Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Entrevista

Λ

Luis Lafuente, subdirector do Patrimonio Histórico: "O patrimonio do noso país atrae a todo o mundo"

  Luis Lafuente é dende hai dez anos subdirector do Patrimonio Histórico. Esta unidade, enmarcada no Ministerio de Cultura, é a encargada, xunto coas Comunidades Autónomas, da xestión e da protección do Patrimonio e a competente en representar a España no Comité de Patrimonio Mundial da UNESCO. Lafuente foi testemuña da concesión a Córdoba do recoñecemento internacional como Patrimonio Mundial en 1984. A Mesquita foi seguida doutros 38 bens españois, o último, a Ponte Colgante de Portugalete, en xuño do 2006. Na presentación dos últimos 19 bens, exerceu como interlocutor ante a UNESCO, e foi a el a quen lle tocou defender as candidaturas. Ademais, este experto en arte que se define con orgullo como un "funcionario de Cultura" colaborou para conseguir que España se sumase ao grupo de 21 países que conforman o Comité.

Exprésase cunha paixón moi medida cando explica o labor burocrático necesario para conseguir que os Bens sexan declarados Patrimonio da Humanidade, ou cando enumera as dificultades de facer fronte a todas as necesidades que teñen no seu departamento, pero abandona axiña o ton no repaso do labor dos axentes implicados na defensa do Patrimonio. "Pasar a formar parte da Lista Mundial é obter un prestixio universal, e para iso é de especial importancia o diálogo e a cooperación, non só dos países, senón tamén co conxunto de persoas implicadas na defensa do Patrimonio. Elas dan mostras ano tras ano do seu compromiso co Ben que protexen e potencian". Coñecida a publicación da Guía Práctica CONSUMER EROSKI "Patrimonio da Humanidade en España", valorou moi positivamente a oferta que se lle realiza con ela á cidadanía. "Calquera política de conservación resultaría ineficaz se os cidadáns non amosasen sensibilidade por aquilo que é seu e queren deixar en herdanza". Un civismo, que segundo Lafuente, é cada día mellor: "os visitantes actuais reflicten un maior interese, demandan mellor información e manifestan máis capacidade de gozar dos sitios".

Que significa para un Ben entrar na categoría de Patrimonio da Humanidade?

O Patrimonio dun pobo, entre ou non na categoría mundial, é a expresión máis digna da súa Historia. Poder gozar del é un dereito fundamental, proclamado na Declaración Universal dos Dereitos Humanos de 1948, e recollido na nosa Carta Magna. Por iso, a súa protección é obriga das institucións e de toda a sociedade. Trátase dun legado herdado que hai que lles deixar aos nosos descendentes, pero iso si, gozando del. Se ademais pasa a formar parte da Lista de UNESCO, superando rigorosos criterios e condicións, pódesllo presentar ao mundo baixo un carácter universal.

Nos 39 Bens Declarados Patrimonio da Humanidade en España hai, polo menos aparentemente, unha distancia cualitativa entre a maxestosidade de Granada e algo tan etéreo como a biodiversidade e cultura de Ibiza. É necesario seguir ampliando a listaxe?

 A listaxe en principio é ilimitada. Cando en 1972 a Conferencia Xeral da UNESCO aprobou a Convención sobre a protección do patrimonio mundial cultural e natural, logrou concretar a idea de crear un movemento a nivel internacional para a protección do Patrimonio. O proceso comezou recoñecendo aqueles bens que, por dicilo dalgún xeito, eran obvios. Isto desenvolveuse durante os anos 80 e 90, pero a finais de século comezou un período de reflexión sobre cal é o obxectivo, sobre qué se está a facer e para que se está a facer. Deste xeito evidenciouse que o criterio válido ata daquela baixo o principio de recuperación comezaba a deixar de ter sentido. Estábanse a declarar conxuntos históricos mundiais, pero sen un criterio máis alá da necesidade de que estes fosen recoñecidos. Hai un momento en que se observan ata 43 igrexas góticas europeas. Daquela comézase a falar de cidades, de itinerarios culturais, de paisaxes urbanas... que son conceptos que se empezan a botar de menos.

Tratábase de lles dar cabida a expresións non tan obvias?

Tratábase de avanzar na razón de ser Patrimonio. En 1996, o Comité toma a decisión de buscar un equilibrio xeográfico para permitirlles a entrada a países esquecidos e a rexións pouco representadas. Tamén se buscou un equilibrio na lista da tipoloxía e unha amplitude de criterio: hai moi pouco deserto ou glaciar, e moito gótico, maia ou romano. A intención actual é recuperar outro tipo de arquitectura, non só relixiosa ou civil, tamén mineira ou industrial. A raíz disto, en 2001 entra Aranjuez como paisaxe cultural que ofrece a integración dun ámbito natural deseñado polo home. Empezamos a traballar con Úbeda e Baeza; ao primeiro queríase integrar co oliveiral, pero foi máis operativo buscar como nexo de unión o Renacemento que se exporta de España a América. Igual acontece co deseño urbanístico de La Laguna, que traslada a América o cómo facer as catedrais, qué oficios hai que desenvolver, qué artesáns son imprescindibles. Conseguimos que a Ponte Colgante de Portugalete sexa recoñecida e estamos a traballar nas pegadas dos dinosauros na Península Ibérica. O xuño vindeiro, en Nova Zelandia, defenderemos o Parque Nacional do Teide e a paisaxe cultural da vertente Mediterránea e os Pireneos.

Como se realiza a defensa?

O traballo desenvólvese ao longo de meses, pero non se defende na Asemblea. A tarefa ten que estar feita para cando cheguemos a Nova Zelandia. España pertence ao Comité, e por cortesía diplomática ningún dos seus membros toma a palabra, cédellela aos demais países que só están representados na Asemblea. Así que para ese momento, todo está xa rematado. Preparamos informes axudados polo ICOMOS, a ONG colaboradora oficial da UNESCO para a conservación do Patrimonio, que ten o encargo de inspeccionar e informar sobre a realidade do Patrimonio.

Se o fallo é negativo, abandónase a idea?

Depende: se se nega a súa procedencia, non a volves presentar; se che invitan a corrixir, traballas nun novo proxecto. Pero é raro que isto aconteza, pois someter a xuízo a candidatura é o último paso, e para ese momento xa detectaches se cumpre ou non o propósito, os criterios e a idoneidade. Acontece a miúdo que ao longo do proceso convén cambiar os criterios, ou buscar unha mellor oportunidade de futuro.

O turismo é un perigo para o Patrimonio?

 De ningún xeito, pero hai que xestionalo ben. Unhas persoas gozarán máis ca outras das expresións artísticas, das paisaxes, dos monumentos, pero sexa como sexa, todos teñen que ter acceso a el. Hai ocasións en que determinados bens, como as Covas de Altamira, corren perigo de perderse se non se restrinxe a súa visita, ou no caso da Arama, que pode asumir un número determinado de visitantes. Pero non cabe dúbida de que, aínda que controlado, o turismo cultural debe ser promovido.

Os prezos para acceder a el non sempre son populares.

Non teño esa percepción. En España non se paga moito, sobre todo se o comparamos con países do noso contorno. Aínda que admito que algunhas entradas poden ser máis elevadas, como é o caso de Sevilla ou de Córdoba, hai que ser consciente de que custa moitísimos cartos manter en condicións os edificios e procurar un servizo de calidade.

Cando se percorre, aínda que sexa mentalmente, a riqueza patrimonial, non cabe dúbida de que o montante económico que precisa é importante. Como se priorizan os investimentos?

Sempre cumprirá investir no Patrimonio. É algo vivo. Haberá execucións máis urxentes ca outras, pero nunca deixará de faltar diñeiro. Así e todo, si que me gustaría salientar unha cuestión. Faltan especialistas, empresas realmente competentes en restauración. Hainas moi boas, pero non dan abasto, de xeito que en ocasións hai que gastar orzamentos e, se non se dá contratado ás empresas referentes, hai que botar man doutras, e esta non é sempre a mellor solución. Sinalo esta necesidade empresarial como exemplo de que a Cultura non é só un gasto de cartos, senón que pode ser tamén creadora de riqueza. Non somos algo anquilosado, tamén participamos do motor económico e social.

A adaptación para persoas con minusvalía é un principio cada día mellor cumprido, aínda que parece imposible nalgúns casos, como Cuenca. Valórase esta necesidade como un punto máis para a defensa patrimonial?

Hai que atopar o equilibrio para que todas as persoas poidan ter acceso, pero hai que ser moi prudente en como se fai. Canto máis avancemos en medios técnicos mellor se acadará e reduciranse as barreiras. Neste tema o que si me gustaría transmitir é que hai que manter a vontade. Non debemos conformarnos co que se está a facer, que é positivo. Debemos ter sempre presente que é unha obriga e que lograr a adaptación mellora todo o conxunto.

Visitou os 39 Bens de España?

Fáltanme as Medulas, e quero ir axiña. Os demais, si. Algúns en moitas ocasións.

Algunha preferencia?

Todos, todos teñen categoría para seren universais.

Como recomendaría visitalos?

Cada un gozará na medida en que se queira esixir. Toledo acolle visitantes de dúas horas, de dous días ou de dúas semanas. Mentres se divirta co que faga, cada cal debe elixir o nivel de profundidade ao que queira chegar. As institucións teñen que lle facilitar o acceso ao ben a aquela persoa que busca un coñecemento polo miúdo, pero tamén a aquela que quere simplemente coñecer un sitio e rescatar sensacións co que visita. O importante é que lle esperte a necesidade de volver. E que cumpra as súas expectativas. Iniciativas como a de CONSUMER EROSKI de ofrecer un volume útil para poder achegarse e gozar do Patrimonio tamén son beneficiosas.

A súa traxectoria velando polo Patrimonio é longa. Percibe na actualidade maior respecto da cidadanía, ou pola contra, máis desapego ao propio?

Sen dúbida, maior respecto e máis ganas de coñecer e de coñecer ben. Estase debuxando o turismo cultural. Soa bonito escoitalo, e máis comprobar que cada día é máis numeroso e heteroxéneo. Hai xente nova, familias, grupos, estranxeiros, veciños. O Patrimonio dálle pulso a todo o mundo.


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto