Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Actualidade e lecer > Análise de produtos

Λ

Os datos, informacións, interpretacións e cualificacións que aparecen nesta información corresponden exclusivamente ao momento en que se realizaron e teñen, xa que logo, unha vixencia limitada.

Impresoras multifunción: A máis barata, unha das mellores

O prezo dos cartuchos de tinta e a súa duración determina a elección da impresora

As impresoras de chorro de tinta dominan dende hai anos o ámbito doméstico: son moito máis silandeiras ca os seus precedentes, poden utilizar calquera tipo de papel (tamén o fotográfico) e imprimen mesmo sen bordos, en vivas cores e calidade fotográfica. Iso si, resultan moito máis caras do que parece, non porque os aparellos en si custen moitos cartos (de feito, son máis baratos ca nunca), senón pola carestía dos cartuchos orixinais. Por iso, nesta análise comparativa fíxose fincapé no custo total que supón imprimir unha folla na casa, e non só no prezo dos equipos.

As seis impresoras analizadas neste estudo, amais de cumprir co seu labor obvio de imprimir, son capaces de escanear (pasar imaxes ou textos do papel ao ordenador) e fotocopiar, por iso se consideran "multifunción". O seu prezo non variou moito: dende os 83 euros de Olivetti ata os 99 de Canon. Pero ese prezo é enganoso. A razón: un único recambio de tinta representa de media o 63% do prezo do aparello. Por iso, para saber cal é a máis barata, mediuse tamén canto custaba imprimir dez páxinas con cada unha. Brother, con 2,33 euros de tinta por cada dez páxinas, foi a máis barata, seguida de Olivetti (2,58 euros cada dez páxinas). As máis caras foron Epson (5,76 euros) e HP (5,40 euros).

A mellor relación calidade prezo corresponde a Olivetti Any Way: a máis barata, a única con wifi (conexión sen fíos), a de mellor calidade de impresión a cor e cun dos cartuchos de tinta máis rendibles (son ademais os depósitos que máis duran). Iso si, é o equipo máis grande.

Características técnicas

As impresoras máis pequenas son Lexmark (375 x 279 x 153 mm) e Brother (373 x 345 x 135 mm) e as máis voluminosas Olivetti e Canon, case o dobre de grandes. Estes equipos a pleno rendemento consumen a metade de electricidade que unha lámpada convencional. HP é a que menos gasta, con 12,4W fronte aos 22 W de Olivetti e Epson.

Os seis inclúen programas informáticos para xestionar a impresión, o escáner e o fotocopiado. HP, Epson e Olivetti engaden software para o tratamento dixital de imaxes e Brother un tradutor de idiomas. Todas fan fotocopias, ben ao mesmo tamaño ou ampliando e reducindo a copia. Estes equipos utilizan USB para conectarse co ordenador, o sistema máis espallado. Olivetti conéctase tamén por wifi (sen fíos). Canon, Lexmark e Brother inclúen lector de tarxetas multimedia (as que usan as cámaras dixitais). Así poden imprimir as fotos sen que estas pasen polo ordenador. Se a cámara conta con wifi (algo pouco común) tamén se pode imprimir directamente en Olivetti.

A resolución, non tan importante

A resolución indica o número de puntos de cor que conforman, como máximo, cada impresión. Pero non sempre unha maior resolución é mellor, porque eses puntos teñen que ser precisos (deben caer no lugar apropiado) e non ser demasiados e empapar a folla. A calidade destas impresoras ben abonda para un impresión doméstica. A mellor resolución de escanear (a cantidade de puntos nos que se pode descompoñer unha foto e que si resulta determinante) é a de HP (1200 x 2400 ppp), seguida por Canon e Olivetti (as dúas 1200 x 1200 ppp). Lexmark non indica este relevante dato.

Epson é a única que vende por separado catro cartuchos de cor. No resto de impresoras cando se remata unha cor que non sexa a negra hai que comprar enteiro o cartucho que inclúe as tres cores (cián, carmesí e amarelo). En Lexmark non se puideron facer moitas das probas porque foi imposible adquirir a súa tinta. Visitáronse ao longo de varias semanas os principais establecementos de informática en todo o país sen éxito, o que indica a dificultade que terá un usuario en facerse cunha recambio para o seu equipo.

A carreira da impresión

Cal é a máis rápida? Tras imprimir dous lotes de vinte e cinco follas (en branco e negro e cor) as máis veloces foron Canon (5 páxinas por minuto -ppm- en branco e negro e 1,5 ppm en cor) e HP (4,5 ppm en branco e negro e 1,5 ppm en cor). O resto anda arredor das catro páxinas por minuto en branco e negro e case unha en cor. A primeira páxina adoita tardar máis en empezar a imprimir: Epson só necesitou 12 segundos para arrancar mentres que Brother require unha eternidade: 72 segundos.

Mediuse cántas follas podían imprimir cada cartucho de tinta. Os de Olivetti e Brother son os máis rendibles, porque imprimen 210 páxinas. O cartucho de HP, o peor, non pasa de 75 páxinas en branco e negro e de 90 en cor. As tintas de Epson e Canon tamén demostraron resultados mediocres, sobre todo en branco e negro. Non obstante, aínda que poidan chegar a ese número de páxinas imprimidas, a impresión en branco e negro perde calidade a partir da páxina 60 en HP, e da 85 en Canon.

Os equipos estudados, sen chegar ao nivel de ruído das vetustas impresoras matriciais, seguen sendo molestos, o que dificulta o seu uso a certas horas da noite: Lexmark chega aos 68 decibelios (dB) mentres que as menos sonoras son Epson e Brother (as dúas con 61 dB).

A opinión dos usuarios

Seis usuarios habituais probaron estas impresoras multifunción e valoraron diferentes aspectos da súa capacidade para imprimir, fotocopiar e escanear. As probas de impresión fixéronse con textos en branco e negro e documentos con profusión de logotipos, e mais con fotografías a máxima calidade sobre papel fotográfico.

Os equipos resultaron, en xeral, doados de utilizar e ofreceron unha calidade satisfactoria nas súas tres funcións. Destacaron HP (a mellor nos tres apartados) e Olivetti (a mellor calidade de impresión a cor, 8,6 puntos sobre 10). Pola contra Lexmark só acada 5 puntos na impresión. O motivo? Só cabe un cartucho (branco e negro ou cor, non pode utilizar ambos os dous á vez), polo que cando está instalado o de cor, a cor negra se consegue cunha mestura de tintas que emulan con escaso éxito a tinta negra. Os usuarios consideraron útil a pantalla LCD presente en Canon, Olivetti, Lexmark e Brother.

O programa informático que acompaña a Epson foi o peor valorado, con 5,2 puntos sobre 10. Tampouco o seu manual recibiu unha boa puntuación (4,8 puntos), fronte ao moi completo de Canon, que conseguiu 7 puntos. O conector USB de Brother está oculto detrás da carcasa, o que fai máis pesado o seu uso.

As impresoras Olivetti e Brother deixan de imprimir cando o programa informático indica que se acabou o cartucho, non cando realmente queda sen tinta. O resto si permite apurar o contido (aínda que a calidade se vexa resentida). A peor escaneando e fotocopiando é Brother, que queda nas dúas funcións en 6,6 puntos sobre 10. As mellor valoradas polos usuarios foron HP (7,4 puntos) e Canon (7,3 puntos) e a máis discreta foi Epson, que recibiu só 6,4 puntos.

Son seguras

Estas impresoras son seguras, como o demostraron as numerosas e esixentes probas realizadas: non é posible acceder ás partes mecánicas internas, están suficientemente illadas fronte ás correntes eléctricas, soportan a proba de quecemento anormal sen que os seus plásticos se derretan e ante un curtocircuíto na saída da fonte de alimentación ou un bloqueo do motor da impresora non causan danos. No tocante aos manuais, todos son completos e inclúen toda a información necesaria. Non acontece o mesmo cos documentos de garantía: só a de Brother se ativo aos dous anos que deben ofrecer por lei. Olivetti nin sequera ofrece este documento imprescindible e o resto limitouse a ofrecer un ano. En calquera caso, se o usuario conserva o tícket de compra está cuberto por lei durante dous anos.

¿Na casa ou no laboratorio?

Cando se trata de imprimir fotos, é dificil competir en calidade e en prezo cos laboratorios fotográficos. papel fotográfico, tinta e, por suposto, esforzo persoal, desanima ao afeccionado máis entusiasta. A impresión caseira é unha opción válida para traballos inmediatos ou que non esixan altísima calidade, pero se se fan algúns números compróbase que non compensa pasar o traballo de imprimir as ducias de fotos tomadas nas vacacións de Punta Cana: só o papel fotográfico en branco custa o mesmo ca unha copia de laboratorio (unha folla A4, coa que se realizan apenas dúas copias 10 x 15, custa arredor de 0,50 euros). Se a iso se suma o custo da tinta e a amortización do equipo, as contas non cadran. Ademais, no laboratorio a calidade sempre será a máxima e se algo sae mal o consumidor poderá reclamar, mentres que na casa as equivocacións saen caras: van directas á papeleira.

Paginación


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto