Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Alimentación

Λ

Xaqueca e alimentación: Alimentos que traen de cabeza

A dieta non cura a xaqueca pero pode previr a súa aparición e aliviar a dor

 A xaqueca trae de cabeza a millóns de persoas en todo o mundo. En España, estímase que máis de 3,7 millóns de habitantes de entre 18 e 65 anos, o 12,6% da poboación, sofre xaqueca. Non obstante, non reciben nin a atención nin o tratamento axeitados. Así se desprende dunha enquisa realizada no 2006 no marco do Plan de Acción na Loita contra a Xaqueca coa participación da Sociedade Española de Neuroloxía (SEN), da Fundación Española de Enfermidades Neurolóxicas (FEEN) e do aval do Ministerio de Sanidade e Consumo.

De acordo cos resultados do estudo, o 61% das persoas con xaqueca entrevistadas consideran que teñen unha información insuficiente sobre a enfermidade e sobre os factores que a agravan. A maioría sabe que se trata dunha enfermidade hereditaria, pero tamén son moitos os pacientes que cren que algúns alimentos como o queixo, o chocolate, o plátano ou o viño poden xogar un papel determinante, tanto no inicio dunha crise coma no empeoramento da dor. E aínda que non todas as crises de xaqueca teñen a súa orixe na alimentación, convén saber que o consumo de determinados alimentos pode acelerar a súa aparición e agudizar os seus síntomas.

Dieta preventiva

Para entender a relación da dieta coa xénese da xaqueca hai que comprender os mecanismos fisiolóxicos que a poden orixinar. Un deles é a asociación entre xaqueca e alerxia alimentaria. A cefalea, sinal de identidade da xaqueca, é unha das consecuencias da reacción inmunolóxica do organismo fronte ao contacto con substancias dos alimentos que identifica como tóxicos (antíxenos). Outra explicación fisiolóxica relaciónase co efecto vasodilatador e inflamatorio das arterias cerebrais, efecto que se traduce na dor intensa que experimentan algunhas persoas propensas logo de consumir certos alimentos.

Aínda coñecendo a estreita asociación entre dieta e xaqueca, na maioría dos casos a doenza non desaparece cando se deixan de tomar os alimentos máis problemáticos, xa que hai outros moitos factores que a desencadean. Entre outros, están o estrés, a menstruación, o xaxún, o exercicio físico, a falta de sono ou algúns medicamentos como os anticonceptivos. Malia a multiplicidade de causas, poderíase reducir a frecuencia ou a intensidade das crises de xaqueca se se segue unha dieta preventiva que limite o consumo dos alimentos asociados ao malestar, ou mesmo evitándoos de por vida. A clave está en coñecer cales son estes alimentos e por que causan dor de cabeza.

Que substancias provocan xaqueca?

Aminas bióxenas

 Algúns alimentos, como o chocolate, o viño, a cervexa ou as conservas de peixe, contan cunha alta concentración de aminas bióxenas como a histamina, a tiramina, a feniletilamina ou a serotonina. O seu exceso no organismo pode causar cefaleas. Doutra banda, a inxestión de tiramina xunto con fármacos inhibidores da monoaminoxidasa (IMAO) empregados no tratamento da depresión ou da ansiedade, por exemplo, pode desencadear unha crise hipertensiva caracterizada por cefaleas.

Compostos fenólicos

Presentes en produtos como o chocolate, o té ou o café, algúns compostos fenólicos, como os flavonoides, anulan a acción das encimas que procesan as aminas bióxenas, co que se produce un aumento do seu nivel no organismo e, por conseguinte, o risco de sufrir xaqueca.

Aditivos alimentarios

O glutamato monosódico e o aspartame úsanse para enxalzar o sabor dos alimentos, o primeiro como potenciador do sabor e o segundo como edulcorante. O glutamato e o aspartato, compoñentes químicos dos devanditos aditivos, son aminoácidos que actúan no organismo como mediadores da inflamación, o que explicaría o inicio da xaqueca asociada ao consumo de produtos que levan estes aditivos, como os produtos precociñados (pizzas, canelóns...), larpeiradas ou repostería, entre outros.

Xaqueca e alerxia alimentaria

 A asociación entre alerxia alimentaria e xaqueca investígase dende hai décadas. Xa nos anos 30 estableceuse que dous terzos dos pacientes con cefaleas experimentaban melloras substanciais con dietas de eliminación. O contacto entre o alérxeno -proteína do alimento que resulta tóxica para as persoas con alerxia- e un anticorpo que fabrica o organismo, a inmunoglobulina E específica (IgE), dá lugar a unha maior liberación celular de histamina e doutras aminas, que provocan inflamación e que actúan como desencadeantes da crise de xaqueca en persoas hipersensibles ou alérxicas a certos alimentos. Entre os alimentos identificados como máis alerxénicos atópanse o leite, ovos, peixe, marisco, froitos secos, leguminosas (cacahuete e soia), e algunhas froitas (pexego, albaricoque, ameixa, cereixa, amorodo e kiwi).

Unha vez diagnosticada a alerxia ou a intolerancia alimentaria, a xaqueca pode desaparecer cunha dieta de exclusión, na que non se inclúan os alimentos alerxénicos. E se a persoa non ten alerxia, pero si hipersensibilidade a algún alimento, experimentaría unha notable melloría coa dieta.

Non ao xaxún prolongado

A hipoglicemia (nivel baixo de glicosa en sangue) provocada polo xaxún prolongado pode desencadear xaqueca. A liberación brusca de insulina polo páncreas tras o consumo de alimentos ricos en carbohidratos (pan, galletas, patacas, legumes, arroz e pasta) despois dun xaxún prolongado, pode incrementar a dispoñibilidade de triptófano no cerebro, a partir do cal se sintetiza unha maior cantidade de serotonina, e a súa concentración aumenta ao inicio das crises.

Alimentos que poden aliviar

 Aínda que algunhas froitas (o plátano moi maduro ou o aguacate) poden exacerbar a dor de cabeza que acompaña ás xaquecas, o certo é que aquelas que presentan unha concentración notable de vitamina C ou vitamina B2 poden exercer un efecto analxésico. Un bo zume de laranxa, pois, axudará a aliviar a dor de cabeza. O mesmo podería dicirse dos ácidos graxos insaturados que se atopan en proporción variable nos froitos secos, en especial noces e améndoas.

Producen dor de cabeza Os alimentos nos que abundan
Aminas bióxenas: histamina, tiramina, feniletilamina, serotonina Conservas e semiconservas de peixe (atún, sardiñas, anchoas); embutidos crus curados (chourizo, salchichón, salame, fuet, sobrasada); queixos maduros (Parmesano, Emmental, Gouda, Roquefort, Camembert, Manchego); fígado; carnes e peixes (desecados e afumados); vexetais fermentados (chucrut, soia) e frescos (espinacas, berenxenas e tomates); bebidas alcohólicas (viño tinto, branco, escumoso e cervexa); fermento de cervexa e alimentos que a conteñan, froitas (plátano moi maduro, aguacate); chocolate.
Compostos fenólicos Chocolate, té, café.
Aditivos Glutamato monosódico: Caldos e sopas deshidratados, conservas e semiconservas de peixe, salsas, precociñados (pizzas, canelón, croquetas), comida chinesa. Aspartame: Produtos de confeitería (caramelos, gomas de mascar, lambetadas), pastelería, panadería, repostería e galletería. Bebidas refrescantes. Zumes.
Alivian a dor de cabeza Os alimentos nos que abundan
Vitamina C Goiaba, kiwi, cítricos, tomate. A vitamina C actúa como analxésico natural e pode inhibir a síntese de prostaglandinas responsables da dor.
Vitamina B2 ou riboflavina Leite e derivados, carnes, cereais integrais. Hai estudos clínicos que demostran que alivian a intensidade e duración da xaqueca.
Ácidos graxos insaturados Aceites de sementes (xirasol, millo, soia); froitos secos, en especial noces e améndoas; peixes azuis. Os ácidos graxos insaturados reducen a agregación plaquetaria e a inflamación, mecanismos de inicio da xaqueca.

Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto