Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Alimentación

Λ

Alimentación e medicina: A importancia de combinar ben a farmacia e a despensa

A interacción de medicamentos e alimentos, de non se realizar da maneira axeitada, pode reducir a súa acción terapéutica ou xerar reaccións tóxicas

 Certos medicamentos débense tomar só con auga e co estómago baleiro, outros nunca se deben mesturar co leite ou con outros lácteos e algúns teñen que se inxerir xunto coa comida. A razón non é arbitraria: a interacción entre alimentos e fármacos é un feito con resultados moi dispares, e non sempre beneficiosos. Nalgúns casos, tradúcese nun aumento da eficacia do medicamento, pero tamén pode producir a anulación da súa acción terapéutica ou mesmo a aparición de reaccións de toxicidade.

Na actualidade os prospectos inclúen recomendacións sobre esta cuestión no apartado de "Interaccións" e mais nos de "Contraindicacións" e "Advertencias" e "Precaucións". Disponse ademais do consello médico ou farmacéutico para verificar que as medicinas non interactúan nocivamente, nin entre si nin cos alimentos, asesoramento especialmente aconsellable para quen padece algunha enfermidade crónica.

As interaccións son moi numerosas, pero só adquiren importancia clínica aquelas que comprometen o estado nutricional da persoa -por exemplo, fármacos que producen alteracións dixestivas como náuseas, vómitos, etc., ou que poden producir carencias nutritivas-, ou cando se ve alterada a eficacia ou a seguridade dos medicamentos. As interaccións pódense dar con medicamentos obtidos con receita médica ou sen ela, como é o caso de certos antiácidos e dos complementos dietéticos.

Interaccións entre dieta e medicamentos

Efectos negativos en determinados tratamentos

 
  • Dieta rica en graxas. Diminúe a eficacia de medicamentos que se empregan no tratamento da sida -zidovudina, indinavir, didanosina-. Por este motivo débense tomar en xaxún ou unha hora antes das comidas.
  • Dieta rica en proteínas. Reduce a absorción do antiulceroso sucralfato, polo que hai que tomalo en xaxún ou dúas horas antes das comidas.
  • Alimentos ricos en vitamina K -verduras da familia da col, remolacha, leituga, té verde, fígado de porco ou de vaca e chícharos verdes-. Limitan a eficacia dos anticoagulantes orais -warfarina e acenocumarol-.
  • Dieta rica en allo. Frea a eficacia de inhibidores da proteasa como o saquinovir, para o tratamento da sida e, pola contra, aumenta a acción dos anticoagulantes orais -warfarina e acenocumarol-. Por iso cómpre evitar o consumo de allo en cantidades elevadas e as perlas ou comprimidos -concentrados de allo-, xa que hai risco de hemorraxias e sangrados.
  • Alimentos ricos en tiramina -alimentos ricos en proteínas e avellentados, madurados ou fermentados, como arenques, queixos curados, certos embutidos, etc.-. A tiramina é un aminoácido, un compoñente das proteínas que interacciona con fármacos chamados inhibidores da MAO -Mono-Amino-Oxidasa-, de acción antidepresiva. Xa no 1964 publicáronse casos de hemorraxias cerebrais e crises hipertensivas debido á interacción da dieta con estes fármacos. É moi importante evitar os alimentos ricos en tiramina durante o tratamento, e mesmo tres semanas despois de concluílo.
  • Leite e lácteos. Alteran a absorción e reducen a eficacia de antibióticos como as tetraciclinas. Estes medicamentos non se deben tomar nunca con leite, con sales de calcio ou lácteos. Aconséllase espazar a toma do antibiótico e os lácteos en polo menos dúas horas.
  • Aguacate. É un alimento rico en graxa que reduce a acción dos anticoagulantes orais, de aí que se recomende evitar a súa inxestión simultánea.
  • Zume de pomelo. Este zume non se debe tomar nunca conxuntamente con antagonistas do calcio empregados na hipertensión arterial -felodipina, nifedipina...-, fármacos antirrexeitamento de transplantes, antihistamínicos e outros medicamentos, xa que pode producir reaccións de toxicidade.
  • Regalicia. A regalicia atópase en gomas de mascar, bombóns, cigarros, mesturas de tabaco e na cervexa. Contén ácido glicírrico, de estrutura similar á hormona aldosterona. Actúa favorecendo a retención de líquidos e de sodio e a hipokaliemia -niveis baixos de potasio en sangue- no organismo, e anula a acción de certos antihipertensivos -diuréticos tiazídicos e beta-bloqueadores-.
  • Soia. En mulleres tratadas con tamoxifeno, fármaco de acción antiestroxénica e para a prevención do cancro de mama, a soia anula a súa acción, polo que hai que evitar a súa inxestión conxunta. Tamén se sabe que aumenta a toxicidade doutros medicamentos como o haloperidol -indicado en alteracións do sistema nervioso- e a warfarina, entre outros.

Efectos positivos

Zume de laranxa. É un bo exemplo de alimento rico en vitamina C que aumenta a absorción dos complementos de ferro para o tratamento da anemia, axudando a repoñer máis doadamente as reservas de ferro do organismo.

Algúns exemplos de alteracións producidas por medicamentos

  • Alteracións sobre o apetito
    Algúns medicamentos poden aumentar ou diminuír o apetito. Por exemplo, os que se utilizan para combater o cancro a miúdo causan náuseas e vómitos; doutra banda, a insulina, os esteroides, os antidepresivos e certos tipos de antihistaminas poden facer que unha persoa teña máis fame do normal.
  • Irritación gastrointestinal
    Certos fármacos poden irritar o estómago, polo que é mellor tomalos con comida ou con leite, como é o caso dos antiinflamatorios non esteroideos -AINES-.
  • Aumento do risco de carencias nutritivas
    Hai medicamentos que interfiren coa absorción de nutrientes. Por exemplo, o aceite mineral que se usa para o estrinximento -aceite de parafina- evita a absorción das vitaminas liposolubles A, D, E e K, e os laxantes con sales de aluminio diminúen a absorción de fosfatos e vitamina A. Os antiácidos aumentan o risco de carencia de vitamina B1 e de ferro, os anticonvulsivantes de ácido fólico, vitamina D e K, etc.

Consellos prácticos

  • Asegúrese de que o seu médico sabe qué medicamentos toma tanto regularmente como en ocasións, incluíndo os que se mercan sen prescrición.
  • Lea detidamente os prospectos dos fármacos e a información que acompaña os "remedios" sen receita médica. Se precisa máis información, consulte co seu médico ou farmacéutico.
  • Tome os medicamentos acompañados dun bo vaso de auga.
  • Non mesture os medicamentos con alimentos ou tome as cápsulas por separado, a non ser que llo recomende o seu médico.
  • Nunca tome medicamentos con bebidas quentes; a calor podería anular a súa eficacia.
  • Nunca tome medicamentos con alcohol.
  • As farmacias manteñen o control de medicamentos nos seus ordenadores. Se vostede merca os seus medicamentos sempre na mesma farmacia e lle indica ao profesional todas as medicinas, tanto prescritas como de venda libre, e mais os complementos dietéticos que vostede toma, el pode verificar que non se vaian producir interaccións negativas para a súa saúde.

Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto