Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > O máis práctico > Consellos

Λ

A suba dos tipos de xuro: Adeus ao diñeiro barato

O incremento do prezo dos cartos repercute no consumo, no aforro e no mercado de vivenda, aínda que de diferentes xeitos

  Os tipos de xuro da zona euro, e polo tanto, os que afectan aos aforradores españois, situáronse durante os dous últimos anos nos niveis máis baixos dende a década dos 50 do pasado século. De abril do 2003 a decembro do 2005 estiveron instalados no 2%. Así e todo, coas cinco subas que fixou o Banco Central Europeo no último ano, hai que dicirlle definitivamente adeus ao diñeiro barato. Na actualidade, os tipos de xuro oficiais da zona euro sitúanse no 3,50%. Que os tipos de xuro suban supón que o prezo dos cartos se encarece. Pero, como lle afecta este feito ao noso peto? O seu impacto déixase sentir no consumo, no aforro e no mercado da vivenda, aínda que de diferentes xeitos.

EFECTOS POSITIVOS

Contas e depósitos bancarios

O efecto positivo máis importante dunha suba dos tipos de xuro apréciase sobre os principais produtos de aforro bancario, en especial, contas e depósitos a prazo fixo. Se soben os tipos, as entidades teñen máis marxe para ofrecer rendibilidades máis atraentes. De feito, dende decembro do 2005 rexistrouse un significativo incremento nos tipos de xuro que ofrecen os depósitos e as contas correntes. Segundo datos do Banco de España, a peche do 2005 os depósitos a menos dun ano ofrecían un xuro medio do 2,30%. Na actualidade, o xuro sitúase no 2,95%.

Os depósitos a prazos entre un e dous anos pasaron de dar un xuro medio do 2,01% a ofrecer un 2,88%. Pola súa banda, os depósitos a prazos superiores aos dous anos rendibilizan agora o aforro a un xuro medio do 2,71%, o que contrasta co 2,02% que ofrecían hai un ano. En calquera caso, estes son datos sobre o xuro medio calculado tendo en conta os datos de todas as entidades financeiras que operan en España (bancos e caixas). Agora ben, nos últimos meses o mercado asistiu a unha auténtica avalancha de novos depósitos que, en moitos casos, ofrecen xuros máis altos. Algunhas entidades que operan online ofrecen depósitos a un ano a un xuro do 4%. Isto supón que se un aforrador destina 10.000 euros a un depósito deste tipo, ao vencemento -que adoita ser cando se cobran os intereses- recibirá 10.400 euros.

As contas á vista tamén pasaron de ofrecer un xuro medio do 0,41% a peche do 2005 a dar un 0,49% de rendibilidade. Non obstante, tamén hai no mercado ofertas con tipos moito máis atraentes. As mellores contas, que poden contratarse en entidades que operan a través da Internet, ofrecen un xuro do 2,65% (hai un ano ofrecían un 2,25%).

Como se estima que os tipos de xuro na zona euro poden seguir subindo máis no vindeiro ano (ata alcanzar mesmo o 4%, segundo algúns expertos), é lóxico pensar que a rendibilidade que ofrecen as contas e os depósitos tamén se seguirá incrementando, o que é unha boa nova para os aforradores. En xeral, estes produtos bancarios gañan atractivo nas etapas de subas de tipos de xuro. Pola contra, pérdeno cando o Banco Central Europeo (o organismo que se encarga de regular a cantidade de diñeiro que hai no mercado da eurozona) decide iniciar un período de baixadas no prezo dos cartos.

Débeda Pública

A Débeda Pública (activos emitidos polo Estado, como Letras, Bonos ou Obrigas) tamén adoita comezar a incluír un maior xuro cando empezan a subir os tipos. Por exemplo, as Letras do Tesouro a un ano ofrecían ao peche do 2005 un xuro medio do 2,53%. Esta rendibilidade contrasta co tipo medio do 3,578% ao que se ofertaron as Letras na última poxa do mes de outubro do 2006. Os bonos a cinco anos e as obrigas a dez anos pasaron de dar un xuro medio do 3,02% e do 3,475% a establecer un 3,692% e un 3,992%, respectivamente.

EFECTOS NEGATIVOS

Hipotecas

  O impacto negativo máis importante dunha suba nos tipos de xuro apréciase principalmente sobre as hipotecas. Se soben os tipos, fano tamén as cotas mensuais que hai que pagar nas hipotecas a tipos variables (que en España son máis dun 90% das contratadas). Cando comezan a subir os tipos de xuro oficiais, adóitao facer tamén o euríbor (que é o indicador ao que está vinculada a maioría das hipotecas a xuro variable). Este índice pasou do 2,783% en decembro do 2005 ao 3,924% ao peche do terceiro trimestre do 2006, segundo datos da Asociación Hipotecaria Española. A este xuro hai que lle sumar, ademais, un diferencial, que varía segundo as entidades, pero que, de media, se fixa no 0,5%. Isto supón que nas hipotecas que se revisaran en setembro do 2006 se incrementarían unha media de 850 euros ao ano ou, o que é o mesmo, case 70 euros máis ao mes. Dende a Asociación Hipotecaria Española estiman que nos vindeiros seis anos, as hipotecas subirán entre 78 e 204 euros ao mes cada ano.

En calquera caso, para que o impacto da suba dos tipos de xuro sexa menor, as entidades financeiras están a optar por alongar o prazo de amortización das hipotecas. Na actualidade, xa poden atopar empréstitos hipotecarios a un prazo máximo de 50 anos.

Igualmente, no ámbito empresarial o sector que se ve especialmente afectado pola suba dos tipos de xuro é o inmobiliario. De feito, xa se observan os primeiros indicios de esgotamento na venda, nos prezos (nalgunhas zonas de España comezaron a caer) e no tempo que tardan en venderse os inmobles.

Agora ben, todos aqueles que están hipotecados dende hai tempo e que agora se están vendo afogados coa suba de tipos, que poden facer? Unha das solucións á que poden recorrer é ao refinanciamento hipotecario, é dicir, a negociar co banco novas condicións para o seu crédito. Isto pode implicar unha rebaixa no tipo de xuro aplicado e un alongamento dos prazos, o que lles permitiría pagar unha cota menor, aínda que, iso si, durante máis tempo e co pagamento de máis xuros. Isto quere dicir que, lonxe de saír prexudicada, a entidade bancaria obterá un maior beneficio.

En segundo lugar, os interesados en adquirir unha vivenda poden contemplar a opción de subscribir unha hipoteca a tipo mixto. Este tipo de empréstitos combinan o pagamento de tipos de xuro fixos e variables, en períodos elixidos polo cliente. Grazas á flexibilidade nas condicións, o cliente pode financiar a súa vivenda con cotas á súa medida, que se manterán fixas durante o período elixido. Este produto inclúe protección ante subas de tipos. Por exemplo, un cliente pode contratar unha hipoteca mixta e decidir pagar un tipo fixo durante os primeiros 20 anos e variable durante os 20 seguintes. Durante os primeiros 20 anos, non lle afectará a suba de tipos de xuro, xa que a súa cota será a mesma, suban ou baixen os tipos.

Outra solución, para todas aquelas familias que ademais de ter unha hipoteca contan con máis empréstitos persoais, é reunificar todos os créditos nun (o hipotecario, co que a garantía segue sendo a vivenda). Esta operación tamén permite pagar menos ao mes, aínda que durante máis tempo e mediante o pagamento de maiores xuros á entidade bancaria. Malia este inconveniente, pode ser unha solución aceptable para aqueles fogares que na actualidade se senten afogados e necesitan rebaixar a súa cota para vivir sen tanta presión debedora.

Bolsa

A Bolsa é outro dos mercados que adoita sufrir negativamente o impacto dunha suba dos tipos de xuro. Polo xeral, se os tipos soben, gañan atractivo os instrumentos de renda fixa (como as Letras do Tesouro ou os Bonos anteriormente comentados) e pérdeo a renda variable. Debido á dispoñibilidade de alternativas de menos risco e que están a elevar a súa rendibilidade, moitos investidores saen da Bolsa. Na actualidade, non obstante, hai unha gran liquidez no mercado, polo que a suba non afectou ao mercado de renda variable. De feito, moitos cartos procedentes da venda de inmobles foi parar á Bolsa. Así e todo, convén ter en conta que con subas de xuro máis avultadas, este mercado podería sufrir e comezar a caer.

Consumo

O consumo tamén se pode ver afectado pola suba de tipos, debido ao forte endebedamento das familias. Se sobe o prezo dos cartos, as familias teñen que facer máis esforzo para manter o seu nivel de consumo actual, que é moi alto. Os maiores tipos de xuro, a elevada inflación e o menor aumento da riqueza inmobiliaria pesan sobre a renda dispoñible das familias e, polo tanto, sobre o consumo. Nos últimos anos, o consumo creceu a taxas superiores ao 4% anual, que poderían rebaixarse, e previsiblemente se rebaixarán, ata o 3% ao ano nos exercicios vindeiros.

OS TIPOS DE XURO NOS ESTADOS UNIDOS

  Os Estados Unidos, a primeira economía mundial, foi o primeiro mercado que comezou coa suba nos tipos de xuro. A Reserva Federal (o banco central estadounidense, popularmente coñecido como a Fed) baixou as taxas oficiais dende o 6,5% (nivel no que se situaban no ano 2000) ata o 1% (cota na que se instalaron dende mediados do 2003 ata mediados do 2004). Dende xuño do 2004, a Fed iniciou unha etapa de política monetaria alcista. Na actualidade, os tipos oficiais estadounidenses sitúanse no 5,25%. Os mesmos efectos positivos e negativos que se produciron na zona euro (coa suba dos tipos de xuro por parte do BCE) déronse no mercado estadounidense. Non obstante, neste caso o impacto foi máis avultado (ao igual que o foi a suba das taxas oficiais).

DICIONARIO BÁSICO PARA NON SE PERDER

  Xuro: Prezo que se paga polo uso do diñeiro. Xeralmente exprésase como un tanto por cento anual sobre a suma prestada, aínda que esta porcentaxe tamén se pode definir para outros períodos máis breves, como un mes ou unha semana, por exemplo. Esta porcentaxe denomínase taxa de xuro. Dende o punto de vista macroeconómico, a taxa de xuro queda determinada tanto pola demanda de diñeiro coma pola súa oferta. Dado que a oferta monetaria depende das emisións que realizan os bancos centrais, estes poden, segundo as circunstancias, alterar en maior ou menor medida a taxa de xuro (é dicir, subir ou baixar o prezo dos cartos).

Euríbor: é un acrónimo de "Europe Interbank Offered Rate", é dicir, tipo europeo de oferta interbancaria. É o tipo de xuro aplicado ás operacións entre bancos de Europa; isto significa que é a porcentaxe que paga como taxa un banco cando outro lle deixa diñeiro. Nas hipotecas, representa o xuro que cobrará o banco por prestarlle diñeiro ao cliente. Adoita revisarse cada 6 meses ou cada ano (en función do contratado).

Banco Central: entidade eixe do sistema bancario dun ou varios países que ten como obxectivo controlar e dirixir o conxunto de institucións financeiras. Ademais, é o encargado de emitir e de pór en circulación a moeda común e de preservar o seu valor fronte a outras divisas.

Banco Central Europeo: organismo que dirixe a política monetaria da zona euro.

Reserva Federal: é o banco central estadounidense.


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto