Saltar o menú de navegación e ir ao contido
A calidade dun moble de madeira pódese distinguir por varios factores como a cor ou o acabado, as arestas, os bordos, o sistema de ventilación e os caixóns
A tarefa de buscar a cama axeitada, o armario roupeiro ou a mesa do salón non só require armarse de paciencia ante a infinidade de estilos, deseños e prezos. Tamén é aconsellable certo coñecemento do que se quere mercar: calidade dos materiais, limpeza, conservación, avellentamento en zonas secas ou húmidas, etc. A oferta divídese, en grandes liñas, entre o mobiliario de acabado sintético e de madeira. O primeiro é máis económico e dispón dunha maior variedade de deseños, mentres que o segundo trae consigo un traballo artesanal, de ebanistería, que se notará na factura final.
Non obstante e a diferenza do que se cree popularmente, a calidade dun moble non depende en exclusiva do material que se empregue, senón doutros factores como o acabado ou a funcionalidade. De feito, os mobles de madeira maciza (que se presupoñen de mellor calidade) case non se comercializan, xa que iso suporía a corta dun maior número de árbores e, ademais, a madeira é un material vivo que experimenta movementos ante os cambios de humidade e temperatura.
A práctica máis común é que só o contorno ou a caixa do moble sexan macizos. O resto da estrutura adoita estar formada por un taboleiro aglomerado, contrachapado ou de fibra, que se obtén a partir de labras, serraduras, codias e pólas de árbores, pero que asegura un mellor comportamento ante os cambios de temperatura, calor ou humidade. O vimbio, o rattán ou a melamina son outros materiais empregados, pero a madeira é o preferido e o máis desexado. Agora ben, dentro do termo madeira hai grandes diferenzas e clasificacións. Unha das básicas é a que distingue entre:
Estes prezos son orientativos, xa que rexistran grandes variacións en función do tipo de madeira, dos acabados e das dimensións. Na diferenza de prezo entre unha clase de madeira e outra inflúe, fundamentalmente, o ritmo de crecemento da árbore da que se obtén: a madeira dura procede de árbores de crecemento lento, mentres que a madeira branda o fai de especies que se desenvolven máis rapidamente e que son máis abundantes.
No tocante á duración dun moble, non depende tanto do material (a madeira en xeral é un dos máis nobres) coma do uso que se lle dea e as condicións nas que se manteña. Se non se coida, a madeira pode experimentar unha contracción natural ou movementos das súas pezas que lle restan harmonía á estrutura. En definitiva, para recoñecer que un moble é de calidade hai que reparar nos seguintes aspectos e observar o seu comportamento durante o período de garantía:
Cada moble ten a súa propia "denominación": un estilo ou tendencia específica que define o tipo de madeira empregada na súa fabricación. Velaquí algunhas delas:
Co paso do tempo, os mobles de madeira tenden a escurecer, unha característica que non implica que se vaian deteriorar ou que presenten un aspecto máis descoidado. Abonda con quitarlles o po cun pano húmido e secalos despois cun pano, aínda que tamén se poden empregar produtos ricos en ceras. O vendedor é a persoa máis indicada para dar as instrucións específicas sobre o coidado do mobiliario, segundo os materiais que se utilizaran na súa fabricación e os acabados (verniz, pintura, tecido, metal ou vidro). Cando se trata dun moble de exterior (terrazas ou xardíns), a madeira máis apropiada é a teca, porque é moi resistente á humidade, que case non lle afecta e o seu mantemento limítase a unha capa de verniz semestral ou anual. Tamén son apreciadas nestes espazos outras madeiras como o wengué ou o iroko, posto que proceden de zonas tropicais de América, África e Asia, onde o clima se caracteriza por abundantes chuvias e/ou elevadas temperaturas, co que responden ben nestas condicións.
O Real Decreto 1468/1988 obriga a que o fabricante etiquete os mobles con información sobre a súa composición no caso de que a súa compra ou utilización dependa dos materiais empregados na súa fabricación, ou ben sexa unha característica da súa pureza, riqueza, calidade, eficacia ou seguridade. Na etiqueta debe aparecer a verdadeira natureza do produto (de xeito que non se induza a erro ou engano), a súa calidade e a perigosidade que se poida derivar do seu uso ou de determinados dispositivos mecánicos que se engadan. A Federación de Comerciantes de Mobles da Comunidade Valenciana, FECOMVAC, presentou no 2005 un modelo de etiqueta pioneira en España, por ser a primeira consensuada entre empresarios, Administración e os propios consumidores. A etiqueta está destinada a mobles de cociña, baño e mobiliario infantil, para eliminar calquera dúbida sobre a composición do moble. No resto de España, aínda non existe un modelo de etiqueta homologado, aínda que algunhas asociacións e entidades públicas estudan a súa implantación ou a aprobación dun selo de calidade.
Aínda que quedou claro que a compra dun moble está condicionada por diferentes factores, principalmente o estético, hai outro elemento ao que se lle debe prestar unha especial atención: a seguridade. Un moble é seguro cando "en condicións de utilización normais ou razoablemente previsibles non presente risco ningún ou unicamente riscos mínimos, compatibles co uso do produto e considerados admisibles" (Real Decreto 1801/2003). En determinadas mans (nenos, persoas maiores?), os mobles que incorporan elementos de vidro ou que dispoñen de dispositivos que se accionan manual ou mecanicamente poden supoñer un risco. O Instituto Tecnolóxico do Moble, Madeira, Embalaxes e Afíns (AIDIMA), advirte, ademais, sobre os criterios que cómpre ter en conta no tocante aos compoñentes que conforman o moble.
Fabricado en madeira ou taboleiros derivados, o mobiliario ten un acabado superficial de pintura, verniz ou outras substancias que posúen, en maior ou menor medida, compostos químicos. No caso dos taboleiros, as distintas capas están encoladas, o que implica a presenza de formaldehido, un gas que se libera lentamente ao ambiente e que está considerado como substancia canceríxena pola Organización Mundial da Saúde. Este gas é o mesmo que emiten os vehículos ou o fume do tabaco. A súa redución no proceso de pegado é o obxectivo dos fabricantes, que comezaron a utilizar novos adhesivos ou sistemas de prensado. Non obstante, tanto o seu contido nun moble como a súa emisión pódense medir con ensaios realizados de acordo ás normas UNE-EN 120 e UNE-EN 717-2, respectivamente. Se o cumprimento destas normas aparece na etiqueta, o consumidor está ante un moble seguro e respectuoso co medio.
O último aspecto no que cómpre reparar é o contido en metais pesados (cromo, bario ou chumbo) que inclúen os recubrimentos de pinturas. Isto é especialmente importante cando se trata de mobiliario infantil, como os berces, pois é común que os nenos chupen os barrotes ou outras partes da cama. Se un moble respecta as concentracións máximas permitidas significa que cumpre coa normativa UNE-EN 71-3, un dato máis que se debe buscar na etiqueta ou no certificado de garantía do moble, e que o comerciante debería poder confirmar e sobre o que debería informar ao comprador dende o primeiro momento.
En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI