Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Saúde

Λ

Outras informacións sobre Saúde: Lingua xeográfica / Durmir pouco e memorizar / Fumar marihuana afecta aos pulmóns / Novo fármaco que corta as hemorraxias / Cacao tan curativo como a penicilina / Entrevista: José Manuel García Almeida, endocrinólogo

En catro palabras

Lingua xeográfica:
A lingua xeográfica ou glosite migratoria é unha lesión benigna na superficie dorsal da lingua que se dá de maneira máis frecuente na infancia e nas mulleres. Caracterízase pola aparición de áreas irregulares de cor rosada sobre un fondo esbrancuxado, o que dá a aparencia de mapa. Descoñécese a súa orixe, aínda que adoita asociarse a infeccións, estrés, alimentos picantes, alcohol e tabaco, amais de asma, rinite e alerxias cutáneas. A perda de papilas gustativas filiformes provoca a formación de máculas, que poden permanecer durante máis dun mes. Non ten tratamento, pero é importante eliminar o alcohol, o tabaco e os alimentos picantes e manter unha correcta hixiene bucal.

O que avisa non é traidor

Durmir pouco pode prexudicar á capacidade de memorizar

 Botar unha noite sen durmir non só é desagradable e causa un enorme cansazo ao día seguinte. Ademais, pode afectar á capacidade cerebral de reter os coñecementos e informacións que se adquiren durante o día. Así o asegura un equipo de investigadores estadounidenses nun estudo publicado no número de febreiro de Nature Neuroscience. Diversas áreas do cerebro participan no almacenamento e evocación de informacións e recordos, interaccións das que aínda non se coñece demasiado. Non obstante, crese que é precisamente durante os momentos de sono cando se organiza e consolida o arquivo lóxico de todas as informacións que se adquiren ao longo da xornada. Tras avaliar a actividade neuronal da porción do cerebro responsable da memoria, os científicos comprobaron que hai unha disfunción significativa desta rexión en situacións de privación de sono e que, canto máis crónico é o insomnio, máis afectada se atopa a capacidade cerebral para reter información.

Noticias

Fumar marihuana afecta aos pulmóns

 Que o tabaco afecta aos pulmóns é ben sabido, pero os científicos descubriron que tamén a marihuana xera serias alteracións pulmonares. Un estudo realizado por investigadores da Escola de Medicina da Universidade de Cleveland publicado en Arquives of Internal Medicine demostra que unha persoa exposta por curtos períodos á marihuana pode sufrir danos no pulmón. As consecuencias son maiores para os que se someten a unha longa exposición, xa que aumentan os síntomas de tose, esbirros e produción de flemas, síntomas de Enfermidade Pulmonar Obstrutiva Crónica (EPOC), unha doenza crónica e progresiva que causa a obstrución do paso do aire polos pulmóns, amais dun cadro de bronquite e enfisema pulmonar.

Crean un novo fármaco que corta as hemorraxias ao aplicarse sobre as feridas

Un novo fármaco aplicado directamente sobre unha ferida corta a hemorraxia en a penas uns segundos. Este antihemorráxico é capaz de selar por coagulación instantánea e en menos dun minuto unha amputación letal nun animal hemofílico. O medicamento, de uso tópico, que se porá á venda en tres anos, pode ser especialmente útil para quen padeza hemofilia ou problemas de coagulación, así como crucial na atención a vítimas de accidentes de tráfico ou laborais, e en caso de amputacións.

Un compoñente do cacao pode ser tan curativo como a penicilina

O cacao é un alimento exquisito pero, ademais, pode ter calidades curativas tan importantes coma as da penicilina, segundo un estudo divulgado pola revista Chemistry & Industry. O informe asegura que un composto do cacao, a epicatequina, ten tantas virtudes curativas que poderían compararse en importancia coas da penicilina. A substancia pode acharse tamén en certos tipos de té, chocolate e algunhas froitas e verduras. O estudo engade que a epicatequina podería axudar a librar á sociedade de catro das cinco enfermidades máis letais: ataques apopléxicos, paros cardíacos, cancro e, diabetes, doenzas que son un 10% menos frecuente entre os membros dunha etnia panameña que consume esta substancia habitualmente.

Entrevista

José Manuel García Almeida, endocrinólogo do Hospital "Virxe da Victoria" de Málaga

«O control de calorías, se se converte nun hábito, pode ser ata pracenteiro»

 Achégase o bo tempo e, con el, aumenta o desexo de perder quilos. Preocúpalle?
Non nos preocupa tanto que o paciente perda peso como que aprenda a comer ben. Non só está en xogo o aspecto ou a autoestima, senón a saúde no seu conxunto.

Pode que o acicate de perder peso convenza o paciente de que paga a pena comer correctamente.
É difícil. O paciente quere resultados ao mes, mentres que nós fixamos un horizonte a dous anos vista.

Entón aparece un divorcio entre médico e paciente, e este último mente cando acode á consulta...
Pode que minta ou que non saiba explicar o que comeu ou canto tempo se exercitou... Témonos que centrar na situación metabólica en que vive, sen que se sinta culpable do seu sobrepeso.

Pero o paciente séntese baixo sospeita e marcha.
O 90% das persoas que seguen axudas de dieta fano fóra de control médico. Por iso debemos actuar de maneira sensata. Hai que establecer unhas precondicions na entrevista clínica do paciente, cinguíndonos a uns intereses mutuos pero baixo a premisa de que a saúde, máis que o aspecto físico, é unha responsabilidade individual importante.

Algunha receita profesional?
Nos Estados Unidos os médicos eran conscientes de que os programas de dieta e exercicio como prevención só funcionaban entre un 2% e un 20% dos casos. Decidiron investigar por que nestes pacientes funcionaba (mantiñan unha perda como mínimo de 13 quilos máis alá dous anos) e descubriron que o segredo está no hábito.

Daquela?
Ensinar o paciente a levar un control dos seus hábitos, a anotar o que come e a manter unha vida activa é máis eficaz que espertalo con só unha lista de alimentos hipocalóricos. As persoas conscientes de canto consumen ou de cantas calorías queiman, adoitan avellentar sen sobrepeso. Convertida en hábito, esta vixilancia faise cómoda e mesmo pracenteira.


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto