Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Psicoloxía

Λ

A marcha do fogar paterno, sen traumas: A ruptura do "cordón umbilical"

Os pais poden volver recuperar a súa intimidade, limitada pola chegada dos fillos, mediante o diálogo, o perdón e aceptación mutua

  Unha das principais metas de pais e nais na educación dos seus fillos é lograr que adquiran a capacidade e a autoestima necesarias para poderen vivir a súa idade adulta de xeito autónomo e independente, por moito que lles doia a súa emancipación cando chegue o momento. De feito, a súa saída do fogar familiar supón a fin dunha etapa e o comezo dunha nova: é o que se coñece comunmente por "cortar o cordón umbilical". Agora ben, cada extremo deste cordón terá o seu propio corte, é dicir, cada parte -pais e fillos- deberá reelaborar a súa propia dependencia. Como logralo para que ninguén sufra?

É importante aclarar que a nova independencia dos pais, orixinada pola marcha dos fillos, non se centra en acadar espazos nin momentos de liberdade, senón en conquistar a liberdade interior para poder recoñecer o que Kahlil Gibran cita no seu poema: "Os teus fillos non son os teus fillos", no sentido de que eles deben ter a súa vida, ao igual que os pais deben ter a súa. Dicirlles "adeus" aos fillos que comezan a súa propia vida posibilita que xurdan medos e interrogantes. Un dos principais é: remataría a nosa responsabilidade como pais e nais?

A resposta: "Non, rotundamente non". Do mesmo xeito que os fillos nunca deixarán de ser "os nosos fillos", aínda que durman e coman noutra casa, convivan con outras persoas ou se muden a outra cidade creando a súa propia familia. Non se trata de deixar de ser pais, nin de asistir a ningunha perda, senón de que ambas as dúas partes sigan implicadas na evolución e etapas propias da emancipación familiar. Esta independencia non ten por que significar ausencia, desvinculación ou abandono.

Novo espazo e tempo para a parella

  Os valores polos que sempre se rexeu a familia, así como a educación transmitida, farán que ningún membro se "perda de vista", e que se manteña a mesma comunicación e diálogo de afectos entre todos. Unha actitude que en ningún caso se contrapón co máximo expoñente que rexe a emancipación: cada un debe vivir no seu propio territorio, en vivendas independentes. A disposición dese territorio propio implica a posibilidade de recuperar unha intimidade que ata o momento se mantivo limitada por compartila coa chegada dos fillos.

Ademais, ábrense as posibilidades para vivir máis o "nós" da parella, retomar conversacións aparcadas ou pospostas, así como unha maior expresión de demostracións de amor e cariño, tamén necesarias para que a relación entre os proxenitores sexa óptima.

Agora é o momento de retomar ese tempo e de "resituarse" como parella. Para iso hai que determinar:

  • Onde e como está a parella.
  • Redefinir o seu propósito e aclarar como conseguilo coa nova situación familiar.
  • Volver confirmar o amor que a parella se tivo sempre e que soubo preservar dos múltiples obstáculos aos que fixeron fronte.
  • Buscarse dende os corpos actuais. Máis avellentados, pero máis sabios, máis serenos e con máis necesidade ca nunca de caricias e fusións que delaten a unión que hai entre eles.

A ameaza da soidade en compaña

A emancipación dos fillos e, a carón dela, a dos pais non se logra coa súa marcha do fogar familiar, senón que debe iniciarse cando chegan ao mundo. A súa partida é un fito importante, pero non deixa de ser unha etapa máis. Se non se cimentou a autoestima como parella, se non se desenvolveu a unión e comunicación, e non se soubo falar, perdoar ou rir, esa partida suporá a entrada dun novo inquilino: o medo.

Medo a atoparnos dentro da parella con alguén estraño, alguén de quen deixamos de saber hai tempo, medo a retomar enfados ou abandonos que non se souberon abordar no seu momento, medo a non saber se somos os mesmos ou persoas moi diferentes daquelas que un día se comprometeron; e medo e vergoña a mirarse nus, con espazo de intimidade e sen ninguén que poida romper o momento. Isto motivaría a chegada do medo á soidade, unha "soidade en compaña", que é a peor das soidades.

Pautas que deben seguir os pais para asumiren a marcha dos fillos

  •  Comezar a dialogar sobre o que queremos e o que nos preocupa.
  • Escoitar sen xuízos, etiquetaxes e "resaibos" o que nos comenta a outra persoa. Facelo como se fose a primeira vez, como se iniciásemos o coñecemento mutuo.
  • Buscar todo aquilo que poidamos facer en común para o noso divertimento, gratificación e calidade de vida.
  • Propiciar situacións e momentos que nos conecten coa ilusión e a ledicia de estar xuntos. Pór en xogo a creatividade e a fantasía para que se fagan realidade.
  • Escapar da apatía e da rutina. Ensombrecen e apagan as vidas. É a cotidianidade a que compartiremos, algo que non está disputado co benestar.
  • Reestablecer a broma, o sorriso e a complicidade.
  • Retomar o bico, a caricia, os corpos espidos e o pracer como linguaxe por excelencia da parella.
  • Falar dos enfados, resentimentos e desencontros que retraen ou impiden o achegamento. Non se trata de revivir para reprochar os malestares, senón de que exista o recoñecemento da nosa dor, para que a través del se cicatricen as feridas fronte ao silencio que se mantivo durante anos.
  • Volver atoparse coas amizades comúns e planear actividades conxuntas.
  • Ter presente que o reencontro é un proceso e que como tal require dun tempo que nós mesmos marcaremos. Hai que escapar das angustias e das présas. Iso si, convén estar atento ás pausas, que non son boas compañeiras de viaxe.

Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto