Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Novas Tecnologías

Λ

A música dixital: Do disco á Rede

En menos dun lustro, a música divorciouse do disco e pasou a ser etérea e omnipresente; está nos cables, nos teléfonos, nos ordenadores e, sobre todo, nos reprodutores de MP3

 Ningún outro aspecto da vida cotiá encarna tan ben a revolución dixital como o cambio que está a vivir a música. Milleiros de coleccións de vinilos xacen enterradas nos sotos, condenadas pola aparición dos CD, que ofrecían no seu día unha maior calidade de reprodución. Estes, á súa vez, están sendo relegados ao esquecemento por algo tan intanxible como o formato dixital MP3, é dicir, un arquivo que contén a música en clave de ceros e uns. Paradoxalmente, o MP3 non dá mellor son ca o CD, pero iso non é inconveniente para que este se espalle. A razón? Cabe en tódalas partes.

O dixital gáñalle en todos os terreos ao analóxico porque é moito máis doado de transportar e pode gozarse dende calquera lugar. Do mesmo xeito que xa non é necesario chamar ao camión da mudanza cando se quere traballar noutro lugar, porque todo o importante cabe no portátil, tampouco hai que levar o tocadiscos, nin sequera o discman ás costas para escoitar música no metro, no autobús ou andando.

O dobre dos Beatles nun botón

Unha recente promoción dun reprodutor de arquivos de MP3 xactábase de que no seu modelo "mini", cun prezo de 79 euros, cabe o equivalente á discografía completa dos Beatles multiplicada por dous. O modelo en cuestión ten forma de botón e pode almacenar 1 Gigabyte de música dixital, mentres que a discografía enteira do lendario cuarteto de Liverpool ocupa 500 Megabytes, nin sequera un CD-ROM. O asombroso é pensar que o modelo máis amplo desta gama de reprodutores pode gardar e reproducir ata 60 Gigabytes de música (máis de 40 días de música ininterrompida). E nin é maior ca un teléfono móbil de gama alta (un Blackberry) nin é máis caro, xa que custa pouco máis de 400 euros.

Coleccións enteiras de discos ás que noutrora se lles dedicaban cuartos (a famosa "saliña da música") pérdense hoxe entre os aparellos dun bolso ou conviven xunto ao tarxeteiro na pecheira das americanas. Nun reprodutor de alta capacidade (60 Gigabytes) poden chegar a caber entre 20.000 e 30.000 cancións, o que vén sendo entre 1.400 e 1.500 discos. Abonda con enchufar os "cascos" para escoitar esta extensa discografía, mentres se agarda polo autobús ou se camiña. Ata moitos coches traen xa de serie a caravilla para conectar o reprodutor.

O ritmo está no aire

Sempre se dixo que a música viaxa polo espazo en forma de ondas. En Internet a música dixital móvese por todo tipo de cables como peixe na auga. É, probablemente, o contido máis compartido da Rede xunto coa imaxe. Alá onde haxa un acceso a Internet, pode haber nos seus extremos dúas ou máis persoas compartindo cancións como se estivesen na mesma sala escoitándoas. É tan doado como conectar un ordenador cun disco duro con cancións gardadas (por exemplo, copiadas de discos compactos) e activar algún dos programas deseñados para compartir música en canles Peer to Peer (P2P), expresión inglesa que se podería traducir como canle de punto a punto ou canle entre iguais. Os dous máis populares son eMule e BitTorrent. Estas canles unen aos usuarios que desexan unha canción (non importa o lonxe que estean o un do outro) e os que a posúen. En poucos clics de rato pódese establecer unha rede P2P pola que poden viaxar os álbums buscados, á vez que do disco duro propio outros usuarios extraerán os temas que lles interesan. Coas conexións de banda ancha españolas, un disco tarda pouco máis duns minutos en chegar. Así de lixeira é a música dixital.

O negocio da música online

Como boa parte deste transvasamento de música se fai á marxe da industria musical, moitos artistas deixan de ingresar os cartos que gañaban antes cos discos. Pero tamén hai tendas na Rede que demostran que se pode obter diñeiro vendendo cancións en formato dixital (MP3 e outros). De feito, todas as grandes compañías xa están nelas e o debate agora sitúase en se estas cancións dixitais deben ou non levar sistemas anticopia para evitar que os usuarios despois as compartan libremente. A este respecto, hai países con lexislacións que declaran ilegais os sistemas anticopia e outros nos que as normas son máis difusas. Os sistemas anticopia coñécense como DRM, ou Xestor de Dereitos Dixitais en castelán, e as grandes compañías de discos esíxeno como condición para que unha tenda poida vender as súas cancións en Internet. Pola contra, as compañías independentes non adoitan esixir DRM para que se venda a súa música online.

As principais tendas

O usuario que se senta incómodo cos sistemas P2P, ben porque prefire un modo máis directo e accesible de obter a súa música favorita, ben porque desexa que os seus cartos lles cheguen aos artistas, pode optar por mercar cancións nos portais de descarga de música dixital de pagamento. Os máis populares son:

"iTunes Music Stores"

 O máis famoso, o máis exitoso e o máis caro. Conta coa vantaxe de que nel se pode atopar practicamente toda a música dixital que existe. Cada canción, iso si, custa 0,99 euros, o que deixa un disco enteiro descargado a un prezo de entre 10 e 20 euros. Ten o inconveniente de que o seu sistema anticopia (DRM) só deixa que as cancións se poidan escoitar gravadas nun CD ou nos reprodutores MP3 da marca Apple, os famosos iPod. Recentemente comezou a vender cancións sen DRM, pero máis caras.

"Emusic"

 Emusic é exactamente o contrario que iTunes Music Store: as cancións saen baratas e pódense escoitar en calquera reprodutor sen limitacións, pero o seu catálogo está moi limitado. A razón é que as grandes compañías se negan a poñer as súas cancións en descarga sen sistemas anticopia. Un disco de 15 cancións pode saír por dous euros.

"Alltunes"

  Aínda que a empresa nai (Allofmp3.com) é rusa, a súa música pódese mercar dende calquera parte do mundo. Trátase dun portal controvertido polos seus prezos demoledores, que deixan o custo dos discos máis actuais por baixo dos dous euros. Como o consegue? Amparándose na lexislación rusa, ofrece música libre de sistemas anticopia a todo o mundo e sen aboarlle nada aos artistas.


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto