Saltar o menú de navegación e ir ao contido
O 1% da poboación europea padece unha intolerancia permanente a alimentos compostos de trigo, cebada e centeo que pode carrexar graves molestias
O trigo, a cebada e o centeo son cereais cos que se producen algúns dos alimentos básicos da dieta occidental, como o pan. Pero non todas as persoas poden inxerilos. De feito, este é o caso de un de cada cen europeos, proporción que padece a enfermidade celíaca, unha intolerancia permanente, máis común en mulleres ca en homes, a un dos compoñentes destes produtos, o glute, que consiste nunha mestura de proteínas que se clasifican en dous grupos: as prolaminas e as glutelinas.
Todo alimento transfórmase en partículas máis pequenas no proceso de dixestión, e estas partículas (macronutrientes) á súa vez degrádanse en partículas moito máis pequenas (micronutrientes). A súa absorción prodúcese nas paredes intestinais, que teñen unha mucosa recuberta de peluxes semellantes a raíces microscópicas que colgan das paredes. Na persoa con enfermidade celíaca, estas peluxes sofren un proceso inflamatorio, vanse aplanando e desaparecendo nos casos máis graves, co que se altera todo o proceso de absorción dos nutrientes e aparecen unha serie de síntomas intestinais, carenciais e metabólicos.
A enfermidade celíaca rexistra unha compoñente xenética relevante, que se plasma na especial predisposición dos familiares de primeiro grao. A enfermidade pódese presentar na infancia, cara aos dous anos de idade, tras a introdución de trigo na dieta, pero tamén se pode manifestar con posterioridade e brotar entre os 30 e 40 anos. En moitos casos os síntomas son inapreciables e non se detecta ata que se manifestan as súas complicacións. Pode ser, polo tanto, asintomática durante moitos anos e xurdir como consecuencia dunha infección viral, dunha intervención cirúrxica, dun período de estrés e/ou esgotamento, dun accidente con lesións físicas, etc.
A sintomatoloxía máis común adoita ser un cadro de diarrea crónica con perda de peso e adelgazamento, deficiencias nutricionais (anemia, osteoporose, carencia de vitamina K e doutras vitaminas e mais carencia de minerais...). Constatáronse variacións en función da idade en que xorde e da gravidade do cadro. Nos nenos adoitan aparecer diarreas, náuseas, vómitos, atraso no crecemento, pouco peso, mal desenvolvemento da musculatura, irritabilidade, apatía, tristura, introversión, etc. Nos adultos, a máxima incidencia dáse en mulleres de 30 a 40 anos, que padecen fatiga, cansazo, dores abdominais, meteorismo (gases) e flatulencia, anemia ferropénica (por carencia de ferro) e en ocasións estrinximento. Por todo iso, en numerosas ocasións confúndese co colon irritable.
Se o diagnóstico da enfermidade é tardío ou se non se traduce nun tratamento axeitado, poden aparecer complicacións a longo prazo: atrofia do bazo, linfomas intestinais, carcinomas do tracto dixestivo, insuficiencia pancreática, e outras. Por iso, é fundamental que se diagnostique o máis axiña posible, aínda que en ocasións é difícil, xa que a sintomatoloxía inicial é pouco específica e común con outros procesos. Pero ante calquera mínima sospeita, hai que realizar o diagnóstico, baseado en probas analíticas e biopsia intestinal.
Unha vez confirmada a enfermidade, iníciase o único tratamento eficaz: eliminar absolutamente o glute durante toda a vida, xa que unha pequena inxestión abonda para reactivar a enfermidade.
Nos países occidentais non resulta doado contar cunha dieta sen glute, xa que o 75% dos produtos alimenticios manufacturados o conteñen -forma parte dos alimentos como vehiculador de aromas, colorantes, conservantes, espesantes, antihumectantes, etc.-. Na actualidade, consígnase na etiquetaxe a utilización de trigo ou de calquera outro cereal con glute.
A lista de alimentos prohibidos e permitidos é extensa, pero a xeito orientativo pódese resumir en:
Pans ou produtos enfornados preparados a base de trigo, cebada ou centeo.
Pans e pastas enfornados preparados a partir de fariñas de millo, arroz, soia, patacas.Na actualidade hai unha ampla oferta de alimentos sen glute, pero co inconveniente do seu elevado prezo e da ausencia de axudas por parte da Administración.
Amais da restrición absoluta do glute, poden ser necesarias outras medidas tendentes a corrixir os déficit nutricionais. A dieta sen glute permitirá resolver o problema e sandar as lesións intestinais, pero isto non significa que o paciente se poida desentender da enfermidade. Pola contra, hai que facer un seguimento dela.
O trastorno inmunolóxico de base que se dá nesta enfermidade condiciona tamén a aparición doutras patoloxías que poden presentarse con anterioridade ou posterioridade á síndrome celíaca:
En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI