Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > O máis práctico > Consellos

Λ

Aforro enerxético: Consellos para evitar sustos no recibo da luz

A suba da tarifa eléctrica reforza a conveniencia de seguir uns consellos e de establecer hábitos moi simples que redundarán nun aforro notable na factura do consumidor

  O novo ano comezou cunha suba dun 2,8% da tarifa eléctrica dos fogares españois, o que para un consumidor medio cunha factura de 31 euros ao mes supón un sobrepago de 74 céntimos. É un argumento máis para evitar hábitos tan comúns, e tan pouco aconsellables, como non apagar as luces cando se sae dos cuartos, manter o termóstato da calefacción por riba da temperatura necesaria. Con todo, o Goberno acompañou este aumento xeral cun abaratamento dos consumos nocturnos. Isto fará que, por exemplo, pór a lavadora e o lavalouzas entre as 9 da noite e as 11 da mañá lle permita ao consumidor aforrar entre un 2 e un 8%. Así e todo, esta non é a única fórmula para previr sustos na factura da luz.

Iluminación

  • Substitúa as lámpadas convencionais (incandescentes), son as de maior consumo e as de menor duración, por lámpadas "eficientes" (lámpadas fluorescentes compactas sen reactancia radioactiva e halóxenas de baixa voltaxe). Proporcionan a mesma luz, duran 8 veces máis e aforran ata un 80% de enerxía. Segundo o Instituto para a Diversificación e o Aforro de Enerxía (IDAE), a substitución dunha lámpada tradicional por outra de baixo consumo representa ao final da súa vida útil un aforro de máis de 60 euros.
  • Se cambia as tres lámpadas de maior consumo da casa polas equivalentes de baixo consumo, reducirá á metade o que gasta en iluminación e recuperará a compra polo aforro en oito meses. O aforro ao cabo de cinco anos andará arredor dos 300 euros.
  • As lámpadas fluorescentes compactas son excelentes aforradoras de enerxía, e máis se se ten en conta que o gasto enerxético en iluminación supón preto do 20% do consumo eléctrico do fogar. Nalgunhas casas carentes de luz natural abonda este gasto pode chegar alcanzar a metade do recibo da luz.
  • Instale tubos fluorescentes nos espazos onde necesite máis luz, e onde esta permaneza acesa moitas horas: cociña, baño... Duran 10 veces máis ca as lámpadas incandescentes e consumen catro veces menos enerxía. Procure non acendelos e apagalos constantemente, xa que se reduce a súa vida. Se a fluorescente vai estar apagada menos de 20 minutos, é mellor deixala acesa.
  • Tanto lámpadas fluorescentes como incandescentes han de permanecer limpas de po para que o lixo non bloquee a luz que emiten.
  • Sempre que sexa posible, aproveite a iluminación natural. Manteña abertas as persianas e cortinas mentres haxa claridade para aproveitar ao máximo a luz natural do sol. Use luz artificial cando realmente a precise. Non deixe luces acesas en cuartos ou zonas nas que non haxa ninguén.

Electrodomésticos

  Cando se adquire un electrodoméstico, é moi importante ter en conta o seu consumo de enerxía. Por iso, cómpre que repare na etiqueta enerxética que se inclúe en todos os electrodomésticos cando queira decidir a súa compra. Esta clasificación indica o grao de eficiencia enerxética do aparello. A maior eficiencia, menor consumo.

Consumo de enerxía
Clase Consumo
A Menos do 55% da media
B Entre o 55% e o 75% da media
C Entre o 75% e o 90% da media
D Entre o 90% e o 100% da media
E Ata o 10% máis da media
F Entre o 10% e o 25% máis da media
G Por riba do 25% máis da media

O mellor xeito de aproveitar os seus electrodomésticos e de que consuman menos, é utilizalos sempre a plena carga e, se teñen, usar os programas económicos.

Lavalouzas

  • O lavalouzas é un dos electrodomésticos que máis enerxía consume. O 90% dese consumo débese ao proceso de quentar a auga e o 10% restante utilízase para xirar as aspas e axitar a auga. Non obstante, lavar os pratos á man con auga quente supón un 40% máis de consumo ca co lavalouzas.
  • Elixa o tamaño do seu lavalouzas en función das súas necesidades. Se normalmente ten pouca vaixela que lavar, dificilmente poderá utilizar un lavalouzas grande a plena carga.
  • Unha opción interesante son os chamados lavalouzas bi-térmicos, que teñen dúas tomas independentes, unha para a auga fría e outra para a auga quente. Deste xeito, a auga quente tómase do circuíto procedente do quentador ou caldeira, reducindo un 25% o tempo de lavado e aforrando enerxía.

Lavadora

  •  As lavadoras de baixo consumo aforran ata un 70% de auga e un 24% de enerxía.
  • Analice os ciclos de lavado que ofrece cada modelo e lembre a importancia de dispor dun ciclo económico e curto, e a posibilidade de elixir distintas temperaturas de lavado.
  • Teña en conta que as lavadoras de carga frontal gastan, xeralmente, menos enerxía e auga ca as de carga superior.
  • O 90% do consumo da lavadora é para quentar a auga. Utilice un programa de lavado con auga fría ou morna, que adoita ser suficiente cos deterxentes actuais.

Frigorífico

  • O frigorífico é o electrodoméstico que máis electricidade consume da casa, en concreto, o 40% do que consumen o conxunto de aparellos.
  • O xeo é illante e dificulta o arrefriamento no interior do frigorífico. No mercado hai modelos, os chamados "non-frost", ou sen xeada, que teñen unha circulación continua de aire no interior que evita a formación de xeo.
  • Regule a temperatura do frigorífico segundo as instrucións do fabricante. Cada grao centígrado de frío supón o aumento do 5% en consumo de enerxía.
  • Manteña a parte traseira do frigorífico e conxelador sempre limpa e ventilada e sitúeos lonxe dos focos de calor. Instalados en malas condicións poden consumir ata un 15% máis de enerxía.
  • Non introduza alimentos quentes no frigorífico ou no conxelador. Se os deixa arrefriar fóra, aforrará enerxía.
  • Comprobe que o seu frigorífico pecha hermeticamente e non o abra inutilmente. Uns poucos segundos abondan para perder boa parte do frío acumulado.

Placa e forno

  •  
  • Se a súa cociña é eléctrica, use cazolas e tixolas de maior tamaño ca a placa ou zona de cocción. Se un recipiente deixa ao aire dous ou tres centímetros da zona de cocción, está a perder a metade da enerxía consumida. Sempre que a receita o permita, utilice potas a presión. Consumen a metade de enerxía e aforran moito tempo.
  • Aproveite a calor residual da cociña eléctrica, apagándoa cando falten uns cinco minutos para acabar de cociñar (algo menos se é vitrocerámica).
  • Non abra innecesariamente o forno. En cada ocasión que o faga a temperatura pode diminuír entre 50 e 125 graos, e está a perder ata un 20% da calor acumulada. Utilice o reloxo programador ou o timbre avisador do forno.
  • Se utiliza habitualmente o forno, saiba que os de convección favorecen a distribución uniforme da calor, aforran tempo e gastan menos enerxía.

Outros

  • Cando adquira un pequeno electrodoméstico, merque o da potencia adecuada ás súas necesidades. Aínda que non o pareza, mentres se usan, secadores de pelo, microondas ou aspiradoras poden ter un consumo superior ao dun frigorífico.
  • Apague a televisión, o vídeo, o aparello de música ou o ordenador, cando non os estea a usar. Deixalos en stand-by supón un consumo enerxético de ata un 33% máis.
  • Desconecte os interruptores de arranque dos aparellos. Non os apague co mando a distancia, algúns compoñentes destes aparellos seguen conectados e consumindo ata o 80% do consumo normal. Un televisor apagado só co mando a distancia consume uns 15 vatios de potencia por hora.

A temperatura, a raia

  • Un bo illamento pode aforrar ata un 40% do gasto dunha familia no consumo da calefacción, ao redor de 160 euros anuais, e tamén unha porcentaxe considerable en sistemas de aire acondicionado e climatización, segundo o Instituto de Diversificación e Aforro de Enerxía (IDAE).
  • Substitúa os radiadores eléctricos por acumuladores de calor, e contrate a tarifa nocturna. Aforrará máis dun 50% en gastos de calefacción.
  • Procure que a temperatura da calefacción se manteña sempre arredor dos 20 ºC, nivel térmico ideal para unha vivenda. Por cada grao adicional consumirá entre un 5 e un 7% máis de enerxía. E se se ausenta do seu fogar durante unha horas, reduza a posición do termóstato a 15º C.
  • Por cada grao de temperatura que lle esixa ao seu aparato de aire acondicionado por baixo dos 25º C, estará a consumir aproximadamente un 8% máis de enerxía.

Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto