Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Actualidade e lecer > Tema de portada

Λ

Os datos, informacións, interpretacións e cualificacións que aparecen nesta información corresponden exclusivamente ao momento en que se realizaron e teñen, xa que logo, unha vixencia limitada.

Analizados 103 centros de adelgazamento de toda España: Centros de adelgazamento: unha gran falta de rigor e unha información moi liviá

O 68% dos centros suspende, o 46% PROPÓN tratamentos con "produtos estrela", un de cada tres propón perdas de peso pouco saudables e en máis do 30% os clientes non son atendidos nin por médicos nin por expertos en nutrición

  A operación bikini xa comezou para moitas persoas. As farmacias, parafarmacias, herbolarios, centros de dietética e establecementos similares ofrecen unha morea de produtos destinados á redución do peso corporal. Segundo os últimos estudos, no 2003 os españois gastamos máis de 2.000 millóns de euros en todo tipo de tratamentos adelgazantes. Anuncios que prometen perdas de peso decontado e case sen esforzo, dietas personalizadas para cada cliente e primeiras consultas gratuítas, remiten aos destinatarios desta publicidade centros que, como se comprobou, non sempre dispoñen de persoal cualificado en nutrición.

A pregunta que xorde é se estes establecementos informan ou aconsellan correctamente aos seus usuarios. E a resposta que achegan os datos recollidos neste estudo é concluínte: non. Lonxe de mellorar os paupérrimos resultados dun estudo semellante realizado hai cinco anos, as conclusións do novo informe de CONSUMER EROSKI describen un panorama nada prometedor. Non se pode catalogar doutro xeito o feito de que dous de cada tres establecementos analizados (o 68%) suspendan o exame realizado por esta revista e de que, entre eles, o 84% reciba un "moi deficiente". Só o 18% aproba folgadamente.

Os defectos máis comúns: a maioría non identifica de maneira axeitada o problema, e explica mal e detalla aínda peor o tratamento que lle propón ao usuario. Un de cada tres centros de adelgazamento propón perdas de peso excesivamente rápidas para que resulten saudables e duradeiras, proporción que coincide coa de centros nos que os clientes non son atendidos por médicos especializados ou expertos en nutrición. Ademais, o 46% recomenda tratamentos con "produtos estrela" (produtos ou suplementos dietéticos no canto dunha dieta personalizada que teña en conta os hábitos alimentarios e estilos de vida do paciente).

  Esta é a inquietante radiografía que obtiveron os técnicos de CONSUMER EROSKI que, facéndose pasar por clientes interesados en perder peso, realizaron unha visita a 103 establecementos repartidos en 18 cidades do país: 10 en Madrid e Barcelona, 7 en Valencia e Bilbao, 6 en Málaga, Sevilla e Zaragoza, 5 na Coruña, Alacante, Córdoba, Murcia, San Sebastián, Valladolid e Vitoria e 4 en Granada, Oviedo, Pamplona e Santander. Dos 22 técnicos que visitaron os centros, a metade deles non necesitaban adelgazar, cinco padecían un lixeiro exceso de peso (un problema esencialmente estético) e o resto, 6 persoas, eran obesos de distinto grao.

Establecéronse, contando coa colaboración de expertos en dietética e nutrición e co asesoramento médico pertinente, os criterios que poderían determinar se un centro deste tipo lle permite ao cliente perder peso dun xeito eficaz e saudable. Os resultados destas visitas teñen un denominador común: as súas promesas para perder peso e os tratamentos que propoñen suscitan a desconfianza dos expertos en dietética e nutrición, por fixar metas imposibles de conseguir con dietas saudables.

Mesmo nome, diferente servizo

Os técnicos de CONSUMER EROSKI visitaron 103 establecementos representativos da ampla tipoloxía de negocios especializados en tratamentos de adelgazamento e estética corporal. Entre eles, analizáronse herbolarios, parafarmacias, locais de dietética, consultas en domicilios particulares e tamén centros que desenvolven o seu labor co mesmo nome en diferentes cidades.

Non obstante, a pesar de compartir denominación e de pertencer a unha mesma franquía (modo de funcionamento máis común), o tratamento e a información que lle facilitan ao cliente difire segundo os centros, polo que non se considerou pertinente valorar de modo conxunto o funcionamento, xa sexa positivo ou negativo, de cada unha das franquías ou establecementos que operan baixo unha mesma marca. Entre as estudadas atópanse Corporación Dermoestética (analizáronse once centros), Naturhouse (visitáronse trece centros), Herbolife (catro centros) e Corposan (cinco centros).

Só un de cada catro centros pertencentes a estas franquías aproba con folgura o exame formulado por CONSUMER EROSKI, mentres que un 12% obtén un mediocre "regular" e o resto de centros con franquía (ata un 64%) suspende con valoracións situadas entre o "deficiente" e o "moi deficiente". Polo tanto, os resultados son moi similares aos obtidos polos demais centros.

Paginación


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto