Saltar o menú de navegación e ir ao contido
Os datos, informacións, interpretacións e cualificacións que aparecen nesta información corresponden exclusivamente ao momento en que se realizaron e teñen, xa que logo, unha vixencia limitada.
Os gastos dunha voda oscilan entre os 10.000 e os 43.000 euros e boa parte destes cartos destínanse ao banquete, con menús que varían dende os 60 euros por comensal ata os 125 euros por convidado, barra libre incluída.
Pola igrexa ou polo xulgado, festa íntima ou multitudinaria, na cidade ou no campo, austera ou a todo trapo. Con independencia da forma, unha cousa está clara: cando falamos de vodas é preciso ter unha calculadora preto. Para chegar ao "Si, quero" son necesarios longos meses nos que conceptos como "aforro", "mesura" e "racionalidade" desaparecen do vocabulario. Comezan os preparativos e con eles os orzamentos e os esforzos por conseguir que todo sexa perfecto, mesmo máis alá das posibilidades da parella, xa que nesta batalla non se mira o máis mínimo o peto, tal e como se desprende da enquisa "Tendencias sobre o matrimonio", realizada por Meetic , o portal de busca de parella e amizades a través de Internet máis utilizado en España e Europa. Segundo o devandito estudo, o 30% dos enquisados en España, un de cada tres, declarou que lle pediría un préstamo a unha entidade bancaria para asumir as custas da súa voda, aínda que a maioría, un 52%, teñen a familia como a principal fonte de financiamento para aboar os gastos do seu enlace.
As vodas convertéronse nun estupendo filón para todos os negocios relacionados con esta celebración (restaurantes, florerías, tendas especializadas na venda de traxes de cerimonia, alugueiro de coches e mesmo algunhas parroquias). No 2005 celebráronse en España 209.125 matrimonios, segundo datos do Instituto Nacional de Estatística (INE). Deles, o 63% foron relixiosos e o 37% civís.
O custo final do enlace ten moito que ver co número de convidados e coa categoría do restaurante e do menú elixido. Dar unha cifra é complicado, pero, de xeito aproximado, na actualidade os gastos dunha voda oscilan entre os 10.000 euros e os 43.000. Isto é o previsto, pero hai que ter en conta que cando unha parella se dispón a iniciar os trámites para celebrar a súa voda se atopa con algunhas sorpresas, imposicións e imprevistos que incrementan os seus gastos.
En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI