Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > O máis práctico > Consellos

Λ

Manual para descifrar as facturas de luz, auga, gas e teléfono

A comprensión dos conceptos que inclúen os recibos dos principais gastos domésticos pode permitir axustar o consumo

 Así que vai avanzando o 2007, cada vez máis familias son conscientes do encarecemento dos servizos básicos do fogar a través do reflexo, mensual ou bimensual, desta suba nas súas facturas. A electricidade págase, de media, un 4,4% máis cara, a auga, un 3,8% máis, o teléfono, un 2% e o gas, un 4,24%.

Polo xeral, atopar cal é o custo que debemos aboar polo consumo realizado e que, habitualmente, temos domiciliado na nosa conta de aforro non entraña unha gran dificultade. Non obstante, non sempre é sinxelo comprender ao milímetro todos os datos que recollen as diferentes facturas.

A lectura destes documentos de cobramento resulta confusa pola ausencia de contrastes e recadros, e por conter tamaños de letra excesivamente pequenos. En moitas ocasións, comprender estes documentos pode permitir axustar o consumo e á vez reducir o gasto enerxético e doutros servizos.

Auga

O pagamento da factura da auga realízase cada tres meses. Neste caso, as facturas inclúen un apartado correspondente ao custo fixo de lectura e conservación, é dicir, unha cota fixa polo servizo que presta a empresa. O recibo reflicte o custo mínimo que se paga de tarifa, un custo que dependerá da comunidade autónoma. Isto é así porque a subministración doméstica da auga ofrece prezos moi distintos dunha cidade a outra. As tarifas dependen da empresa que opera no lugar de residencia do usuario, que non pode elixir provedor. A cota de servizo é unha cantidade fixa que se paga en función do calibre (diámetro) da canalización principal que abastece a vivenda. Divídese, neste caso, en abastecemento (auga que entra no domicilio) e saneamento (auga que se desbota polo desaugadoiro). 

  • 1) Bloque. As tarifas domésticas, a diferenza das industriais, calcúlanse en referencia a un concepto particular: o de bloque. O prezo da auga aumenta a medida que se supera cada Bloque (similar aos chanzos polos que se calcula o IRPF da declaración da renda en función dos rendementos do traballo). Este sistema trata de penalizar un consumo excesivo de auga. Nas vivendas particulares, o máis común é facturar respecto ao Bloque 1.
  • 2) Servizo e subministración da canle. Este aspecto inflúe na tarifa fixa que se paga por obter o servizo e por recibir a subministración da canle. Por estes conceptos, para unha vivenda Bloque 1 pódense pagar 2,02 euros en concepto de servizo e 9,18 euros polo servizo da canle.
  • 3) Consumo. Fai referencia ao custo variable da factura. Neste caso, o documento reflicte canto vale a unidade de medida en cuestión (o metro cúbico) e multiplícao polo consumo efectuado no período (tres meses). Este concepto pódese presentar dividido entre abastecemento e saneamento. Para un consumo de 11 metros cúbicos, a 0,78 euros, o importe ascenderá a 8,56 euros.

É útil saber que cada comunidade de veciños contrata o servizo de contador de auga con quen desexa. Igualmente, a factura trae reflectido a porcentaxe de auga gastada pola comunidade, rateada en función da dimensión da súa vivenda con respecto ao total do terreo.

Electricidade

  Polo xeral, a factura da luz chega cada dous meses. Nela atopamos varios conceptos polos que se realiza a facturación.

  • 1) Potencia contratada. O recibo amosa un importe fixo, que cobra a compañía coa que se ten contratado o servizo, é dicir, por utilizar as súas redes eléctricas e permitir que a luz chegue ata o fogar. Este importe abóase sempre, aínda que non se realizase consumo, e depende da potencia que teñamos contratada e da valoración que se lle dá a cada Quilovatio (kW) contratado. Para os fogares españois, as potencias contratadas máis frecuentes son de 3,3 e 5,5 kW, en función dos electrodomésticos ou aparellos electrónicos dos que se dispón.
  • 2) Valor fixo. O valor fixado por Real Decreto para cada kW contratado é de 1,581887 euros.
  • 3) Cálculo. De maneira que, se a persoa ten contratada unha potencia de 3,3 kW pagará por este concepto 10,44 euros (3,3 kW x 2 meses x 1,58 =10,44 euros).
  • 4) Consumo eléctrico. Para calcular este custo non hai máis que multiplicar o consumo realizado pola cantidade á que cobra a compañía o kW. Este aspecto está regulado por Real Decreto, e o recibo tamén indica o número e data do BOE en que se fixou a contía do devandito concepto. Se, por exemplo, o consumo é de 396 quilovatios hora (kWh) durante os dous meses que se están a facturar, considerando que o prezo do kWh está fixado en 0,089868 euros, o custo bimensual será de 35,59 euros.
  • 5) Imposto especial sobre a electricidade. É un imposto que se recada en España e que se inviste en investigación de enerxías alternativas e en novas estruturas da rede para paliar a carencia por non construír novas centrais nucleares. Este concepto págase sobre o consumo de electricidade e a potencia contratada e está cifrado nun 4,864%. No exemplo utilizado, cunha potencia contratada de 3,3 Kw e un consumo de 396 kWh, pagaríanse 2,35 euros bimensuais por este concepto.
  • 6) Custo polo alugueiro do equipo. Correspondente aos dous meses que se facturan. A factura debe detallar cál é o custo do alugueiro mensual (para o ano 2007, de 0,57 euros). Multiplicado por dous, obtense a cifra por este concepto (1,14 euros).
  • 7) IVE. A todas estas cantidades (custo fixo do servizo, facturación por potencia, imposto especial sobre a electricidade e alugueiro do equipo de medida) hai que gravarlles un 16% de IVE.
  • 8) Importe total. Unha sinxela suma de todas as cifras dá o importe total.
  • 9) Historial de consumo. Amosa como foi evolucionando o gasto eléctrico ao longo dos últimos doce meses.

Gas natural

 O gas natural págase, polo xeral, cada dous meses. O detalle da facturación deste servizo conta con dous conceptos fundamentais. Dunha banda, a tarifa correspondente que ten aplicada cada fogar en función do volume de gas natural que consume. Doutra, un factor de conversión do poder calorífico do gas subministrado, unha cifra que difire en cada rexión e para cada período facturado e que se emprega para realizar o cobramento por cada terminal, independentemente da calidade do gas.

  • 1) Tarifas para usos domésticos. Hai que distinguir a 3.1 (para vivendas cun consumo igual ou inferior a 5.000 kWh/ano), a 3.2 (para consumos entre 5.000 e 50.000 kWh/ano), a 3.3 (para consumos entre 50.000 e 100.000 kWh/ano) e a 3.4 (para consumos superiores a 100.000 kWh/ano).
  • 2) O importe que se factura. Analízase, dunha banda, nun custo fixo por contrato, que se paga por recibir o gas no fogar, derivado da utilización da rede de gasodutos da compañía. Este concepto págase aínda que non se consuma e depende do tipo de tarifa que aplique. Para un fogar cun consumo inferior aos 5.000 kWh/ano, o importe no 2006 era de 2,39 euros por mes, polo que na factura ascenderá 4,78 euros.
  • 3) Custo variable de gas. Corresponde ao consumo efectuado no período facturado. O consumo mídese en metros cúbicos, pero, co fin de equiparalo co consumo eléctrico, exprésase a equivalencia en quilovatios horas (kWh). Por exemplo, para o ano 2006 o prezo do kWh estaba fixado en 0,048284 euros. Para un consumo de 20 m3 de gas natural e considerando unha estimación de 10,791 kWh de poder calorífico para cada m3 de gas subministrado, o importe ascendería a 10,43 euros. (Refírese a consumo-gas).
  • 4) Alugueiro do contador. O importe por este concepto está en función do tipo de contador que se teña instalado, o que determina o caudal máximo (m3/hora) de gas que pode chegar á vivenda. Para un volume de 6 m3/h, o máis habitual nun domicilio particular, o alugueiro mensual durante o 2006 era de 1,08 euros, polo que o importe por este concepto ascende a 2,16 euros na factura bimensual.
  • 5) IVE. Aplícase o 16%.
  • 6) Información adicional. Infórmase ao cliente de que a tarifa inclúe un importe destinado á Comisión Nacional da Enerxía e outro ao Xestor Técnico do Sistema.
  • 7) Historial de facturación. Complétase cun novo gráfico co historial de facturación en metros cúbicos dos últimos dous anos.

Teléfono

 O custo por consumo varía dunhas operadoras a outras, xa que o mercado da telefonía está liberalizado. En calquera caso, os conceptos das facturas de teléfono son moi similares independentemente da compañía que preste o servizo. Na maioría dos recibos das diversas operadoras hai unha parte fixa, na que se detallan os servizos contratados, e outra que depende do consumo. Cada empresa ofrece as súas propias fórmulas de desconto.

A cota fixa reflicte o prezo polos servizos contratados: págase polo mantemento da liña, o acceso ás redes e á infraestrutura tecnolóxica que fai posible poder realizar e recibir chamadas. Polo xeral, esta cota abóase aínda que non se realizasen chamadas. Ademais, neste apartado figurarán outros servizos que se teñan contratados. Por exemplo, nos últimos anos é moi común que a factura de teléfono inclúa o custo polo acceso a Internet, por servizos concretos como tarifas planas, ADSL... Como se trata de servizos con prezo pechado, adoitan aparecer expresadas na parte de cotas fixas da factura.

 A parte variable da factura fai referencia ao consumo asociado ao servizo telefónico. O habitual é que as compañías detallen o custo das chamadas segundo o seu destino: metropolitanas, provinciais, interprovinciais, internacionais, a móbiles, servizos avanzados (números 900, centrais...). Mesmo as compañías máis minoristas inclúen información sobre a duración e o custo particular de cada chamada.

  • 1) Chamadas especiais. Nun fogar que ten contratado un servizo cun prezo fixo que inclúe as chamadas locais e nacionais, estas non aparecerán na parte variable. Si figurarán as chamadas especiais, como, por exemplo, as realizadas a números 902. Ademais, incluirase unha listaxe detallado destas chamadas.
  • 2) IVE. A factura telefónica aplica un 16% de IVE polos custos fixos e variables.
  • 3) Total. O custo total da factura.

Que implica a lectura do contador

 Os consumos de electricidade, gas natural e auga quedan reflectidos nun contador situado na vivenda ou no terreo do usuario, polo que a compañía debe pasar para proceder á súa lectura.

Na actualidade, os terreos de nova edificación dispoñen de cuartos de contadores independentes para cada servizo. Non obstante, nos terreos construídos antes desta disposición, o normal é que os contadores se atopen dentro de cada unha das vivendas, polo que os técnicos deben acceder a cada unha delas para anotar o consumo.

Como na maioría das ocasións os propietarios están ausentes, as compañías optaron por dúas medidas: poñer á disposición dos usuarios unhas follas para que se anoten os valores consumidos e que son recollidas por un técnico, e ofrecer un número de teléfono gratuíto ao que se pode chamar para facilitar o valor.

En función do sistema utilizado, as compañías expedirán a factura indicando nos epígrafes lectura anterior e lectura actual os códigos "real", se foi un técnico o que realizou a revisión, "facilitada" se se indicou no formulario da compañía ou por teléfono, ou "estimada" en función do consumo habitual se a compañía non dispón de ningunha medición.


Relacións deste contido

Descargar esta información en PDF

PDF: Fai clic aquí para Descargar esta información en PDF (297 Kb)

Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto