Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > O máis práctico > Consellos

Λ

Materiais alternativos: Pladur: a celulosa dos mil usos

Ás súas vantaxes como illante térmico e acústico, únese a súa aplicación na decoración, fabricación de mobles e usos industriais

 O uso do pladur na construción abandonou o carácter anecdótico grazas ás súas múltiples aplicacións. Tanto en usos industriais, coma en bricolaxe e, sobre todo, en decoración valórase a súa lixeireza e rapidez de instalación. O seu prezo tamén é outra vantaxe: entre 5 e 30 euros por metro cadrado.

O custo depende da súa composición. O pladur está formado por dúas capas de celulosa que recobren unha capa interna de xeso, aínda que, segundo a finalidade, o interior pode ser reforzado ou complementado con outros materiais como a fibra de vidro. O resultado é unha placa agradable ao tacto, resistente e non inflamable, que permite acabados en pintura, papel, verniz e que ata soporta o azulexado.

No tocante á súa colocación, o pladur instálase sobre unha estrutura de aceiro galvanizado, que serve de esqueleto sobre o que se cravan as placas, unidas á súa vez cun papel especial. Rematada esta operación, os parafusos e posibles imperfeccións cóbrense cunha masilla especial ata acadar un acabado uniforme. É unha operación limpa e seca, que non fai tanto po como os traballos de obra, pero que require unha boa dose de paciencia para o axuste correcto das pranchas.

Tipos de placas

Aínda que a estrutura orixinal do pladur está formada por xeso e celulosa, a placa interna admite diferentes materiais segundo a aplicación que se lle queira dar. Xa que logo, pódense atopar placas:

  • Estándar. Compostas por xeso de cor branca e dúas capas exteriores de celulosa. É a placa base, a partir da que se fabrica o resto da gama. Prezo por metro cadrado: entre 5 e 10 euros.
  • Dureza reforzada. O seu deseño pretende resistir mellor os golpes e impactos de corpos duros e conseguir un bo illamento acústico. Emprégase en instalacións como hospitais ou centros de lecer. Prezo por metro cadrado: entre 25 e 30 euros.
  • Resistente ao lume. A capa interna está composta por xeso e fibra de vidro, un material que actúa como malla e aumenta a resistencia ás lapas. Prezo por metro cadrado: entre 7 e 30 euros.
  • Resistente á auga. A calidade do pladur para repeler a auga reside nas capas externas de celulosa, que son tratadas con silicona para diminuír a absorción de humidade. Este tipo de placa é moi útil para sotos ou baños. Prezo por metro cadrado: entre 20 e 30 euros.

Diferentes aplicacións

  • Illamento térmico e acústico. O pladur adoita empregarse para forrar muros e teitos. O obxectivo é mellorar o illamento térmico e acústico, ou conseguir unha maior resistencia á humidade, o lume e os golpes. Como material ignífugo, é un eficaz cortalume que atrasa o efecto das lapas, polo que a súa incorporación a piares e columnas é moi útil. No tocante ao illamento acústico, actúa de barreira fronte ao son grazas á súa elevada densidade e o seu escaso grosor.
  • Elementos decorativos. A instalación de placas de pladur resulta moi útil para ocultar canalizacións ou outras estruturas de obra. Sobre elas pódese pintar, empapelar ou azulexar, ata conseguir o deseño que máis se axusta a cada necesidade. Abonda con cortar as placas á medida e colocalas. A instalación é sinxela tanto en superficies lisas como curvas, para falsos teitos, tabiques ou chemineas.
  • Usos industriais. Neste campo o pladur emprégase, en maior medida, en portas e paredes. O que se busca é a súa capacidade de reacción fronte o lume grazas á instalación de placas en forma de taboleiro. A lixeireza do pladur favorece a súa manexabilidade e montaxe en superficies industriais, onde se coidan, máis se cabe, as medidas de seguridade.
  • Mobles. Como se fabrica en varios tamaños, o pladur pódese utilizar para realizar unha gran variedade de mobles. As librerías, as cabeceiras da cama, as mesiñas de noite, as caixoneiras e as cómodas son os máis habituais, debido á súa resistencia e capacidade para soportar peso. Tamén é posible atopar mesados de baño, portas, frontes e murais.
  • Bricolaxe. Para as mans máis hábiles, e para as que non o son tanto, o pladur é unha fonte inesgotable de recursos. A facilidade de corte, montaxe e versatilidade faino un material idóneo para a fabricación de estantes e outros traballos de bricolaxe. Ademais, pode dotarse de instalación eléctrica.

Máis vantaxes ca inconvenientes?

Antes de decidirse por un traballo de pladur hai que sopesar diversos aspectos e valorar a relación entre calidade e prezo. É certo que o pladur é un material resistente, duradeiro e económico, pero o resultado depende do tipo de prancha que se utilice, da execución dos traballos e do uso que se lle queira dar á obra. Velaquí os principais aspectos que cómpre ter en conta:

  • As placas de pladur pódense cortar doadamente, o que permite obter pranchas á medida e unha grande adaptabilidade a calquera superficie.
  • A súa lixeireza fai que sexa un material manexable, bo de transportar e de colocar, mesmo en estruturas antigas.
  • É un produto económico, ao alcance de case todos os petos, e que abarata o custo final das obras.
  • A rapidez de instalación reduce a duración dos traballos, aínda que require paciencia para que o resultado sexa uniforme.
  • A súa condutividade térmica é menor ca a doutros materiais, como o xeso tradicional, o que a illa da calor por máis tempo.
  • Absorbe a humidade cando o ambiente está cargado e expúlsaa cando o ambiente é seco.
  • Malia o po que pode levantar o xeso, é un material limpo e de obra seca, é dicir, para a montaxe abondan uns parafusos e un papel especial para unir as láminas.
  • É agradable ao tacto, cálido e non inflamable. Permite que se poida cortar, aparafusar, tradear, cravar, pegar e decorar.

Como principal inconveniente destaca unha menor resistencia, fronte a outros materiais como a madeira, aínda que está comprobado que soporta ben o peso de libros e doutros obxectos. Un bo truco é calcular a finalidade da obra ou moble e, en función diso, determinar o tipo de placa que se debe utilizar.


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto