Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Saúde

Λ

Os riscos das espullas xenitais

A vinculación do Virus do Papiloma Humano co cancro de colo de útero plasmouse no desenvolvemento da primeira vacina, aínda en fase de estudo, contra unha das neoplasias máis frecuentes entre as mulleres

  Un dos descubrimentos máis importantes na investigación das causas do cancro nos últimos anos foi a demostración de que o cancro de colo uterino está causado polo Virus do Papiloma Humano (VPH), un virus de transmisión fundamentalmente sexual. De feito, pódese considerar o cancro de colo uterino como resultado final dunha enfermidade venérea non resolta. Esta neoplasia é unha das máis frecuentes e letais nas mulleres. Cada ano diagnostícanse 500.000 casos novos (o 83% dáse nos países en vías de desenvolvemento) e a metade das afectadas falece por esta causa. Nos países desenvolvidos a incidencia é moito menor pola efectividade dos programas de detección precoz de lesións precancerosas.

Factores de risco

A identificación do virus é complexa porque non se pode cultivar in vitro como outros virus ou bacterias, polo que se utilizan os chamados métodos moleculares. No caso do VPH, están baseados na detección do ácido desoxirribonucleico (ADN) do virus, aínda que tamén se están a desenvolver métodos baseados na detección do ácido ribonucleico (ARN). No caso deste virus, os métodos de detección de anticorpos tampouco serven para o diagnóstico habitual.

Os estudos epidemiolóxicos permitiron definir diversos factores de risco:

  • Se se conta con varias parellas sexuais, o risco multiplícase por 10 con cada nova parella.
  • Aínda que unha soa relación sexual abonda para transmitir o VPH, a maior frecuencia de relacións sexuais, maior risco.
  • Outras enfermidades de transmisión sexual poden favorecer a infección.
  • O país de orixe tamén inflúe. Nos países máis pobres a prevalencia é maior.

Prevención complexa

  Evitar a transmisión do VPH nas relacións sexuais non é tarefa doada. Un estudo realizado na Universidade de Manchester entre mulleres novas, cunha idade media de 15 a 19 anos, demostrou que o preservativo, a diferenza do que sucede con outras patoloxías venéreas, non é un sistema eficaz para eludir o contaxio.

Outra investigación, nesta ocasión da Universidade de California, permitiu comprobar que a infección por VPH non é necesariamente para toda a vida, xa que nunha gran proporción de casos, o 90% en 36 meses, se elimina o virus do organismo. Non obstante, tamén son moitas as persoas que se reinfectan.

Desenvolvemento da infección

Unha vez producida a infección, pode desaparecer sen máis ou ben instalarse como unha infección crónica que pode xerar:

  • Condilomas acuminados: espullas venéreas nos xenitais masculinos e femininos.
  • Infección subclínica: non hai espullas, pero si máculas, pápulas, apenas visibles, pouco perceptibles, pero que se tinguen de branco tras a aplicación de ácido acético.
  • Risco oncoxénico: moito máis elevado no colo uterino ca en calquera outra parte do tracto xenital. Unha muller pode ser contaxiada por un virus de alto risco; na maioría dos casos dá lugar a unha infección transitoria indetectable que desaparece aos 6-12 meses. Pero ocasionalmente pode desenvolver lesións escamosas intraepiteliais (estadio anterior ás lesións precursoras do cancro) só visibles mediante microscopia electrónica. Cando o virus non é eliminado e persiste, a lesión precursora e certo número destas lesións progresarán en extensión e gravidade, o que aumentará o risco de acabar nun cancro invasor.

Unha serie de factores de risco asociados á infección por VPH tamén contribúen ao desenvolvemento de cancro cervical:

  • Máis de 5 partos (alta paridade).
  • Consumo de anticonceptivos orais (máis de 5 anos).
  • Consumo de tabaco.

Prevención primaria e secundaria

A prevención primaria da infección por VPH é hoxe posible grazas a unha vacina tetravalente fronte aos virus tipo 6, 11, 16 e 18. Os resultados obtidos nos ensaios previos foron moi bos e todo indica que a vacinación contra o VPH podería contribuír substancialmente a reducir as taxas de cancro de colo uterino a nivel mundial. Non obstante, aínda non está introducida nos programas de vacinación como medida de Saúde Pública, debido ás cuestións pendentes de resolver: idade óptima de vacinación, poboación diana, como será aceptada pola poboación unha vacina para unha "enfermidade de transmisión sexual", se se precisan revacinacions, relación custo-eficacia, etc.

A prevención secundaria do cancro de colo uterino está baseada na detección precoz das lesións precancerosas mediante o estudo da citoloxía segundo a técnica de Papanicolau. Os programas organizados de cribado da poboación demostraron a súa eficacia coa diminución da incidencia e mortalidade nos países onde se aplica de modo masivo e continuado. A idade de inicio para o exame citolóxico máis recomendada é a de 25 anos, ou 3 anos despois de iniciadas as relacións sexuais, e convén repetir a proba cada 3-5 anos.

A situación en España pódese cualificar de boa segundo os datos dispoñibles: o 63% das mulleres de 20 anos ou máis fixéronse unha citoloxía e esta proporción é do 81% en mulleres de 35 a 54 anos. Cómpre mellorar a cobertura do cribado nas mulleres de máis de 55 anos, no medio rural e nos niveis sociais menos privilexiados.

Estase estudando na actualidade combinar o cribado da citoloxía coa identificación do VPH mediante o ADN. Nos homes tamén é necesario identificar o VPH, posto que, aínda que o risco de cancro é menor ca na muller, é un reservorio vírico importante que facilita a aparición do cancro no colo uterino. Polo tanto hai que tratalo igual. Para iso cóntase cun método de detección, a peniscopia, cando non hai lesións visibles. Tanto as lesións visibles, as espullas venéreas ou condilomas acuminados, como as invisibles pódense tratar mediante preparados aplicados localmente (resinas de podofilino, a. tricloroacético, 5-fluoracilo), crioterapia, laserterapia, electrocauterio, exérese cirúrxica e inmunoterapia.

150 tipos de virus

  O VPH é un vello coñecido da humanidade. Na Antiga Roma chamaban "figos" ás espullas xenitais que, aínda que daquela non o sabían, estaban producidas polo VPH. Estas verrugas, chamadas tamén condilomas acuminadas, representan unha das enfermidades de transmisión sexual máis frecuentes no mundo. E é que o VPH non é un único e exclusivo virus. É máis, identificáronse máis de 150 tipos. Uns atópanse nas espullas cutáneas e plantares; outros son de grande risco oncoxénico e, con outros, este risco é mínimo.

Tanto a muller como o home poden ser portadores asintomáticos e transmitir a infección xenital por VPH, que ademais non se localiza nun punto concreto. Pódense atopar no colo uterino, vaxina, vulva, canle anal, no perineo, escroto e pene.


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto