Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Alimentación

Λ

Alimentación e tabaquismo: Deixar de fumar: Engordar non é escusa

O peso aumenta nos catro primeiros meses sen tabaco entre tres e catro quilos, pero non supoñen ningún risco para a saúde, porque se perderán cando a ansiedade e a dependencia se superen

  Os quilos de máis non son escusa para deixar de fumar. Aínda que a comunidade médica constatou que o abandono do tabaquismo xera un sobrepeso, tamén comprobou que este aumento é transitorio e que non supón risco ningún para a saúde. A razón: o peso que se gaña durante os catro primeiros meses, entre dous e catro quilos, pódese perder coa mesma facilidade, así que desapareza a ansiedade e se supere a dependencia. Así e todo, é moi importante non cambiar un mal hábito como deixar de fumar por outro moi pouco saudable: comer moito e mal. Para iso, o seguimento dunha correcta conduta alimentaria pode ser un grande aliado para os ex fumadores.

En decembro do 2006, o Comité Nacional para a Prevención do Tabaquismo fixo publica a "Enquisa sobre coñecementos, actitudes, crenzas e condutas en relación ao consumo de tabaco", na que se constatou que unha de cada catro mulleres e un 5,5% dos homes non deixaban de fumar polo medo a engordar. É verdade que o habitual é que unha persoa que lle di adeus ao tabaco engorde os primeiros meses, como sinala a Escola para Deixar de Fumar, entre dous e catro quilos. É fundamental que asuman este feito e non o menosprecen porque pode converterse nunha escusa para volver ter un cigarro entre os beizos. Pero eses quilos de máis non deben ser motivo de preocupación porque non se orixinan como consecuencia duns malos hábitos alimenticios, senón dunha desorde pasaxeira nas comidas, orixinada principalmente pola ansiedade de deixar o tabaco.

A clave, tras os catro primeiros meses

Agora ben, continuar a gañar peso cando se superou a fase física de dependencia -os catro primeiros meses- que orixina a ansiedade, si se pode converter nun problema de saúde de primeira orde. O perigo é cambiar un mal hábito (fumar) por outro mal hábito (comer mal, comer demasiado). Isto explica o inxustificable: moitas persoas culpan a "deixar de fumar" dos 12-15 quilos ou máis que engordaron, e iso non é certo. Unicamente os catro primeiros quilos responden a un cambio metabólico acompañado dunha fase de ansiedade na que algúns alimentos poden funcionar como "ansiolíticos". Os seguintes, non.

A comida, unha aliada, non unha trampa

Unha persoa que foi capaz de deixar unha droga tan aditiva como o tabaco, con todo o esforzo que supón, non pode permitirse caer nunha mala alimentación e transformar a inxestión de patacas fritas ou chocolate nun costume que substitúa o cigarro. A comida debe ser unha aliada, non unha trampa. Pero, é posible conseguir o dobre obxectivo -deixar de fumar e evitar o sobrepeso- revisando os hábitos alimentarios?

Deixar o tabaco xera ansiedade, que se traduce en mal humor, nervios e sensibilidade extrema, e ata malestar físico e taquicardias. Polo xeral, a todos estes síntomas, que se prolongan por espazo de catro meses, úneselles outro: facerlle fronte á angustia que se sente ao comer de xeito desordenado e demasiada cantidade, en especial alimentos graxos e doces. Contra esta tendencia, o plan de alimentación baséase en tres piares: axudar a limpar o organismo das toxinas do tabaco, calmar a ansiedade para superar a abstinencia da nicotina e aprender a comer san para manterse nun peso saudable, non engordar máis de catro quilos e, algo moi importante, non comezar unha dieta de adelgazamento ata pasados seis meses dende que se abandonou o tabaco. Ese será o momento de volver ao peso anterior.

Plan de alimentación para deixar de fumar
Limpar o organismo Combater a ansiedade

Como?
O fume do tabaco contén nicotina, a substancia máis aditiva, e outros compostos velenosos que intoxican o organismo. Por iso hai que tomar:

Máis auga: BBeber un vaso de auga cada vez que aparezan ganas de fumar. Como se bebe máis líquido, méxase máis e elimínanse antes os tóxicos do tabaco.
Verduras e froitas diuréticas: apio, borraxe, leituga, espárragos, allo e cebola. Pera e mazá.
Plantas que axudan a mexar máis:: cola de cabalo e mexacán.

Como?
O obxectivo é contrarrestar a maior produción de adrenalina, que explica o nerviosismo e a ansiedade por comer máis.

Comer 5 veces ao día e atrasar uns minutos a comida dende o momento en que se sinta fame.e atrasar uns minutos a comida dende o momento en que se sinta fame.
Alimentos con nutrientes relaxantes: manchea de froitos secos, piña natural, plátano, papas de avea con leite, ensalada de leituga.
Alimentos baixos en calorías para os momentos de crise: gomas de mascar e caramelos sen azucre, regalicia de pau, amorodos, gallo de laranxa, cenoria, infusións, iogures desnatados, refrescos light...
Prescindir dos excitantes: café, té, refrescos de cola... Resultan contraproducentes, e máis se se toman ansiolíticos.

Aprender a comer san Sortear obstáculos

Como?
Saboréase mellor o que se come, o que pode conducir a comer máis do habitual.

Plan de menús semanal e mercar só o que aparece no menú.
Alimentos indispensables no menú diario: 3 froitas frescas, 2 vasos de leite ou equivalentes -iogur e queixo desnatado, callada-, unha ensalada, algo de verdura e 8 vasos de auga.
ando apetece algo doce: chocolate para momentos moi especiais -non enganarse-, 2 tostas "pintadas" de nocilla ou marmelada, descafeinado con leite e sacarina, zumes, orchata e refrescos light.

Como?
Hai momentos que se asocian inevitablemente co cigarro. Aínda que tamén hai situacións nas que se ten a suficiente capacidade como para non fumar, por exemplo, durante as 2 horas que dura o cine. Isto pon en evidencia que, se se quere, danse superado todos os obstáculos.

Despois de comer: Lavar os dentes e romper coa rutina; encher os momentos de lecer con algunha afección talvez descoidada.
Despois do café: Prescindir deste excitante, ou substituílo por infusións relaxantes.

ADEMAIS: CONSUMER EROSKI ofrece na súa canle de Alimentación un menú con saborosas receitas para axudar o ex fumador durante as catro primeiras semanas sen fumar. Tamén se inclúe unha serie de trucos orientados a facilitar a depuración do organismo, a combater a ansiedade e a superar mellor a abstinencia da nicotina.

Entrevista

Rodrigo Córdoba García. Doutor en Medicina e voceiro do Comité Nacional para a Prevención do Tabaquismo

"Menos do 5% das persoas que deixan de fumar gañan máis de oito quilos de peso"

  Por que engordamos os primeiros meses logo de deixar de fumar?
A nicotina modifica o metabolismo: incrementa o consumo enerxético e diminúe artificialmente a masa graxa do organismo. Cando se deixa de fumar e se mantén a inxestión calorífica téndese a gañar o peso equivalente a inxerir cada día unhas 300 calorías. Para non gañar peso habería que consumir cada día menos calorías dende o día en que se deixa de fumar. Habitualmente faise o contrario e téndese a petiscar alimentos caloríficos como froitos secos.

A que se debe a tendencia de contrarrestar a adicción con comida?
Trátase dunha conduta substitutiva. Cando se deixa de fumar hai unha inquietude debida á liberación de transmisores cerebrais (noradrenalina) que se alivia ás veces petiscando alimentos. Hai algunhas teorías sobre isto. Os psicanalistas din que moitos fumadores teñen certa fixación oral e precisan pór algo na boca as primeiras semanas despois de deixar de fumar. A mensaxe positiva podería ser: por que non uns gallos de mandarina ou uns paus de cenoria?

Por que a comida sabe mellor cando se deixou de fumar?
Moi sinxelo. As terminacións sensitivas do gusto e do olfacto rexenéranse en poucos días e gózase moito máis dos sabores, os aromas e as fragrancias.

Que sucede se unha persoa no canto de engordar os catro quilos previstos (cando deixa de fumar) engorda nove ou dez? Débese alarmar?
Non se debe alarmar. Perder o peso gañado é factible, pero non hai que ter moita présa. Sempre haberá que reducir as calorías en comparación coa época en que era fumador e incrementar a actividade física. Ambas as dúas cousas de maneira sostida e a longo prazo. Non se trata de poñerse a réxime. Trátase de aprender a comer ben.

Os malos hábitos alimenticios adquiridos durante o período de abstinencia poden desencadear nun cadro de obesidade?
Menos do 5% das persoas que deixan de fumar gañan máis de 8 kg de peso. En calquera caso este aumento de peso, aínda que pode dar algúns problemas de saúde, é moito menos grave que seguir fumando e ten mellor solución.

Hai alimentos que durante este período de desintoxicación axuden a que esqueza definitivamente o cigarro?
Os líquidos, as infusións, os zumes de froita ou as gomas de mascar e caramelos sen azucre, pero o mellor son as froitas en porcións de pequeno tamaño.

Pola contra, que alimentos non debemos tomar (para non nos engancharmos) cando estamos a deixar de fumar?
O importante é evitar o alcohol e os estimulantes (café, té, cola...), xa que o seu consumo se asocia a maior risco de recaída. Unha vez pasadas as primeiras 3-6 semanas pódense consumir eses produtos en cantidades moderadas. Tamén hai que evitar os chocolates, froitos secos e lambetadas (con azucre) en xeral.

As persoas embarazadas que deixan de fumar tras coñecer o seu novo estado tamén tenden a engordar na mesma proporción? O seu corpo reacciona de xeito idéntico á do resto de persoas non embarazadas?
O embarazo supón por si mesmo un incremento de peso que debe estar nuns límites (arredor de 900 gramos/mes). O ideal para non ter problemas é deixar de fumar antes da concepción. Diminuír os cigarros apenas rebaixa o risco. Hai moi pouca diferenza entre fumar 5 e 20 cigarros. O único cigarro seguro é o que non se fuma. Iso é moi importante.

Adelgazan as persoas que volven fumar?
Fumar non é unha vía sensata nin lóxica para adelgazar. Alguén utilizaría un adelgazante que aumenta o risco de ter dez tipos de cancro diferentes?


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto