Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Actualidade e lecer > Análise de produtos

Λ

Os datos, informacións, interpretacións e cualificacións que aparecen nesta información corresponden exclusivamente ao momento en que se realizaron e teñen, xa que logo, unha vixencia limitada.

Augas minerais naturais envasadas: Saudables e seguras

Cun grao de mineralización ben distinto, as nove augas minerais son aptas para o consumo e a información que proporcionan ao consumidor é veraz

 A auga non só é unha bebida moi refrescante e a que mellor calma a sede, senón que é imprescindible para o correcto funcionamento do noso organismo; ata o punto de que un adulto sedentario debe tomar polo menos dous litros de auga cada día. Polo tanto, poucos hábitos podemos adquirir tan saudables como o de beber varios vasos de auga cada día. Sempre podemos beber auga da billa, pero nesta análise comparativa falaremos das augas minerais envasadas.

Polo verán e cando se practica exercicio, debemos beber máis auga e sen agardar a que a sede a reclame. Tamén cómpre saber que as dietas ricas en graxas e proteínas requiren máis líquido para eliminar os restos metabólicos. Ademais, os que padecen cálculos de ril, areas ou infeccións urinarias deben beber máis líquido do que se lle recomenda a unha persoa que non sofre estes problemas.

A auga mineral obtense de mananciais (naturais ou creados por ser humano), que chegan á superficie normalmente a través de perforacións realizadas para tal efecto. O que diferencia as minerais doutras augas potables é a súa natureza mineral e a súa pureza orixinal, xa que a orixe subterránea da auga protexe o acuífero de contaminacións químicas ou bacterianas. En concreto, a auga mineral natural defínese como "augas bacterioloxicamente sas extraídas de depósitos subterráneos e que brotan dun manancial nun ou varios puntos de nacemento naturais ou perforados". A lexislación só permite dúas actuacións na auga mineral natural, ambas as dúas para mellorar a calidade sen variar sensiblemente a composición inicial; estas son eliminar compostos naturais inestables como ferro e xofre (para evitar cor, cheiros ou sabor non desexables) e modificar o seu contido en gas carbónico (para conseguir "augas con gas"). O tipo e cantidade de substancias disoltas na auga dependen das características xeolóxicas da zona onde flúe a fonte. Así, das capas profundas saen preferentemente augas ricas en minerais e carbonatadas. Se no seu camiño a auga se filtra por pedra calcárea, orixínanse augas duras (con elevado contido en sales de calcio e magnesio); se o fai por area compacta, a auga será semidura; e se se filtra por granito e basalto, xurdirán augas brandas. Estas substancias solubles tamén determinan o sabor da auga: as ricas en sodio e cloruros saben lixeiramente salgadas; os sales de calcio e magnesio proporcionan un sabor duro e terroso, e os sulfatos achegan un sabor lixeiramente amargo.

Entender as etiquetas da auga

A denominación de venda debe ser "Auga mineral natural", incluirá o nome do manancial e lugar de explotación, e debe indicar a composición analítica da auga e, se procede, os tratamentos que recibiu. En caso necesario, advertirá de posibles contraindicacións a determinados sectores da poboación. Ademais, prohíbese incluír mencións relativas a propiedades de prevención ou curación de enfermidades. E tamén se prohibe inscribir os datos obrigatorios en precintos, tapóns e outras partes que se inutilicen ao abrir o envase. Pode figurar na etiqueta a temperatura da auga no punto de saída, a data na que o manancial foi declarado como mineral natural ou de utilidade pública, e unha descrición da auga, como (en función do contido global en minerais):

  • Augas de mineralización moi débil: residuo seco (minerais totais) de ata 50 mg/l
  • De mineralización débil: residuo seco (minerais totais) de ata 500 mg/l
  • De mineralización forte: residuo seco (minerais totais) superior a 1500 mg/l
  • Augas bicarbonatadas: máis de 600 mg/l de bicarbonato
  • Augas sulfatadas: máis de 200 mg/l de sulfatos
  • Cloruradas: máis de 200 mg/l de cloruro
  • Cálcicas: máis de 150 mg/l de calcio.
  • Magnésicas: máis de 50 mg/l de magnesio
  • Fluoradas: máis de 1 mg/l de fluoruros
  • Ferruxinosas máis de 1 mg/l de ferro bivalente
  • Carbónicas ou con gas ou aciduladas: máis de 250 mg/l de CO2 libre
  • Sódicas: máis de 200 mg/l de sodio
  • Indicadas para dietas pobres en sodio ou hiposódicas: ata 20 mg/l de sodio

As nove mostras ofrecen toda a información esixida, pero Alzola informa da composición analítica só en euskera, cando debe figurar tamén en castelán. E en Solán de Cabras e Font Vella, o lote e a data de consumo preferente (acuñados sobre os envases) case non se len. Solán de Cabras, Alzola, Insalus e Soares decláranse "Augas minero-medicinais"; para iso, deben contar cun informe favorable do Ministerio de Sanidade e superar controis químicos e biolóxicos supervisados polas autoridades autonómicas. Por outra banda, as mostras inclúen diversas mencións nas súas etiquetas, respectando en todos os casos as directrices da lexislación. As frases "Indicadas para a preparación de alimentos infantís" e "Pode ser diurética" están permitidas, pero non se establecen condicións a cumprir. Outra indicación, en todos os envases, son as instrucións de conservación: sitio limpo, fresco e seco, protexido de olores agresivos (os envases son permeables aos olores) e da luz solar. A auga envasada non é estéril, contén flora natural de orixe, que podería proliferar exposta a temperaturas elevadas. O envase de Solán de Cabras é azul e di protexer a auga da luz.

O que revelou a análise

As análises químicas revelaron diferenzas no contido mineral das nove augas. O residuo seco foi dende 37 a 569 miligramos por litro. Este valor, que informa do contido global en minerais, indica que Bezoya é a única de mineralización moi débil (37 mg/l); Evian (317 mg/l), Solán de Cabras (254 mg/l), Aquabona (264 mg/l), Alzola (312 mg/l), Lanjarón (162 mg/l) e Font Vella (211 mg/l), con menos de 500 mg/l de residuo seco, son de mineralización débil, mentres que Insalus (569 mg/l) e Soares (506 mg/l) superan os 500 mg/l, pero non alcanzan os 1500 mg/l que se fixa como mínimo para que sexan de mineralización forte. O importante é que os contidos rexistrados no laboratorio coinciden co indicado nas etiquetas das nove augas.

O pH indica o carácter máis ácido ou máis alcalino dunha auga. A norma esíxelle á auga sen gas un pH non inferior a 4,5. O pH medio das nove augas foi de 7,5 e, polo tanto, son lixeiramente alcalinas. O máis baixo viuse en Lanjarón (6,2), lixeiramente máis ácida ca o resto de augas.

A dureza total da auga reflicte a súa mineralización, que vén dada fundamentalmente pola cantidade de calcio e magnesio, sales maioritarios da auga. A máis dura foi Insalus (42 GHF) e a menor, Bezoya, 1,7 GHF. O contido en bicarbonatos foi relevante en Evian (362 mg/l), Solán de Cabras (284 mg/l) e Aquabona (275 mg/l), e moi baixo en Bezoya (16 mg/l). Ningunha pode denominarse bicarbonatada, xa que para selo debe ter máis de 600 mg/l desta substancia. Unha auga é baixa en sodio se contén menos de 20 mg/l e rica en sodio se achega máis 200 mg/l. As augas sódicas están desaconselladas en nenos pequenos e en persoas con problemas de ril. Só Soares (92 mg/l) e Alzola (46 mg/l) non son aptos para dietas pobres en sodio. O potasio non alcanza en ningunha auga os 2 mg/l e en Bezoya non se detectou. O calcio e o magnesio, alcalinotérreos, son os sales máis abundantes nestas augas e un maior contido tradúcese nunha maior dureza. Insalus (139 mg/l) e Aquabona (91 mg/l) son as que máis calcio achegan e Evian e Solán de Cabras (ambas as dúas, 26 mg/l) as de máis magnesio. Ningunha pode denominarse "cálcica" ou "magnésica", xa que non superan os 150 mg/l de calcio nin os 50 mg/l de magnesio. Os cloruros, en grandes cantidades, proporcionan á auga un sabor desagradable, pero o seu contido foi baixo: 32 mg/l de media, se ben destacaron Soares (144 mg/l) e Alzola (68 mg/l). Ningunha auga superou os 200 mg/l de cloro, por iso non son cloradas. A que menos, Bezoya. En sulfatos, os 270 mg/l de Insalus (podería denominarse "Auga sulfatada", pero non o fai) sitúano moi por riba da media (51 mg/l). En Bezoya non apareceron. Cantidades pequenas de fluor poden previr a carie, pero as augas fluoradas (máis de 1 mg/l de fluoruros) están desaconselladas nos nenos: este mineral acumúlase nos ósos e pode producir fluorose. Só tres conteñen fluoruros, e moi pouco. Só dúas mostras contiñan ferro, en cantidades ínfimas. E unicamente Soares contiña aluminio, pero nunha cantidade moi inferior á permitida. O manganeso detectouse en catro mostras, en cantidades admitidas pola norma.

Sen problemas hixiénicos, sen contaminantes migrados

As nove mostras comercialízanse en botellas PET, plástico derivado do petróleo que pode conter compostos indesexables, como o antimonio (metal pesado), que en determinadas condicións poderían migrar á auga. Detectouse este metal en todas as mostras, pero os contidos foron ínfimos e non supoñen risco para a saúde; a media (0,16 µg/l) foi 26 veces inferior ao máximo permitido. Na fabricación do PET utilízanse aditivos e colorantes, entre eles os ftalatos, que poderían migrar do envase á auga. Realizáronse análises para detectar catro tipos de ftalatos, e só se anotou a presenza dun, dietil ftalato, para o que a norma non establece límite. Así e todo, os contidos (non se detectou en Evian nin en Font Vella) foron extremadamente baixos.

A auga mineral natural é pura, pero na superficie da terra pode haber contaminación, microbiana e química; por iso, no punto de saída unha auga mineral presenta certa flora. É así que a recollida da auga debe realizarse en condicións que garantan a calidade bacterolóxica orixinal da auga. Ademais, o almacenamento débese realizar en condicións que garantan a súa conservación, e os envases deben gardarse protexidos da luz solar e de cheiros agresivos, e nun lugar fresco e seco. A análise microbiolóxica demostrou que as nove augas presentaban un estado hixiénico-sanitario correcto.

Contaminantes, analizados tamén

Arsénico, bario, boro, cadmio, cobre, chumbo, níquel, selenio e hidrocarburos policíclicos aromáticos considéranse substancias non desexables ou, polo menos, a presencia destes compoñentes por riba do límite lexislado non é adecuada. Os devanditos hidrocarburos non apareceron, mentres que os metais o fixeron nalgunhas mostras, sempre en valores moi inferiores aos admitidos.

Por outra banda, nas nove augas anotouse a presenza de nitratos, pero moi por baixo dos 50 mg/l que permite a norma: a media foi de 4 mg/l. Os nitritos poden xurdir pola redución dos nitratos e admítense en pequenas cantidades, pero nas augas estudadas non se detectou esta substancia.

Paginación


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto