Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Novas Tecnologías

Λ

O novo sistema operativo de Microsoft: Menos revolucionario do que parece a primeira vista

Saíu o novo Windows Vista, que substitúe ao popular Windows XP e que pretende mellorar as prestacións multimedia e o acceso a Internet

  O cambio do sistema operativo dun ordenador parécese moito a substituír o motor dun coche (e é moito máis barato). Se se fai ben, o equipo modernizarase e permitirá cousas que antes eran impensables. Pero non sempre é posible: un "seiscentos" non irá moi lonxe co motor dun Ferrari. É necesario un equilibrio entre as capacidades físicas do equipo e as prestacións do novo inquilino. A fin de contas, o sistema operativo é o programa que manda sobre o resto dos programas, o idioma no que fala o ordenador. Microsoft substituíu, seis anos despois, o seu sistema operativo estrela, Windows XP, polo máis moderno Windows Vista, e os usuarios enfróntanse ao dilema de se o cambio paga a pena ou se é mellor quedar como están.

Aero, o escritorio transparente

Que é o que achega o novo sistema? En primeiro lugar, un novo ámbito gráfico, coñecido como Aero. É máis lixeiro e dinámico, con ventás transparentes que permiten ver o que hai detrás delas sen necesidade de facer tantos clics como agora. Ademais, as ventás rotan en tres dimensións para facer máis animado o cambio dun programa a outro nun movemento realmente espectacular (aínda que xa visto en Mac OS X e nalgunhas versións de Linux).

As cores por defecto son máis atenuadas, e predomina o verde pastel (hai quen afirma que ten reminiscencias do sistema operativo de Apple, Mac OS). Incorpora ademais o novo Internet Explorer 7, pero non o Windows Media Player 11, que, de tódolos xeitos, se pode descargar dende Internet gratuitamente. O sistema, ademais, asesora de xeito activo ao usuario na súa aprendizaxe. Posúe tamén unha barra lateral con pequenos programas (Widgets) que indican a hora, a temperatura, que amosan fotografías... Con Windows XP para gozar deste servizo era necesario instalar aplicacións externas como Yahoo! Widgets ou Google Desktop.

Vista está pensado para ter unha das súas patas na Rede, é dicir, para estar sempre conectado. A compra de Vista dá tamén dereito a gozar de servizos como Windows Live, o espazo persoal ao que o usuario pode acceder e dende onde pode mercar, gardar (dependendo da versión) e compartir películas, videoxogos, fotografías e música. Por suposto, canto máis cara é a versión que se posúe, máis acceso se ten aos servizos que ofrece Microsoft.

En materia de seguridade, unha das lagoas tradicionais da compañía, Microsoft afirma que hai melloras: o cortalumes de Vista exerce un control máis férreo sobre todo o que se descarga no ordenador, aínda que non leva un antivirus incorporado, como se rumoreou nun principio. Iso si, dispón dun sistema de control de copias e contidos non legais (Windows Software Protection Platform) que pode rebaixar substancialmente as capacidades do sistema se non se demostra que se pagou a súa licenza de uso.

En calquera caso, o auxe do sistema operativo libre e gratuíto Linux, que conta con versións tan sinxelas de utilizar e potentes como Ubuntu fan difícil prognosticar se Vista, un sistema que non inclúe melloras revolucionarias, conseguirá ser tan ubicuo como o é agora o XP.

En sete versións

Windows Vista intenta xuntar dous mundos: a interconexión e o lecer multimedia. Pero non se trata dun único sistema operativo. Microsoft dividiuno en sete versións: tres son para empresas e outras catro están pensadas para o usuario doméstico, en función da capacidade do seu ordenador e do seu poder adquisitivo (o prezo móvese entre os 70 euros e os 300 euros). Os máis potentes están dirixidos aos usuarios "xogóns", que requiren dunha alta capacidade de proceso, mentres que os máis sinxelos cobren de sobra as necesidades dos que só pretenden escribir documentos, utilizar follas de cálculo ou navegar por Internet.

As versións para o fogar van dende a máis barata e elemental ("Windows Vista Home Basic", semellante ao actual "XP Home Edition"), ata a máis cara e completa, "Windows Vista Ultimate", pensada para crear unha comunidade virtual de usuarios que xogan xuntos a videxogos, escoitan música en rede e comparten películas e outros arquivos mediante canles P2P (de amigo a amigo) de xeito exclusivo. A versión que se prevé máis popular será unha das intermedias, "Windows Vista Home Premium", que é unha mestura do PC tradicional e un xestor do entretemento multimedia con capacidade para gravar DVD e reproducir arquivos con calidade de televisión de alta definición.

Que

 Non todos os ordenadores poden utilizar todas as versións de Windows Vista. A básica é a menos esixente e funciona ben nos ordenadores actuais, pero a partir de aí precísase un procesador de dobre núcleo, cunha memoria RAM de 1 xigabyte ou superior, amais dunha tarxeta gráfica de certo nivel para que o sistema non se arrastre. Nada do outro mundo para os ordenadores novos, pero un imposible para os mercados hai máis de un ou dous anos.

  • "Windows Vista Home Basic"": A versión máis básica é adecuada para un usuario con poucas ambicións. O máis probable é que esta versión non se atope nas tendas do primeiro mundo porque está destinada a países pobres.
  • "Windows Vista Home Premium"": Será a máis común en Europa e responde ao perfil medio de necesidades do usuario occidental. Permite unha correcta xestión de música, películas, gravacións de series e programas de televisión, á vez que ten unha ampla gama de posibilidades en conexión coa Rede.
  • "Windows Vista Business": Máis parecida ás versións empresariais de Vista, está máis enfocada ao traballo ofimático (escribir documentos, manexar follas de cálculo, presentacións,...) que ao lecer.
  • "Windows Vista Ultimate": Claramente orientada aos usuarios que fan un uso moi intensivo da Rede, sobre todo en videoxogos multixogador e outras calidades multimedia con gráficos e son complexos.

Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto