc. A compañía inmobiliaria subiu máis dun 1.000% en só dez meses, pasou de cotizar a 6,4 euros a facelo a 70 euros. Igual de vertixinoso que o ascenso, resultou a posterior caída.

Breve diccionario básicoREVE

Acción:

Parte ou fracción do capital social dunha sociedade ou empresa. En Bolsa, refírese ao título ou valor negociable que representa a esa fracción.

 

Axencia de Bolsa:

Sociedade que fai de intermediaria en operacións bolsistas. Xeralmente asesora e administra carteiras dos seus clientes e realiza colocacións privadas e públicas. É obrigatorio o seu rexistro na CNMV. Diferénciase da Sociedade de Bolsa en que pode realizar operacións no seu propio nome.

Ampliación de capital:

Operación financeira baseada en modificar o capital social dunha empresa aumentando a súa contía nominal. Pódese realizar solicitando novas achegas dos socios, vendendo títulos ou accións no mercado de valores... As ampliacións de capital, a través da emisión de novas accións e da súa venda na Bolsa, son unha das modalidades de financiamento das sociedades, ao tempo que constitúen unha das maneiras de canalizar nas economías de mercado o aforro privado cara ao investimento.

Análise bolsista:

Conxunto de técnicas que serven de base para a adopción de decisións con respecto ao mercado de valores. O seu obxectivo é a formulación de hipóteses sobre o funcionamento deste mercado ou dun determinado valor deste.

Hai dous tipos de análises:

  • 1) A análise técnica, que trata de explicar o prezo dun valor de acordo a modelos de comportamento, mediante a aplicación da estatística, usando como instrumentos de traballo os índices de bolsa, volumes de contratación, gráficos, etc.
  • 2) A análise fundamental, que parte do principio de que a cotización das accións depende da realidade económico-financeira da empresa.

Beneficio por acción:

Trátase dun indicador da análise financeira. É o resultado de dividir o beneficio neto polo número total de accións dunha sociedade.

Bolsa:

Mercado financeiro onde se mercan e venden accións, obrigas, bonos e outros activos financeiros, a través de intermediarios financeiros que reciben o nome de brokers.

CNMV:

Acrónimo da Comisión Nacional do Mercado de Valores. É a encargada do bo funcionamento e vixilancia do cumprimento de todas as normativas vixentes na Bolsa.

Dividendo:

Pagamento, normalmente realizado en efectivo, que unha sociedade lle efectúa aos seus accionistas, de modo que representa a participación destes na fracción de beneficios que o Consello de Administración acorda repartir.

Ibex 35:

É o índice máis importante da Bolsa española. Componse dos 35 títulos de maior capitalización bolsista do mercado continuo. A súa composición revísase cada seis meses.

onde está o aforro das familias españolas En % En millóns de euros
Depósitos e cartos en efectivo 38,50 673,181
Institucións de investimento colectivo (fondos e sociedades de investimento) 13,5 235,808
Fondos de pensións 5,7 99,143
INVESTIMENTO EN RENDA VARIABLE (BOLSA) 24,9 435,347
Seguros 8 139,322
Investimento en renda fixa (débeda pública e privada) 2,5 43,047
Outros 6,9 124,77

Fonte. Inverco e Banco de España

Como inverter e facer un seguimento correcto

  Para investir en Bolsa o máis común é acudir a un banco ou caixa de aforros e abrir unha conta de valores. Unha vez aberta, abondará con lle dar a orde ao seu banqueiro de que merque o número de accións que desexe da compañía en cuestión. Tamén se pode operar en Bolsa a través dunha axencia ou sociedade de valores ou, de modo autónomo, a través dun broker "on-line", unha compañía que ofrece os seus servizos para a compravenda de valores a través de Internet.

Unha vez que se decidiu a investir en Bolsa, o aconsellable é seguir a evolución diaria das accións e, sobre todo, estar informado de todo o que teña que ver coa compañía na que se investiu. Por exemplo, é útil ler as recomendacións das casas de análise, coñecer os resultados que presenta a compañía e, en xeral, seguir calquera noticia relacionada coa empresa ou co sector de actividade no que opera. Na Bolsa española, as compañías están obrigadas a presentar trimestralmente as súas contas de resultados. Ademais, calquera feito relevante relacionado, por exemplo, con compras, fusións, ampliacións de capital... debe quedar rexistrado na Comisión Nacional do Mercado de Valores (www.cnmv.es). Na súa páxina web pódense atopar todas as noticias da empresa en cuestión.


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto