Saltar o menú de navegación e ir ao contido
Os datos, informacións, interpretacións e cualificacións que aparecen nesta información corresponden exclusivamente ao momento en que se realizaron e teñen, xa que logo, unha vixencia limitada.
As limitacións nas emisións de gases de efecto invernadoiro orientan a atención a un combustible menos contaminante, aínda que cun custo de produción maior e cunha aínda escasa implantación
Exposición Universal de París, ano 1900. O inventor alemán Rudolf Diesel presenta o primeiro motor diésel da historia, que funciona con aceite de cacahuete, como un "motor de aceite". O seu creador pretende así potenciar a agricultura como fonte de enerxía. Pero o xirasol, ou os cacahuetes, son moi caros e o petróleo imponse. Ano 2007, máis dun século despois, na UE prodúcense 35 millóns de m3 de biocombustibles, entre os que se atopa o biodiésel, obtido a partir de plantas oleaxinosas. O tempo deulle a razón ao señor Diesel, os aceites vexetais xa se utilizan como combustible e a etiqueta distintiva do biodiésel resulta xa visible en decenas de gasolineiras, tanto en estado puro (o chamado B100, é dicir, ao 100%) como mesturado con gasóleo en proporcións que oscilan entre o 10% e o 20% (os chamados B10, B15 ou B20), tal e como permite a lexislación española de carburantes.
Distintos factores fan que cada vez sexa máis importante buscar fontes de enerxía renovables. O quecemento global, a suba do petróleo, protocolos como o de Kioto e o esgotamento dos combustibles fósiles están facendo que os países fomenten as fontes de enerxía renovables e a que fixen prazos para a súa introdución. A lexislación esixe que o mercado europeo de biodiésel para transporte e calefacción alcance os 10.000 millóns de litros anuais no 2010. Non obstante, e de acordo cos datos da propia Unión Europea, a capacidade de produción actual é de só 2.400 millóns de litros anuais.
De acordo cos datos compilados pola Asociación de Produtores de Enerxías Renovables (APPA), a produción de biocarburantes en España alcanzou no 2006 445.577 toneladas, das que o 28% corresponderon a biodiésel (124.577 t). Así e todo, as vendas de biocarburantes aumentaron no 2006 a un ritmo moi inferior ao da produción, aumentando só un 19% con respecto ao ano anterior, ata chegar ás 241.849 toneladas, das que arredor do 21% era biodiésel (62.909 t). En termos enerxéticos, as vendas nacionais de biodiésel procedentes das plantas españolas representaron unicamente unha cota de mercado do 0,23% do conxunto do gasóleo de automoción consumido en España no 2006, que superou os 24 millóns de toneladas equivalentes do petróleo, tep.
En España hai 12 plantas que producen biodiésel e decenas delas están xa en proxecto. Non obstante, só 200 das máis de 8.500 gasolineiras que funcionan no noso país, 125 delas en Cataluña, ofrecen biodiésel, mentres que en Alemaña e Austria este produto se comercializa xa en 1.800 gasolineiras.
O biodiésel prodúcese a partir de aceites vexetais, virxes e reciclados. O aceite vexetal virxe extráese da semente cultivada deixando atrás a fariña de semente que pode usarse como forraxe animal. O aceite é refinado antes de incorporalo ao proceso de produción. Aínda que se poden atopar máis de trescentos tipos de oleaxinosas, as máis comúns na produción deste biocarburante son a colza, a planta con maior rendemento de aceite por hectárea, a soia, o xirasol e a palma, aínda que tamén se poden utilizar aceites usados, como os de fritura, que é unha materia prima moi barata e ademais permite reciclar o que noutro caso serían residuos.
Precisamente, as materias primas máis utilizadas en España para a fabricación de biodiésel son os aceites de fritura usados e o aceite de xirasol. Tamén se están a realizar probas con aceite de colza e con Brassica carinata, coñecida como a mostaza etíope.
En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI