Saltar o menú de navegación e ir ao contido
Hai persoas que, malia a naceren e viviren en situacións adversas, se desenvolven psicoloxicamente sas, e mesmo saen reforzadas. É o que se coñece como resiliencia
A psicoloxía e a enxeñería de materiais, aínda que poida parecer estraño, teñen algo en común: o termo resiliencia. Esta palabra fai referencia ao fenómeno polo que os corpos retornan á súa forma inicial despois de seren sometidos a unha presión que os deforma. O concepto aplicouse á psicoloxía para descubrir por que nenos e nenas que viven na miseria, ou persoas que experimentan situacións límites non só dan superado as dificultades senón que mesmo son quen de saíren fortalecidas delas. Logran resistir, sobrevivir e acceder a unha vida produtiva para si e para a súa sociedade.
A vida cotiá está suxeita a acontecementos duros: a morte dun ser querido, unha enfermidade complicada, experiencias laborais difíciles, problemas serios de relación de parella, a soidade, o illamento social, a competitividade por ocupar un posto, o desemprego, os problemas económicos... Ante estas situacións as persoas reaccionan de distinto xeito segundo o seu grao de vulnerabilidade, ou, dito dun xeito máis actual, segundo o seu grao de resiliencia.
Hai trazos que potencian esa habilidade.
As habilidades e os factores que potencian a resiliencia amósanse dun xeito desigual nos distintos tipos de personalidades, pero pódese traballar para lograr potenciar os trazos que conducen a gozar desta capacidade de superarse. A maior dificultade á que nos enfrontamos cando buscamos esa mellora é a convicción de que non se pode cambiar. Escudámonos en afirmacións como "é que eu son así", "cada quen é como é", "aos meus anos eu xa non podo cambiar". Este é o grande erro. Máis ou menos, a calquera idade se pode cambiar se un se propón facelo.
Nunca é tarde para facer o correspondente cambio das propias actitudes, adestrándose en técnicas de modificación do pensamento, para aprender a interpretar os acontecementos doutro xeito, recuperando a capacidade de reflexionar sobre un mesmo, traballando a valoración da propia personalidade, adquirindo habilidades sociais como a asertividade, aprendendo a falar positivamente... Para todo iso pódese contar con profesionais da psicoloxía aos que hai que acudir non só cando se padecen crises emocionais ou psicopatoloxías, senón cando alguén se quere adestrar para vivir axeitadamente cada acontecemento vital.
A resiliencia, a capacidade para resistir e non virse abaixo, para saír airosamente dos inconvenientes, se é posible con máis folgos aínda, tamén se aprende.
A resiliencia podémola favorecer en nós mesmos e, en especial, na educación das persoas sobre as que temos influencia, sobre todo se son nenos ou nenas.
É certo que hai condicións persoais que teñen moito que ver cos factores hereditarios, pero non hai dúbida ningunha de que a personalidade se educa. Os fillos non se improvisan. É un erro dicir "este neno saíu no xenio ao seu pai" ou "esta nena ten o carácter da súa avoa" a quen non coñeceu. Os nenos e nenas que viven en condicións de marxinalidade e gozan das características que os fan ricos en resiliencia non a "herdaron" xeneticamente. A vida, as circunstancias, o contorno educáronos.
Por iso, é importante afirmar que é posible educarse e educar na resiliencia. É posible mudar actitudes nun mesmo e noutras persoas.
En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI