Saltar o menú de navegación e ir ao contido
As series son a grande aposta das canles de televisión. Crear un mundo de ficción: producilo, gravalo, interpretalo e editalo implica o traballo cotián dun equipo composto por máis de cen profesionais. Cada día tense que cumprir a orde de gravación, que representa arredor de oito páxinas do guión (algo menos de dez minutos dun capítulo). O obxectivo de cada xornada de traballo é lograr que en 10 días se teña preparado un capítulo de 80 minutos. "Cuéntame", unha das series de maior éxito en España -oito tempadas e 139 capítulos así o testemuñan-, é unha boa mostra do esforzo que hai diante, e detrás, das cámaras.
Nun anódino polígono industrial da localidade madrileña de Pinto, ocúltase a cidade na que vive a televisiva familia Alcántara. As fachadas non son de cartón pedra, senón de ladrillo, pero son só iso, fachadas cun revés oco. Os interiores -cuartos, o bar, a parroquia...- están recollidos nun edificio estremeiro, este si real.
Acabada a sesión de peiteado e maquillaxe, o director do capítulo en rodaxe, o script (asesor de interpretación) e os actores e actrices que interveñen na secuencia que se vai rodar xúntanse arredor da chamada "mesa italiana". Alí esmiúzan o texto, discuten o papel e en ocasións matizan partes do guión.
Dende hai tres horas, o equipo técnico está a preparar a escena. A iluminación é un aspecto tan importante como o atrezzo e o vestiario, xa que as tonalidades predominantes, o verde, o sepia e o carmesí, moi pouco frecuentes nas imaxes actuais, son un dos sinais de identidade da serie.
O habitual é que cada secuencia definitiva precise de ducias de repeticións. O son, a luz, a interpretación... un avión que cruza o ceo, un figurante que non está no seu sitio, o coche que non arranca..., de aí que, ao cabo dunha xornada de dez horas, e ás veces máis, só se chegue a obter uns dez minutos netos para poder montalos. O director segue a rodaxe dende unha sala próxima. Escóitaa e visiónaa en pantalla. Cando cómpre, sae ao lugar de gravación a darlles instrucións aos actores e actrices, a cámaras e luces. Co equipo de montaxe e son está en constante contacto a través de auriculares.
Se se roda en exteriores, as condicións atmosféricas condicionan ata tal punto o traballo que as previsións meteorolóxicas teñen moito que dicir no plan do día. Pode que os plans cambien, que se atrasen as secuencias ou que se altere a orde. Sucédense momentos de descanso, como o que reflicte a foto, no que se apoian os uns aos outros. Ao final dunha xornada son moitas horas interpretando un papel.
As escenas non se gravan na mesma orde en que se emiten no capítulo. A orde definitiva realízase na mesa de montaxe. Non obstante, a secuencia debe estar completa para ser válida. Cando todo é perfecto: a luz, o son, a interpretación, os efectos especiais, o ritmo e o ton dáse a toma por boa.
As cámaras e os micrófonos gravan e simultaneamente envían a imaxe e o son a dous pequenos estudos situados no baixo do edificio principal de oficinas, a uns 200 metros de onde transcorre a acción. Cando o criterio do director-xefe de capítulo, o do director de fotografía, o dos técnicos de imaxe e o de son coinciden en aprobar a secuencia, realízanse as copias de emisión. Moitas veces envíanse varias secuencias correctas. Entrégase a edición un máster, un dvd e dúas cintas betas. Despois comeza o labor propio da montaxe: construír o crebacabezas coas mellores pezas de cada unha das tomas. Nunha primeira fase móntanse as imaxes de documentación e os efectos especiais. O seguinte é introducir a música, as locucións de radio e as voces en off. O resultado debe ser aprobado polo director e o produtor executivo. Unha vez rematado o proceso, prepárase o máster etalonado, é dicir, o episodio tal e como se vai ver na televisión.
A secuencia que pecha un dos capítulos ródase cando xa non hai luz natural que impida que a neve artificial alcance o suficiente volume para que sexa captado polas cámaras. En silencio, o equipo agarda expectante a que, tras o bico final, cheguen as palabras definitivas do director: "listo". E ata mañá.
Esquí alpino adaptado: reto e sacrificio vestidos de branco
O camiño da electricidade
A viaxe dun bo desexo
O ensino musical: unha sinfonía de catro movementos
A cidade flotante do transporte
Un bocado con suspense
Un caramelo esculpido no corazón do Pirineo
Cultivo de rosas, a paisaxe máis impresionista
Labregas do mar
Como se reciclan os aparellos eléctricos?
Recunchos de vida
A receita da eterna xuventude
Iluminar máis para ver menos
De alimento básico a manxar de reis
Unha luz na escuridade
A pel da devesa
Ocaso e esplendor nos humedais
Moito máis ca apagar lumes
Ir por la e saír rapada
O mar entre catro paredes
Operación: a viaxe da arte
Unha xornada nunha estación de esquí
O segredo do diamante negro da cociña
A lenda dun turrón con nome propio
O barro domesticado, fermoso e útil
En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI