Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Entrevista

Λ

Mario Merlino, escritor e tradutor, presidente da Acett: "Os lectores deberían devolver un libro mal traducido"

  Arxentino afincado en Madrid dende hai máis de trinta anos, é a pluma en castelán de literatos de primeira orde como Eça de Queiroz, Franco Moretti e Natalia Ginzburg. Tres exemplos dunha lista que alcanza a 30 escritores máis. Asinou, como tradutor, as escasas antoloxías de poetas africanos en lingua portuguesa publicadas en España. No 2004 recibiu o Premio Nacional de Tradución polo "Auto dos condenados", do que hoxe é considerado o mellor escritor en lingua portuguesa, António Lobo Antunes. Na actualidade preside Acett, a Sección Autónoma de Tradutores de Libros da Asociación Colexial de Escritores, fundada en 1983 co propósito de cualificar a tradución como un medio de construción da cultura e avogar pola súa consideración como actividade intelectual. O seu traballo céntrase tamén en cuestións máis prosaicas: esixir que os editores recoñezan, e que así quede evidenciado nas portadas dos libros, o traballo do tradutor; ou reivindicar a desconxelación das tarifas porque "dende hai 10 anos non se cambiou o prezo por páxina". De feito, un tradutor medio non pode vivir exclusivamente da súa profesión. Valla un exemplo que dá conta desta realidade. Matilde Horne, un nome seguramente descoñecido para os máis dos afeccionados á literatura fantástica, é a tradutora do "Señor dos Aneis"". Na actualidade, por aquela obra non cobra ningún dereito de autor e, non obstante, segue sendo quen lle logra descubrir o mundo de Tolkien aos seus lectores de lingua española.

Mario Merlino recíbenos no seu piso en Madrid. Se se obviase o feito de que se sitúa no corazón de Chueca, poderíase pensar que te atopas no bonarense barrio de San Telmo, no parisiense Marais, no Palma lisboeta ou no Beyoglu de Estambul. O espazo preséntase con esa rara calidade. Non mestura expresións culturais, non se trata diso. É unha expresión máis da súa capacidade de traducir. As cousas, e os libros. Traducindo estes últimos gaña a vida.

Escritor, poeta, profesor de lingua e literatura, dramaturgo, organizador de obradoiros literarios. E tradutor. Os intelectuais están obrigados a ser pluriempregados ou é afección?

Cando era mozo defendía ante os meus compañeiros de Universidade, do teatro e de café o don da ubicuidade. Supoño que a moitos individuos lles pasa, pero eu propúxenmo seriamente. Despois decateime de que non era posible e deixei de intentalo, pero aínda perdura o meu afán por abranguer moitas cousas, por non me perder nada e por ser un ser diverso. Non o limito ao campo profesional, tamén na vida cotiá. Na relación coas persoas. Sempre rexeitei esa manía dos intelectuais de rodearse só de intelectuais. Para min non existe unha xerarquía entre os moi sabios ou pouco sabios. O interesante está en comunicarte coas persoas.

Fala español, portugués, italiano, francés, inglés, algo de turco. En que lingua se atopa máis a gusto?

A comunicación é algo máis ca falar unha lingua, é querer entender o outro e facerte entender. Nun proxecto de novela que nunca rematei, hai un personaxe dunha avoa, a que nunca tiven, que falaba en todos os idiomas do mundo. Era a proxección de min mesmo, dos meus ideais.

Por que hai tantos suramericanos que se dedican á tradución?

 En Arxentina sentiamos un rexeitamento bastante forte á imposición do español peninsular enfrontado ao arxentino, pero, ao mesmo tempo, na escola aprendemos o culto polo bo uso da lingua. Había unha énfase por escribir e falar correctamente, mesmo academicamente. Isto en certo xeito facíanos bilingües no noso propio idioma. Debiamos aprender as conxugacións dos verbos que non eran nosos, a segunda persoa, o ti e o vós, que para nós non existen. Logo, á parte, na Secundaria, o inglés e o francés eran obrigatorios. A lingua é un modo de entrar na vida da xente. E iso, a un arxentino, gústalle moito.

Vostede traduce do francés, do inglés, do italiano e do portugués. Non obstante, só o fai ao español. A facultade para trasladar dunha a outra lingua non funciona como os vasos comunicantes?

No meu caso non. Podo expresar un idioma en español, recrealo e inventalo, pero non á inversa.

Que nivel de coñecemento da outra lingua se precisa?

Polo xeral, vivir no idioma do que se traduce.

O lector dunha obra traducida confía en que sexa fiel ao orixinal, como se consegue que lea a mesma obra que lería se o fixese no idioma que foi escrita?

Para poder traducir, é fundamental coñecer, xunto coa lingua, a cultura que transmite, o seu ámbito e o seu tempo. Se non é así, corremos o risco de naturalizar o texto, é dicir, adaptalo á cultura de chegada. Se se comete este erro traizoamos en resonancias culturais fenómenos que son propios da orixe. Sirvámonos dun exemplo: unha comida brasileira, os seus ingredientes e o xeito de elaborala non se pode cambiar por outra receita coñecida en España aínda que sexa baixo o amparo de que ao lector lle será máis doado entender o que comen os protagonistas. O que se estaría a facer é afastalo da realidade da narración.

Cal é o seu método ao traducir?

Depende do libro, do autor e de min mesmo. En ocasións, a acción de ler e de descubrir o libro como lector é simultánea á de traducilo. Ao remate hai un tempo de corrección que dá a oportunidade de lle dar coherencia formal ao conxunto, a cuestións como escoller para a mesma palabra co mesmo significado o mesmo termo na súa tradución. Pero outras veces o libro require unha lectura previa para poder ter unha visión de conxunto antes de elaborar o seu homónimo.

Canto tempo lle ocupa?

"Cidade de Deus" de Paulo Lins, novela da que fixeron unha magnífica película Fernando Meirelles e Katia Lund, narra a vida nunha favela en Río de Janeiro. Fala do narcotráfico nunha xerga do portugués para a que non hai dicionarios. Necesitei case un ano para rematala. Outras veces o proceso é moito máis curto. E máis doado.

Que outro autor lle resulta difícil?

Con António Lobo Antunes non sabes a onde vai chegar ata que non chegas. Comprender nalgunhas paraxes a João Ubaldo Ribeiro cando fai falar a un campesiño e recolle as súas palabras por escrito de xeito literal, lévate a enfrontarte a unha lingua que custa descifrar e interpretar. Eça de Queirós, non obstante, é relativamente sinxelo. Trátase dunha literatura lineal, apegada á cronoloxía dos feitos, cun ritmo interno chamémoslle lóxico.

As malas traducións, algunhas veces burdas, chaman a atención, pero non sempre é así. Como se pode detectar cando un texto literario foi alterado na súa tradución?

A clave está no fomento da lectura. Isto non significa ler moito. Esa idea persiste nun erro. Non se trata de cantidade, senón de seleccionar, de gozar co que se le. Está moi ben ser capaz de ler moitos libros, pero é mellor ser capaz de gozar con eles e de aprender. Isto outorga a capacidade para saber cando un libro está ben escrito ou por que está mal, e faculta para descubrir unha mala tradución. Os falsos amigos, por exemplo, renxerán.

E que se fai cunha mala tradución?

Un lector lúcido debería devolver os libros mal traducidos. O lector é un consumidor e como tal debe reclamar os seus dereitos de que aquilo que adquire responde ás súas expectativas.

Que son os falsos amigos?

Aquelas palabras que se traducen literalmente. Adoitan ser vocábulos que parece que significan algo pola súa similitude no significante da lingua orixinal á traducida. As "galhetas" portuguesas son as vinagreiras de misa. Un intruso pode pensar que se trata de galletas, de pastas, e coloca aí a palabra sen ningún complexo.

Coñece os autores que traduce persoalmente?

Cando teño oportunidade, búscoos. Teño unha experiencia moi fermosa cun escritor brasileiro de orixe sirio-libanesa, Raduan Nassar, que cando veu a Madrid estivo aloxado na casa e pasabámonos horas conversando, en parte sobre un libro seu que estaba a traducir neses momentos, "Labor arcaica". Para min foi unha aprendizaxe. Custosa, iso si. Tamén é curioso, pero Lobo Antunes e eu parecémonos ata o punto de que chegan a confundirnos.

A poesía pódese traducir?

Esixe outro tipo de rigor e implica, aínda que pareza contraditorio, ser moito máis libre que noutros xéneros. Hai que ter liberdade, non para traizoar o poema orixinal, senón para evitar caer na literalidade das palabras que ao que conduce é a arruinar a beleza do texto. Non se trata de enfrontalo nun espello para lograr o reflexo mimético. As edicións bilingües son un erro! O desafío da tradución é lograr unha equivalencia co orixinal. E este exercicio literario, cando se trata de poesía, é moi próximo á escritura.

Está ben pagada a súa profesión?

Hai tarifas que non subiron nos últimos 10 anos, pero creo que iso pasou en moitos oficios. Os editores deben entender que unha tradución mellor pagada terá máis calidade, pero aínda hai editoriais que especulan con xente sen experiencia, que a fan responsable dunha tradución e, neste traballo, coma en todos, hai que lograr moito método. Ademais, aínda que non se trata dunha tarefa artística, si precisa de vocación.

Hai unha idea presente nos foros das traducións que indica que os clásicos non avellentan, pero que as súas traducións si. Por que?

Imos tratar de relativizar esta cuestión. A obra Romántica de José de Alercán ten unha primeira tradución que data de 1910 e que é excelente. Non creo que haxa que mellorala. Ademais, conta cunha vantaxe que na actualidade non se podería dar: a linguaxe do tradutor está máis preto da linguaxe do autor da que hoxe poderiamos usar. Outra cousa é a tradución dun texto medieval. Se hai que traducir un conto do "Decamerón" habería que pasearse por textos en castelán do século XIV para poder saber que termos se axustan máis á mentalidade da época, buscar a resonancia cultural que está ligada ao tempo. Non podo traducir o Medievo coa linguaxe do século XXI. Iso non significa que haxa que enrarecer o texto, pero si manter a sensación de estrañeza que xorde no lector italiano de 2007 que se enfronta ao Decamerón orixinal. En definitiva, é preciso un labor de investigación científica, se se quere, para poder achegase aos clásicos. E ben, pódese volver facer, pero non porque o que haxa traducido non sexa bo.

Por que dun mesmo texto, se se busca o rigor, saen obras tan distintas?

Non debe haber unha tradución igual a outra. O tradutor está lexitimado a preferir unha determinada palabra fronte a outras. Todas as olladas, se son honestas, son válidas. Logo está o acerto, a destreza e o compromiso de cada quen.

Outra das súas facetas é a de dirixir obradoiros de escritura. A escribir pódese aprender?

Sobre todo apréndese a ler, e nos obradoiros tamén se adquiren certos recursos. Non se pode escribir arrastrado pola emoción. A emoción vivida transmítese moito mellor cando podes tomar distancia do acontecido. Non é unha máxima, porque caeriamos no dogmatismo, pero o traballo cotián é o que fai que unha persoa sexa capaz de traducirse a si mesma, e cómpre facer isto antes de ofrecerse aos demais. Cando se comeza a xogar coas palabras e se reconstrúe a emoción descóbrese que hai un universo paralelo e ese é o texto. O narrado parte da emoción, pero é outra cousa.

Rematará a novela da súa avoa?

Non sei se volverei a ela, pero seguramente aparecerá a avoa nalgún sitio.

Como lector, que autores contemporáneos o atraen máis?

Por dicir algúns, e a risco de esquecer outros, Olvido García Valdés, Javier Marías e Eduardo Mendicuti. O humor de Mendicuti faime rir. E rir nestes tempos é algo bo.


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto