Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > O máis práctico > Consellos

Λ

Hixiene bucal: O cepillo da saúde

Unha correcta limpeza inclúe o uso de fío dental e o cepillado polo menos dúas veces ao día durante dous minutos

 A preocupación pola hixiene bucal é cada vez maior, pero aínda persisten moitas dúbidas e inseguridades sobre como, cando e canto hai que limpar a dentadura para evitar a carie, enfermidade que, segundo o último informe da Fundación Dental Española, sofren catro de cada dez nenos, proporción que se eleva a sete de cada dez ao chegar aos 12 anos. A infancia é o momento crítico para adquirir uns correctos hábitos de hixiene bucodental que os pais deben axudar a manter, xunto co costume de acudir unha vez ao ano ao dentista para facer unha revisión. Tamén é importante limitar a inxestión de azucre para favorecer a duración da dentadura natural, que permite mastigar con maior facilidade e unha mellor dixestión. Cepillar os dentes cada día é un hábito máis ca recomendable e que, ademais, se pode realizar de modo rápido e sinxelo. Débense empregar dous minutos para fregar todas as pezas e repartir a tarefa en tres pasos: cepillado, fío dental e enxaugadura bucal.

Afeccións bucodentais

  • Placa. Conxunto de bacterias que hai na superficie dos dentes e das enxivas. Ten forma de película incolora e pegañenta, deposítase sobre os dentes e é a principal causa das caries e das enfermidade das enxivas.
  • Sarrio. É a placa bacteriana endurecida. Cando se atopa na base do dente, só o pode eliminar o dentista cunha limpeza. Tamén se pode formar no bordo das enxivas e debaixo destas, o que irrita o tecido xenxival. A súa cor é castaña ou amarelada.
  • Carie. Unha hixiene bucal deficiente permite que se acumulen na boca restos alimenticios que producen ácidos que destrúen o esmalte. Estes restos, principalmente azucre, alimentan outros microbios que atacan a estrutura debilitada dos dentes.
  • Enfermidade periodontal. É unha patoloxía crónica causada pola placa bacteriana e que conduce á perda de soporte periodontal dos dentes, é dicir, do óso no que estes se suxeitan e das enxivas. O tabaco agrava esta enfermidade.
  • Mal alento (halitose). Aproximadamente, o 40% da poboación padece ou padeceu halitose debido a unha hixiene bucal incorrecta ou a enfermidade das enxivas, entre outras causas. Este problema diminúe cun bo cepillado e cunha limpeza profunda con fío e enxaugadura bucal.

COIDAR OS DENTES DURANTE TODA A VIDA

  • A partir dos seis meses. O coidado dos dentes comeza xusto despois de aparecer a primeira peza, arredor dos seis meses. A esta idade non é necesario o uso do cepillo nin do fío dental, pero é conveniente asear os dentes e as enxivas cunha gasa húmida despois de tomar biberón ou comer alimentos. A primeira visita ao dentista chegará aos dous anos e servirá para comprobar o desenvolvemento correcto da dentadura e que o neno ou nena se familiarice cos bos hábitos bucais.
  • Dende os seis anos. Ata esta idade e cando comezan a caer os dentes de leite convén empregar unha pequena cantidade de pasta dentífrica con baixo contido en fluor e un cepillo de serdas suaves. Os pais deben ensinar os detalles dun correcto cepillado e concienciar os seus fillos e fillas da importancia da limpeza dental diaria.
  • Na adolescencia. Nesta etapa os hábitos de hixiene bucal xa se adquiriron e é imprescindible cepillar os dentes, polo menos, dúas veces ao día: á mañá e á noite. A pasta dentífrica ten que ter un maior contido en fluor e o uso do fío dental é necesario para eliminar a placa acumulada entre os dentes.
  • Etapa adulta. Os bos costumes adquiridos debense manter de por vida, xunto ás revisións periódicas ao dentista, e extremarse no caso das persoas maiores. Nesta etapa, diminúe a produción e secreción de saliva, que ten como función estabilizar o ph da boca (grao de acidez), controlar a aparición de placa bacteriana e achegar calcio e fluor.

Cepillo, pasta e fío dental

Son os tres aliados da hixiene bucal, sempre que se adapten ás características dentais de cada persoa.

  • Cepillo. A súa función é eliminar os restos de alimentos e as bacterias sen danar o esmalte. Debe ser ergonómico, con mango antiesvaradío, sedas suaves e cabeza pequena para chegar a todas as zonas da boca e, especialmente, ás moas. Os que teñen dificultades para cepillarse, poden recorrer a un cepillo eléctrico. Hai que substituílo por un novo cada tres meses ou cando as sedas estean estragadas.
  • Pasta dentífrica. Axuda ao cepillo a acabar coa placa. É importante que conteña fluor e pequenas doses de abrasivos como a silica ou outros, que axudan a remover as manchas.
  • Fío ou seda dental. Serve para limpar entre os dentes e eliminar a placa depositada neste espazo e debaixo da enxiva. A súa acción compleméntase coas enxaugaduras con elixires e solucións antisépticas, pero en ningún caso substitúe ao cepillado.
 

Como cepillar os dentes paso a paso

O ideal é cepillar os dentes despois de cada comida e, sobre todo, durante a noite. Mentres se dorme, as glándulas salivares producen menos saliva e os dentes están menos protexidos fronte aos microbios. Un correcto cepillado inclúe movementos curtos e suaves, con especial atención á liña da enxiva, aos dentes posteriores de difícil acceso e ás zonas situadas arredor de obturacións, coroas e outras reparacións. Hai que seguir os seguintes pasos:

  • 1. Limpar as superficies externas dos dentes superiores e inferiores con movementos verticais. Para iso, hai que inclinar o cepillo uns 45° contra o bordo da enxiva e deslizalo dende ese bordo cara a adiante, cunha lixeira presión.
  • 2. Limpar as superficies internas dos dentes superiores e inferiores, cos mesmos movementos e inclinación do cepillo ca no paso anterior. Esta é a limpeza que máis a miúdo se descoida, polo que ten maior importancia.
  • 3. Cepillar as superficies de mastigación de cada dente con movementos curtos cara a atrás.
  • 4. Fregar as moas con movementos circulares para despegar das dobras calquera resto de alimento e bacteria. Hai que limpar tanto a superficie coa que se mastiga, como a cara interna e externa.
  • 5. Empregar fío dental para eliminar calquera resto que quede entre os dentes, onde non chega o cepillo. Hai que cortar un anaco de fío, enrolar os extremos nos dedos medios e introducilo tensado no espazo interdental. Débense seguir as curvas dos dentes e deslizar a seda suavemente cara a arriba e cara a abaixo ata chegar á enxiva, con coidado para non a danar.
  • 6. Pasar o cepillo suavemente pola lingua axuda a eliminar bacterias e manter un alento máis fresco.
  • 7. A enxaugadura con elixires reforza a limpeza.

Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto