Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Novas Tecnologías

Λ

O mundo dos blogs: Páxinas en branco cun destinatario global

Os blogs ábrenlles as portas da creación a aqueles que antes eran só espectadores

 A cita que coroa Technorati, o maior buscador de blogs ou bitácoras, páxinas en branco en formato dixital, reza o seguinte: "55 millóns de blogs, algúns deles deben ser bos". Este non é o único número colosal que rodea a esta florecente criatura da Rede. A consultora estadounidense Gartner estima que para mediados do 2007 se alcanzará a cifra de 100 millóns de blogs. Non obstante, e segundo este mesmo informe, a partir dese máximo histórico o número deste tipo de páxinas web decaerá ata quedar reducido á metade. Como é posible que tantas persoas expoñan as súas vivencias, escriban os seus pensamentos e colguen os seus vídeos e fotografías persoais nas páxinas de Internet? E como se explica que, de golpe, a metade desas páxinas vaian desaparecer? A razón desta espectacular suba e do seu rápido descenso radica na esencia mesma deste novo medio.

Entre o exhibicionismo e o discurso público

Un blog ou bitácora é o máis parecido a unha páxina en branco en formato dixital. Trátase de páxinas web moi sinxelas de crear e de manter que serven para publicar textos, imaxes ou vídeos periodicamente. Nestas páxinas web amósanse os contidos en orde cronolóxica inversa: os últimos textos aparecen en primeiro lugar. Así, os lectores asiduos poden seguir os seus autores preferidos con comodidade.

Os adolescentes plasman os seus sentimentos nas páxinas en branco dos seus diarios e os adultos manteñen correspondencia por carta, por correo electrónico... Pero, a diferenza da correspondencia escrita a tinta, ou dos diarios íntimos gardados en cadernos, o destinatario destes novos escritos dixitais pasou de ser unha soa persoa (ou unhas poucas) a converterse na comunidade global. O blog é un punto intermedio entre o exhibicionismo e o discurso público, xa que é un individuo o que lles fala a todos os demais e o que lles conta a súa vida ou os seus pensamentos. E o lector é libre de entrar nesa páxina web concreta ou de marchar a outra.

Dependencia de quen o crea e dos que o len

Non obstante, e a pesar de ser un fenómeno que se desenvolve nun ámbito sumamente mecanizado, un blog depende por enteiro do esforzo humano, da vontade de escribir nel permanentemente; de amosar vídeos ou imaxes dixitais captadas cunha cámara. O blog é un organismo vivo que se alimenta da comunidade; depende tanto de quen o crea e actualiza como dos que o len ou miran, e que se fan á vez eco da súa existencia nos seus respectivos blogs. O blog nace nunha soa persoa, pero o seu obxectivo é transcender a toda unha comunidade.

Explicada a esencia dos blogs, talvez sexa máis doado entender a razón pola que se prevé que para mediados de 2007 os blogs alcancen o seu máximo e logo comecen a decaer: simplemente cando pase a moda a metade dos "bloggers" (escritores de blogs) deixarán de escribir, polo que as súas "creacións" se perderán na inmensidade da "blogosfera" (a comunidade de todos os blogs). Iso si, a outra metade continuará adiante.

O usuario é o protagonista

Entre os internautas que non se desaniman estase a crear unha verdadeira sociedade dixital na que os usuarios non dependen exclusivamente dos xornais, as revistas ou as editoriais para informarse, entreterse ou gozar de boa literatura. Na "blogosfera" non hai directores de xornal que digan que nova vale máis ca outra nin críticos literarios que sinalen o novo xenio.

No mundo dos blogs, é a comunidade de "bloggers" e lectores (centos de millóns de persoas) os que ao tempo, e case sen pretendelo, enxalzan un determinado blog porque contén as noticias máis interesantes, os mellores poemas, as fotografías dixitais máis fermosas, as reflexións máis atinadas ou os comentarios máis enxeñosos. Isto é así ata tal punto que no 2006 a revista Time designou como protagonista do ano (o rostro que ocupa a súa portada de decembro) a... todos os usuarios de Internet!

Para os autores: sinxelo e económico

Plataformas como "Blogger" (www.blogger.com) poñen ao alcance de calquera persoa con ganas de sacar adiante o seu blog os equipos e os programas para escribir e publicar en Internet de xeito completamente gratuíto. Non son máis difíciles de usar ca o correo electrónico.

Con este sistema o usuario adquire unha dirección de Internet na que estará o seu blog. Esta dirección é do tipo "www.usuario.blogspot.com" (aínda que agora "Blogger" ofrece tamén direccións personalizadas se o usuario paga o dominio, uns 9 euros ao ano). Isto quere dicir que abonda con que os outros usuarios tecleen este enderezo no seu navegador para acceder ás páxinas do usuario, a non ser que este indique expresamente que son privadas. E para escribir unha nova entrada en blog? O proceso é tan sinxelo como enviar un email.

Co tempo, e se o entusiasmo non se perdeu, pódese acceder a plataformas máis complexas de edición de blogs, como WorldPress ou MovableType, que teñen moitas máis posibilidades creativas ca "Blogger", pero que requiren dun servidor propio e de coñecementos bastante máis avanzados.

Para os lectores: o mellor, os buscadores

 

É tal a cantidade de blogs que hai en Internet e son tantos os milleiros que se crean cada día, os que se deixan de actualizar ou os que sinxelamente conteñen ben pouca información, que o recomendable é utilizar os buscadores de blogs, de grande importancia para os lectores (novatos ou avezados) e tamén para os propios creadores de blogs (os "bloggers"), xa que adoitan incluír medicións de popularidade que alimentan o combustible que move a maioría destas webs: o ego dos seus autores.

O primeiro buscador especializado foi Technorati, que se basea nas etiquetas que lles poñen os bloggers aos comentarios que escriben ("tags") para ordenar a "blogosfera". Despois Google contraatacou con Google Blog Search, que ofrece información máis "fresca" (actualizada) ca a versión convencional do buscador. En calquera caso, en moitas ocasións todo se resume en atopar un bo punto de partida: os blogs adoitan recomendar nunha columna na súa parte esquerda ou dereita a outros blogs. Se damos cun blog que nos apaixone, poderemos ir saltando de blog en blog para tecer unha rede de novos medios que acabaremos por consultar acotío.

 

Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto