Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Actualidade e lecer > Análise de produtos

Λ

Os datos, informacións, interpretacións e cualificacións que aparecen nesta información corresponden exclusivamente ao momento en que se realizaron e teñen, xa que logo, unha vixencia limitada.

Placas vitrocerámicas e de indución: Compensan as de indución

Custan o dobre ca as vitrocerámicas e esixen potas específicas, pero as placas de indución quentan ata o dobre de rápido, gastan menos electricidade e límpanse con máis facilidade

 As placas vitrocerámicas e as de indución son, á vista, moi semellantes, se non idénticas. A superficie das dúas é de vidro cerámico, moi resistente ao peso e aos golpes, boa de limpar e igual de elegante. A gran diferenza que constata o consumidor cando se decanta por unha ou por outra é a etiqueta do prezo: as de indución son o dobre de caras. Para coñecer o resto de características, CONSUMER EROSKI levou ao laboratorio e someteu a unha proba de uso oito placas de cocción, catro vitrocerámicas e outras catro de indución, para descubrir se ese sobreprezo está xustificado.

O prezo das vitrocerámicas analizadas oscila entre os 296 euros de Balay 3 ET 713 X ata os 402 euros de Bosch PKF651E01E, e as de indución dende os 644 euros de Teka IT644 ata os 739 euros de Bosch PIE651TO1E. As de indución demostraron quentar a auga o dobre de rápido, gastan menos electricidade (ata un 30% menos), son máis doadas de limpar e máis seguras porque á súa superficie non se quenta. O máis probable é que unha familia que faga un uso habitual deste electrodoméstico amortice a súa adquisición ao longo da súa vida útil. Por iso, a mellor relación calidade-prezo deste estudo é para Balay indución, das máis baratas entre as de indución e que rexistrou uns bos resultados. Outra opción interesante se o usuario prefire unha vitrocerámica (para poder utilizar calquera tipo de pota ou porque non desexa realizar un gasto inicial maior) é a vitrocerámica Balay, a máis barata.

Todas as placas analizadas teñen os mandos no propio mesado, polo que a súa instalación non leva aparellada a do forno. A botoeira é táctil e dixital e permite regular a intensidade de cada foco. Para evitar accidentes, por exemplo con nenos, as oito pódense bloquear. Fagor de indución é a única na que cada foco é programable, o que resulta moi cómodo para que o lume se apague nun período prefixado.

O tamaño destes electrodomésticos non é estándar. A máis grande (Teka, 600x510 mm) e a máis pequena (Balay vitrocerámica, 575x505 mm) dificilmente encaixarán no mesmo oco. Por iso, se se trata de substituír a placa actual, a persoa interesada debe realizar as oportunas medicións para garantir que a nova cociña entra no espazo da anterior.

Estes electrodomésticos son grandes consumidores de electricidade, especialmente as placas de indución, que chegan aos 7.200 W de potencia. Dispoñen de catro calefactores, de diversos tamaños e potencias. Son comúns os focos de 210 mm e de 180 mm de diámetro. Pero, nos dous focos máis pequenos si hai disparidade, e van dende os 145 mm ata os 160 mm do cuarto foco e dende os 145 mm ata os 180 mm no terceiro.

Quentar, manter a calor e non a perder

A primeira proba de laboratorio coas placas foi quentar litro e medio de auga e calcular o tempo e a potencia eléctrica que necesitaban. Para iso usouse o lume de 180 mm de diámetro (o segundo máis grande, presente en todas elas) programado coa máxima intensidade. A auga estaba inicialmente a 15ºC e a proba concluía cando alcanzaba os 90ºC. Todas as cociñas de indución foron máis rápidas ca as vitrocerámicas: a Fagor indución levoulle só 4 minutos e 49 segundos. As outras tres de indución tardaron un minuto máis en completar a proba. Balay e Bosch vitrocerámicas necesitaron máis de 8 minutos, mentres que Fagor e Teka, as máis lentas, chegaron aos 10 minutos e 20 segundos. No tocante ao gasto enerxético nese tempo, situouse sobre os 170 W nas de indución e arredor das 233 W nas vitrocerámicas. Polo tanto, neste test, as vitrocerámicas foron, de media, un 75% máis lentas e necesitaron un 40% máis de electricidade.

Amais de quentar rápido, é importante que estas cociñas controlen e manteñan unha temperatura uniforme. Para calculalo, mediuse canto tempo necesitaban para quentar litro e medio de aceite de xirasol dende os 23ºC ata os 250ºC, de novo co foco de 180 mm e á máxima potencia. As placas de indución necesitaron entre seis e sete minutos, e as vitrocerámicas entre os 11 minutos de Balay e Bosch, e os 17 minutos de Fagor e Teka. A proba repetiuse quentando a mesma cantidade de aceite durante 30 minutos a media potencia. Fagor indución foi a mellor, a única que con esta potencia alcanzou os 250ºC, seguida da vitrocerámica Bosch, que quedou en 212ºC. Os dous modelos de Teka foron os que obtiveron un resultado máis discreto (sobre os 160ºC). Esta proba realizouse por terceira vez para comprobar como se desenvolvían "ao mínimo". Fagor e Teka quentan o aceite ata 70ºC (peor, porque un usuario quizais desexe cociñar a unha temperatura inferior), mentres que Teka indución non pasou de 46ºC. O resto moveuse sobre os 50ºC. Para comprobar a calor residual (o tempo que a cociña segue emitindo calor unha vez apagada) quentouse outro litro e medio de aceite de xirasol no foco de 180 mm a máxima potencia ata os 80ºC. Cando se alcanzaba esta temperatura apagábase o equipo, pero non se retiraba do lume. Todo o que subise a súa temperatura dos 80ºC era consecuencia da calor residual e, polo tanto, negativa. As vitrocerámicas foron, como se prevía, as que máis enerxía perderon (entre tres e catro veces máis que as de indución). A perda de calor nestas placas foi considerable: dende os 42ºC de máis de Fagor ata os 53ºC de Bosch. Pero entre as de indución tamén houbo diferenzas: Teka gañou 9ºC e Bosch alcanzou 17ºC máis. A mellor solución para evitar a perda deste gasto inútil de calor e enerxía é apagar o lume uns minutos antes de rematar a cocción, principalmente nas placas vitrocerámicas.

A proba de fritura

Para coñecer a súa eficiencia na fritura mediuse o número de tixoladas de patacas que poden fritir en 45 minutos á máxima potencia no lume máis grande (210 mm). Cada fritura (de 500 gramos de patacas en tres litros de aceite) duraba exactamente sete minutos. A seguinte quenda de patacas non se introducía no recipiente ata que o aceite alcanzaba de novo os 180ºC. Se dúas placas fritían o mesmo número de porcións, a mellor valoración correspondía á que antes acababa coa última quenda. Durante a proba, os tres focos restantes estiveron a quentar auga para simular a máxima intensidade na que poden traballar estes equipos. As catro vitrocerámicas só fritiron dúas quendas e as de indución chegaron a catro, salvo Fagor de indución, que quedou en tres fritadas (o que, segundo os técnicos, se pode deber a que os seus outros lumes estaban acesos, o que lle restaría potencia debido á súa configuración).

No tocante aos accesorios incluídos, as placas vitrocéramicas ofrecen unha coitela de limpeza, que só falta en Fagor. Teka de indución tamén a inclúe, se ben non resulta tan necesaria neste tipo de cociñas. De novo, Fagor desmárcase do resto por ser a única de indución sen imán, accesorio practicamente forzoso para saber se un recipiente é apto ou non para esta clase de lumes.

Proba de uso

Tres usuarios habituados a estes electrodomésticos probaron as placas de cociña e valoraron diferentes apartados. Os oito equipos son doados de usar, pero os de Teka quedan nun "correcto", porque non contan cun sinxelo mando de regulación de "máis" e "menos" (+/-), senón que para cambiar a potencia hai que facer tres operacións. As instrucións máis completas e claras son as dúas de Balay, as dúas de Bosch e en de Fagor e Teka de indución. O manual de Teka vitrocerámica suspendeu porque explica diferentes sistemas de mando, o que confunde o usuario. En canto á facilidade de limpeza, en todos é moito máis sinxela que coas cociñas de gas, pero os usuarios destacaron cun "excelente" a Balay e Fagor de indución e aos dous modelos de Bosch.

Así funciona a súa tecnoloxía

 As vitrocerámicas utilizan unha resistencia eléctrica que cando se pon "ao vermello" quenta un cristal cerámico, que á súa vez pasa a calor ao recipiente. Cando as vitrocerámicas se apagan, a resistencia deixa de recibir electricidade, pero tarda uns minutos en deixar de desprender calor, polo que durante un anaco segue quentando a cazola ou tixola. A principal vantaxe deste sistema é que quenta potas de calquera material. As cociñas de indución son máis modernas. Utilizan un mecanismo de campos magnéticos que quenta directamente o recipiente, non o cristal cerámico intermedio, que permanece frío. Iso fai que para limpalas abonde con pasar un pano húmido. Non obstante, estas placas non serven para cociñar con calquera xogo de potas. As cazolas de barro, as de aluminio e mais calquera outro recipiente no que non se adhira un imán non se quenta con estes campos magnéticos. As potas deben contar ademais con fondo plano, liso e groso.

Paginación


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto