Saltar o menú de navegación e ir ao contido
Os datos, informacións, interpretacións e cualificacións que aparecen nesta información corresponden exclusivamente ao momento en que se realizaron e teñen, xa que logo, unha vixencia limitada.
Os antivirus analizados cumpren co seu labor, pero son moi diferentes en prezo, prestacións e facilidade de uso
Os virus informáticos son programas maliciosos creados para facer dano nos ordenadores de moi diversas maneiras: dende as simples molestias ata a perda total de documentos (textos, música, películas...) e mesmo o roubo de información tan sensible como os contrasinais bancarios. Como ninguén instalaría unha destas aplicacións daniñas de modo consciente, os virus están deseñados para introducirse sen que o usuario se decate. Os programas antivirus son os glóbulos brancos dos ordenadores: a súa misión é buscar, localizar e acabar cos virus. Quen os precisa? Son case indispensables nos ordenadores con Windows e prescindibles nos que funcionan con Mac OS X ou Linux, xa que estes sistemas apenas sofren esta ameaza (porque son intrinsecamente máis seguros e porque os creadores de virus prefiren dirixilos ao sistema máis espallado: Windows).
Analizáronse no laboratorio e sometéronse a unha proba de uso sete antivirus para ordenador, que protexen sistemas con Windows e que custan dende os 28 euros de Panda antivirus 2007 ata os 65 euros de McAfee PC Protección Plus 2007. Como o seu público non son só os usuarios avanzados, primáronse os que mellor protexen coas súas opcións "por defecto". Ademais, considerouse "virus" a todo o que teña por fin causarlle danos ao ordenador, sen distinguir entre os diferentes tipos de aplicacións informáticas maliciosas (coñecidos como "malware" e que engloba os "spyware", vermes, "rootkits", troianos, "keyloggers"...). Cada unha das aplicacións estudadas debería enfrontarse por si soa á maior cantidade de perigos posible, sen pretender que o usuario coñeza e utilice máis dunha aplicación para defenderse.
A mellor relación calidade-prezo é Panda Antivirus+Firewall 2007, dos máis caros (49,95 euros) pero que é o que mellor protexe ao ordenador dos ataques máis diversos.
Para comprobar a súa eficacia probouse cada antivirus (coas súas opcións por defecto) fronte a diferentes ataques: un xogo de virus moi perigosos sen comprimir, outro conxunto de virus ocultos en arquivos comprimidos, copias de virus fragmentados de diferentes tamaños (máis difíciles de detectar) e unha serie de correos electrónicos contaminados.
Os sete detectaron e eliminaron os correos electrónicos con virus. McAfee foi o único que non descubriu o 100% dos arquivos sen comprimir infectados (escapoulle un). Na proba dos arquivos comprimidos fallaron McAfee e Norton, que non leron os de formato comprimido RAR. Destacou positivamente Norton, por ser o único que detectou as copias fragmentadas de virus. No tocante aos "rootkits" (programas que ocultan arquivos ou programas), ningún puido con todos aos que se enfrontaron: os mellores foron Kaspersky e McAfee.
Pero, sen dúbida, a proba máis esixente e útil é a de instalar estas aplicacións nun equipo que xa estea infestado de virus, xa que a maioría de usuarios porá estas aplicacións cando xa sufra o problema e non sobre un sistema inmaculado. Os dous Panda, AVG, Kaspersky e NOD32 puideron instalarse, aínda que a análise posterior que atopa e elimina os virus é manual. Norton e McAfee tiveron problemas para instalarse no equipo contaminado (os virus están preparados para contrarrestar estas aplicacións especificamente). Pero estes problemas solucionáronse seguindo as instrucións e as ferramentas específicas que fixo chegar o soporte técnico.
Para comprobar cánto tardan en cumprir co seu labor analizouse na busca de virus un disco duro de 100 Gb, do que só estaba cheo a metade. Os antivirus máis lentos son AVG (58 minutos), Kaspersky (54 minutos) e Norton (50 minutos) e os máis rápidos NOD32 (18 minutos) e os de Panda (os dous 25 minutos). En calquera caso, os sete se poden programar para que se lance a análise a horas nas que o usuario non utilice o equipo.
Realizáronse tamén dúas probas: na primeira, o disco duro contaba con poucos arquivos grandes (20 ficheiros de 1 Gb cada un, en total 20Gb) e, na segunda, contaba con moitos arquivos pequenos (2.000 ficheiros de 1Mb, en total 2Gb). A pesar de que o tamaño total de arquivos na primeira proba foi dez veces máis grande ca na segunda, os antivirus foron moito máis rápidos coa primeira análise, o que demostra que a rapidez depende máis da cantidade de ficheiros ca do seu tamaño: con poucos arquivos pequenos as aplicacións tardan entre 1 e 2 segundos (agás Norton, que necesita 15 segundos), e á inversa entre 1 e 6 minutos (agás McAfee, que utilizou 10 minutos).
Os sete antivirus buscan virus nas diferentes unidades de almacenamento (discos duros, CD, DVD...) e nas zonas nas que é máis probable que se agache unha aplicación indesexable (como o rexistro do sistema, a memoria principal ou os sectores de arranque), así como nos arquivos en uso en cada momento, o que se coñece como "en tempo real". A maior diferenza entre uns antivirus e outros é que AVG e Panda practicamente non os hai que configurar, mentres que programas como Norton, moi completos, son tamén moi complexos de estudar e permiten un abano máis detallado de opcións de configuración, interesantes para un usuario avanzado, pero abafadoras para o neófito.
AVG, McAfee e Panda Antivirus+Firewall 2007 son os únicos con cortalumes ou "firewall". Este servizo monitoriza a conexión a Internet e advirte de calquera transmisión, pedíndolle ao usuario que a permita ou que a bloquee: así só se aceptan as conexións dos programas coñecidos (navegador de Internet, mensaxería instantánea, correo electrónico...) e descóbrense as conexións ocultas que intentan facer os virus. O uso dos cortalumes é moi recomendable, pero a súa compra en escasas ocasións resulta necesaria: Windows XP incorpora este servizo de serie.
O correo electrónico é unha das vías principais de entrada dos virus. Todos estes programas analizan o correo entrante, pero os dous Panda non analizan os correos que o usuario envía. Ademais, Panda revisa os correos unha vez foron recibidos, mentres que o resto o fai antes de ser descargados (polo tanto, son máis seguros). En canto á protección fronte aos programas espía convencionais (que se instalan no ordenador e rouban información), detectáronos os sete, pero non aconteceu o mesmo cunha nova ameaza: os programas espía que se fan pasar por aplicacións convencionais (os "spyware-troiano", que ironicamente en numerosas ocasións se fan pasar por ferramentas "antispyware"): os peores foron Kaspersky e NOD32, que non detectaron ningún, mentres que McAfee e Panda antivirus 2007 só puideron coa metade. En calquera caso, todos eles acabaron cos síntomas (como a modificación dos parámetros de navegación por Internet), aínda que non detectasen a súa orixe.
No tocante ao phishing (as páxinas web que simulan ser lexítimas para roubar información, como as que se fan pasar polas dun banco), McAfee e os dous Panda detectan os correos que serven de gancho para dar a coñecer estas webs falsas e contan cun sistema de reputación que avalía as páxinas web e advirte das fraudulentas. Karspersky non detecta os correos, pero si bloquea a páxina ilexítima cando o usuario a quere usar. Kaspersky di ser compatible con Windows Vista, pero os técnicos de CONSUMER EROSKI non foron capaces de completar a súa instalación.
AVG incorpora un filtro antispam (que elimina o correo electrónico non desexado, pero que falla moito: o 53% das mensaxes ou foron consideradas spam sen selo ou pasaron o filtro sen merecelo), Kaspersky e McAfee poden crear copias de recuperación por se o disco duro falla (o que se coñece como "backup"), McAfee dispón, ademais, de ferramentas útiles para a monitorización do sistema. Panda antivirus+Firewall 2007 é o único cun sistema de detección de intrusións para redes sen fíos (Wifi), moi interesante para os que utilicen esa tecnoloxía.
Os sete actualízanse automaticamente cada menos de 48 horas e responden ás preguntas por correo electrónico ou mediante formularios nas súas páxinas web. CONSUMER EROSKI puxo a proba estes servizos de asistencia realizando consultas sobre o proceso de instalación, o manexo da aplicación ou a detección e eliminación de ameazas: todas se responderon en menos de dous días, mesmo as lanzadas en fin de semana. Fallou nesta proba AVG, porque, malia a súa dilixencia respondendo consultas, estas só se poden realizar en inglés.
Panda, Kaspersky e Norton son os únicos que, amais da documentación en formato electrónico (en PDF), tamén a ofrecen escrita: máis cómodo para o consumidor pero peor dende o punto de vista ambiental. Os sete contan cunha ampla biblioteca online que informa sobre as características e a perigosidade de cada virus.
Seis mulleres e dez homes (usuarios de ordenador, pero non expertos) probaron estes antivirus. En xeral opinaron que os sete son sinxelos de instalar, de actualizar e de utilizar, pero con matices. En AVG non gustou que durante a instalación preguntase qué programas deben ter acceso a Internet (a maioría descoñéceo, polo que resulta máis eficaz que o pregunte a primeira vez que cada aplicación intente conectarse). A tradución dos textos de McAfee orixinou confusión, e, ademais, este programa non ofrecía información durante a instalación simple. A instalación de Kaspersky non gustou porque non analiza o ordenador de maneira automática ao rematar. No tocantea Norton, os usuarios queixáronse de que ralentizaba o ordenador e instalaba a barra de ferramentas de Yahoo! (innecesaria e que nada ten que ver coa protección). NOD32 é o máis complicado de utilizar, sobre todo ao principio, e as súas mensaxes de alerta, que non son claras abondo, asustan máis que tranquilizan. En canto a Panda, non gustou que a análise se deteña cando se detecta un virus, polo que obriga a estar pendente do equipo durante esta.
A queixa máis recorrente sobre as aplicacións antivirus é que ralentizan o equipo, reducindo de modo notable o seu rendemento. Por iso comprobouse canto tardaba cada antivirus en facer unhas operacións convencionais. O ordenador de referencia neste estudo tarda, sen ningún antivirus instalado, tres segundos en abrir un documento de Word (que era grande, 10 Mb) e minuto e medio en descargar 200 correos (que en total "pesaban" 10,5 Mb). Con Norton instalado, o ordenador necesita 14 segundos para abrir un Word (case cinco veces máis ca sen antivirus), mentres que o resto de antivirus tarda uns 7 segundos. No relativo á descarga de correo electrónico, AVG necesita 8 minutos e as outras aplicacións estudadas entre 2 e 3 minutos. Polo tanto, pódese concluír que para realizar moitas tarefas comúns, un ordenador con antivirus necesita, polo menos, o dobre de tempo ca outro sen el.En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI