Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Actualidade e lecer > Análise de produtos

Λ

Os datos, informacións, interpretacións e cualificacións que aparecen nesta información corresponden exclusivamente ao momento en que se realizaron e teñen, xa que logo, unha vixencia limitada.

15 preservativos a exame: As diferenzas de prezo non están xustificadas

Ata os máis baratos cumpren de sobra as normas de seguridade, polo que a elección pode guiarse polas preferencias persoais e polo prezo

  Os preservativos son un modo eficaz, barato e cómodo de evitar embarazos non desexados e o único xeito de protexerse fronte ás enfermidades de transmisión sexual e da sida. A ampla gama de condóns que na actualidade ofrece o mercado fai que o consumidor, máis alá de gustos persoais, se pregunte se os diferentes tipos de preservativos son igual de seguros. Para comprobalo, analizáronse quince preservativos, de cinco tipos distintos (normais, extra grosos, de cores e sabores, estriados e finos) que custan cada un dende os 0,51 euros de Prime Orixinal ata os 2,48 euros de Safex Forte, os máis caros con diferenza. Doce destes modelos comercialízanse en caixas dunha ducia de unidades, Durex Contacto total e Durex Pleasuremax veñen en envases de seis e Safex Forte en caixas de tres preservativos. En total, o laboratorio probou máis de 750 condóns, todos eles de látex (non aptos, polo tanto, para alérxicos a esta substancia). Todos os condóns analizados superaron as esixentes probas de seguridade ás que foron sometidos, salvo Durex Extra-Seguro, que non achegou o extra de seguridade que indica a súa denominación: é tan seguro coma o resto dos "normais", non máis. Por iso, a mellor relación calidade-prezo é a do preservativo máis barato de cada categoría: Prime Orixinal entre os normais (0,51 euros cada un), Benetton Colores entre os de cores e sabores (0,54 euros), Prime estriado (0,54 euros) e Control Forte (0,90 euros) entre os extrafortes. No caso dos sensibles, optouse polo máis caro, Durex Contacto Total (1,33 euros) por ser o máis fino.

Extrafortes e o resto

A lei divide claramente os condóns extrafortes dos que non o son, e esíxelles que leven na súa denominación a lenda: "extra forte", "extra resistente" ou "hiper seguro". Durex Extra Seguro non inclúe ningunha das tres, pero CONSUMER EROSKI considerou que a súa alegación "Extra Seguro" é para os consumidores equiparable ás outras tres. Por iso foi medido coa mesma esixencia ca os outros preservativos extrafortes. Iso si, aínda non se realizaron estudios clínicos que determinen de modo categórico se os condóns máis grosos rompen con menor frecuencia. O que si se pode asegurar é que son menos sensibles. A resistencia mídese alongando cada preservativo ata a súa rotura. A norma non fixa un mínimo de tracción para os condóns normais, pero si o fai para os extrafortes, que deben soportar 100 Newtons (N) de tracción. Dous dos modelos extrafortes aprobaron con resultados discretos: Control Forte (101 N) e Safex Forte (99 N, dentro do rango de erro da proba). Durex Extra Seguro comportouse igual ca os preservativos normais, e non soportou máis ca 75 N de tracción, polo que suspendeu a proba. A resistencia nos outros tipos de condóns é, como cabería esperar, próxima aos 70 N: Control estriado é o mellor dos normais (96 N), seguido de Control Nature (86 N) e Control Fussion (83 N). Durex Contacto (68 N) é o menos resistente, pero resistente abondo para un uso convencional. Os que máis se alongan antes de romper son Durex Plesuremax (estíranse un 890% do tamaño orixinal), Control Fussion e Durex Extra Seguro (os dous con 860%), mentres que o que menos se alonga é Durex Contacto Total, que chega ao 740%.

Presión e volume

Os condóns ínchanse con aire ata que estoupan para comprobar a presión que soportan. A lei regula que os extrafortes deben aguantar 2 quilopascais (kPa) como mínimo. Durex Extra Seguro tamén suspendeu nesta proba, porque quedou en 1,7 kPa. Os preservativos normais, estriados, de cores ou extrafinos teñen que soportar 18 decímetros cúbicos de aire (dm3) e 1 kPa de presión. Safex Sensitive foi o menos resistente, pero con valores moi superiores aos que marca a lei: 1,3 kPa e 33 dm3. Control Fussion e Durex Extra Seguro (os dous 53 dm3) foron os que máis aire soportaron ata estoupar. No tocante á presión, Control Forte (2,7 kPa), Safex Forte (2,4 kPa) e Benetton cores (2,3 kPa) son os máis resistentes. Todos os condóns superaron a lonxitude e anchura que fixa a norma. Os 15 andaron arredor ou superaron os 20 cm de lonxitude (moi por riba dos 16 cm aos que obriga a lei) e a súa anchura oscilou entre os 51 mm de Control estriado e os 55 mm de Durex Plesuremax e Durex Tuttifruti. En canto ao seu grosor, a norma só especifica que o dos extrafortes debe ser de máis de 0,06 mm, pero esa cifra supérana tamén os preservativos normais. O máis groso é Control Forte, que chega aos 0,119 mm, mentres que o máis fino, e, polo tanto, máis sensible é Durex Contacto Total (0,068 mm).

Para comprobar que os condóns non teñen ningún burato enchéronse con 300 mililitros de auga destilada, suspendéronse e examináronse para asegurar que non había fugas. Para asegurarse de que tampouco teñen microfugas, fixéronse rodar sobre un papel absorbente coloreado. Os 15 analizados superaron esta proba. Estes preservativos están lubricados. A cantidade de lubricante en todos eles foi satisfactoria, pero con diferenzas: Durex Contacto Total (433 mg de lubricante) e Prime Orixinal (439 mg) foron os menos lubricados, seguidos de Benetton Colores (443 mg). Os máis xenerosos neste elemento foron Safex Forte (622 mg), Control estriado (601 mg) e Durex Extra Seguro (597 mg).

Condóns avellentados en laboratorio

Comprobáronse os valores de presión, volume, resistencia e alongamento dos condóns logo de ser avellentados en laboratorio para simular o que acontecería ao utilizar un preservativo preto da súa data de caducidade. Este proceso levouse a cabo poñendo cada preservativo a 70º C durante 168 horas, o que debería alterar a súa eficacia. Os resultados non diferiron moito dos conseguidos cos condóns non avellentados. As variacións máis significativas foron as de Durex Natural e Durex Tuttifruti, que reducen a súa resistencia aos 60 N (tiñan sobre os 70 N) e a de Benetton Colores, que unha vez avellentado só se alongou 7,5 veces sobre o seu tamaño orixinal. Doutra banda, a etiquetaxe de tres dos quince condóns é incorrecta: Durex Contacto Total, por non indicar a preceptiva anchura nominal do condón, e os dous Safex por ofrecer as instrucións unicamente en inglés.

Os consumidores opinan

Para comprobar cal era o preservativo máis sinxelo de abrir preguntóuselle a seis mulleres e a seis homes de entre 20 e 40 anos sobre o deseño e a facilidade de apertura de cada preservativo. Os máis doados de abrir son os de Durex, Benetton e Control Fussión, que chegan a 3,8 puntos sobre 5. Safex (2,5 puntos) e Control Nature e Control fino (os dous con 2,6 puntos) son os que menos gustaron neste apartado.

A zona de abrefácil que incorporan os cinco modelos de Control non supón para os usuarios unha substancial axuda. O que si agradecen os consumidores é que a estrutura dentada pola que se abre sexa máis pronunciada. Iso si, todos os consumidores percibiron que os envases eran seguros.

No tocante ao seu deseño os participantes decantáronse polos envases de cores suaves ou metalizados (máis discretos), como os de Control Nature e Control Fino. Gustou especialmente o moi orixinal deseño de Benetton. Os que menos gustaron foron Safex Sensitive (2,4 puntos; cor amarela-ocre con letras negras) e os dous de Prime (2,6 puntos).

O feito de que o dorso do envase de Control Fusión sexa un filme transparente que deixa ver o preservativo non lle gustou a tres de cada catro usuarios. Safex Forte é o único no que os preservativos veñen en formato individual, o que foi moi ben valorado polos consumidores. No resto, cada condón está unido ao resto por unha zona precortada que hai que esgazar.

Paginación


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto