Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > O máis práctico > Consellos

Λ

Aforro bancario: A vida útil dunha conta corrente abandonada

Se unha conta corrente queda abandonada nun banco, o seu titular pode ser reclamado para pagar os gastos por comisións de mantemento

  O esquecemento e o abandono das contas correntes poden parecer situacións anecdóticas e irrelevantes, pero suceden cunha reiteración maior da que se pensa. E as súas consecuencias poden carrexar máis dunha sorpresa. Aínda que os titulares non se lembren delas, mentres non se cancelen, as entidades financeiras si que son conscientes de que teñen entre as súas bases de clientes contas que non rexistran movementos, ás que lles dan un tratamento especial. Por regra xeral, cando pasan tres anos e unha conta corrente non rexistrou ningunha xestión, bancos e caixas insírenas en listas especiais de clientes, ás que aplican distintas comisións respecto ás contas con movementos periódicos. O normal é que cobren as comisións máximas de mantemento publicadas no Banco de España (poden alcanzar os 36 euros anuais), unha práctica que en moitos casos adoita deixar o saldo da conta a cero ou mesmo en números vermellos nun período relativamente curto de tempo.

Para sorpresa dos clientes, cando isto acontece as entidades adoitan poñerse en contacto con eles para reclamarlles o capital debido polas comisións de mantemento acumuladas. Son moitos os exemplos de pais que, despois de abriren unha conta para os seus fillos acabados de nacer con cantidades pequenas, por exemplo con 20 euros, reciben unha chamada do banco pedíndolles máis cartos dos que tiñan na conta a consecuencia das comisións de mantemento. Así, os 20 euros a favor do cliente poden converterse no prazo duns seis anos en 100 euros na súa contra.

Debe o cliente pagar por ese suposto servizo de mantemento de conta do que non gozou porque nin sequera recordaba a súa existencia? É lícito o cobramento de tales comisións máximas?

Bancos e caixas están no seu deber de solicitar o que supostamente é seu. De feito, esta operación (a de aplicar maiores comisións nas contas en presunción de abandono) é lícita, xa que as comisións que lles poden aplicar as entidades aos seus produtos financeiros son libres.

Así e todo, polo xeral, as entidades non teñen por costume abafar o cliente para que aboe os gastos derivados dunha conta que realmente estaba abandonada e que, de feito, tiña moi pouco saldo cando quedou esquecida no banco. O habitual é que, despois de varios intentos de cobrar a débeda, as entidades desistan e cancelen a conta sen máis. En realidade, se unha conta non rexistrou movementos e a entidade xa se "comeu" en comisións o pouco saldo que lle puidese quedar, o Banco de España estima que non debe esixir o pagamento de máis diñeiro en concepto de mantemento.

Conta abandonada, cancelada ou saldo cero?

  Convén sinalar, en calquera caso, que esquecer unha conta ou deixala a cero no banco segue xerando gastos. A razón: a relación contractual coa entidade segue aberta. Outra cuestión ben distinta, e que convén diferenciar, é a de cancelar unha conta. Neste caso, se se cancela a conta corrente, o contrato finaliza.

Ademais, os clientes bancarios deben saber que en moitos casos as entidades aplican comisións de mantemento elevadas cando o saldo medio da conta corrente é inferior a certa cantidade -que varía en función de cada entidade financeira-. Así, en contas abandonadas con pequenas cantidades de diñeiro adoita ser habitual que ao cabo de poucos anos se acumule unha pequena débeda a favor do banco ou caixa. A comisión por mantemento adoita cobrarse anual ou semestralmente. A súa contía varía moito dunhas entidades a outras, aínda que pode alcanzar ata os 36 euros anuais.

No tocante ao cobramento lícito de comisións, a lei só indica que as entidades de crédito teñen liberdade para estableceren as súas tarifas e comisións sempre que respondan a servizos prestados ou gastos realizados e, no caso das contas correntes, cobrar unha comisión por mantemento está xustificado. As entidades só teñen que remitirlle ao Banco de España un folleto coas tarifas e comisións máximas que aplican nos seus produtos quince días antes de poñelas en práctica. Unha vez comunicadas, se non hai obxección por parte da institución monetaria, a entidade pode comezar a aplicalas. Outro requisito que debe cumprir é a exposición das tarifas máximas en taboleiros nas súas sucursais físicas e nas súas páxinas web.

Por que se deixa unha conta abandonada?

  Esquecementos, cambio de domicilio, un falecemento... as causas que poden levar a "abandonar" a conta poden ser múltiples. O principal motivo para deixar abandonada unha conta pode ser esquecerse dela, non lembrar que se abriu para facer fronte a un compromiso puntual (como pode ser o depósito requirido para contratar unha hipoteca) ou para celebrar o nacemento dun bebé (son moitas as familias que lles abren unha conta aos seus fillos acabados de nacer)... Algúns bancos, de feito, aseguran que son conscientes de que teñen clientes que non os consideran a súa entidade principal e que, por iso, poden esquecer que teñen abertas contas que subscribiron por algún motivo moi particular.

Pero, amais dos esquecementos, cambiar de domicilio sen comunicarllo á entidade ou falecer sen ter herdeiros son outras causas que xustifican a existencia de contas correntes abandonadas nas entidades financeiras.

Que é unha conta corrente abandonada?

  Aínda que as entidades comezan a darlles un trato especial ás contas que nos últimos tres ou cinco anos non rexistraron xestións, en realidade, a lei expresa que se pode cualificar como "conta corrente abandonada" a este instrumento bancario cando pasan vinte anos sen que tivera movementos. O curioso do caso é que a lei impón que pasados 20 anos sen que a conta en cuestión recibira movementos, se o titular ou depositante non exerceu o seu dereito de propiedade sobre eles, eses bens pasan a ser posesión do Estado. Así está regulado no Real Decreto Lei 01/1928, do 24 de xaneiro, lei que foi revisada e ampliada posteriormente por varias ordes ministeriais.

Cando pasan os cartos ás mans do Estado?

Para que os cartos destas contas abandonadas pasen a engrosar as arcas do Estado, as entidades financeiras teñen que seguir escrupulosamente os pasos que esixe a lei. En primeiro lugar, cando bancos e caixas confirman que teñen nas súas bases de clientes contas abandonadas, están obrigadas a publicar no Boletín Oficial do Estado (BOE) e nalgún xornal de tiraxe nacional un chamamento aos titulares ou herdeiros destas contas. O obxectivo destes anuncios é que os presuntos titulares ou os seus coñecidos ou familiares se decaten de que teñen unha conta bancaria abandonada, co fin de poder reclamar o diñeiro que lles quede.

Nestes anuncios, as entidades publican o nome ou razón social do titular (no caso de que sexan contas xurídicas, de empresas), os beneficiarios de os haber, a localidade na que se constituíu a conta e o nome da entidade. Tamén é moi común que as entidades publiquen a cantidade de cartos que hai depositada na conta.

Mentres que a publicación no BOE é gratuíta, a inserción nos xornais é considerada como publicidade. Polo tanto, por estas publicacións nos diarios hai que aboar as cantidades que correspondan, segundo as tarifas publicitarias do medio. Estas insercións fanse a cargo do depositario, é dicir, contra o saldo que poida quedar na conta. Se non houbese saldo abondo para cubrir este custo, a entidade está exenta de realizar a inserción nos xornais.

Os titulares e herdeiros teñen un ano para reclamar dende que se publican os anuncios no BOE e nos xornais. Pasado este período, as delegacións de Facenda correspondentes confirmarán se se trata realmente de bens abandonados. En caso afirmativo, as entidades terán 15 días para ingresar o importe correspondente no Tesouro Público. Se neste período bancos e caixas non realizan tal ingreso serán sancionadas cunha multa equivalente á cantidade non ingresada, por regra xeral, máis uns xuros determinados.

100 euros por un esquecemento

  A apertura dunha conta para un fin moi puntual, como pode ser precisar cartos nunhas vacacións fóra da provincia onde se ten o domicilio habitual, é, nalgúns casos, un motivo para que o interesado esqueza pechala e a manteña aberta sen utilizala. Na década dos 80, unha familia de Cuenca decidiu facer o Camiño de Santiago. Daquela, certas entidades financeiras non emprenderan a súa expansión territorial por España, polo que fóra das súas localidades era difícil atopar sucursais ou caixeiros automáticos dos que extraer diñeiro.

Por iso, esta familia de Cuenca decidiu abrir unha conta nunha entidade galega, con sucursais por todo o Camiño de Santiago. Deste xeito, prevía a súa falta de diñeiro durante as súas vacacións e evitaba ter que levar moito capital enriba. Pasadas as vacacións, a conta caeu no esquecemento cun saldo de 30 euros. Pasados 8 anos, a devandita familia recibe unha chamada da entidade solicitándolle o pagamento de 37,86 euros en concepto de comisións de mantemento acumuladas durante todo o tempo que permaneceu a conta inactiva (a comisión de mantemento media foi de 6,17 euros anuais). Tras demostrar o cliente que esa conta non rexistrou movementos en todo ese período e que foi aberta para un fin moi puntual, a entidade desistiu do cobramento e cancelou a conta sen máis.


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto