Saltar o menú de navegación e ir ao contido
O usuario medio non necesita un coñecemento profundo da informática para adquirir o equipo idóneo, pero si ter claros uns conceptos básicos que lle poden ser moi útiles na elección final
A demanda de ordenadores dispárase nas festas de Nadal, e con ela as dúbidas dos consumidores ante un produto rodeado de xigaherzios, megabytes, memoria RAM, TFT, USB, VGA e tecnicismos varios que enchen folletos publicitarios que moitos dos potenciais usuarios non poden interpretar. Pero, tanto hai que saber para atinar na compra dun ordenador? En realidade, os conceptos que cómpre manexar para adquirir un ordenador non son tantos nin tan complicados, aínda que convén distinguir entre os importantes e os que non achegan información útil.
Aínda que por ordenador se entende o conxunto formado pola caixa, a pantalla, o teclado e o rato, en realidade só a "caixa" (ou torre) exerce as funcións de cómputo.
O procesador é o cerebro do ordenador. Das súas capacidades dependerá tanto a velocidade á que funcione como os seus límites para poder executar máis ou menos cousas:
xunto co procesador e o disco duro, a memoria RAM é un dos elementos clave nos que se debe fixar o comprador, xa que indica canta información pode manexar o ordenador á vez. A súa capacidade débese situar entre os 512 e os 2048 Megabytes, en especial para o futuro sistema operativo Windows Vista. Un bo procesador non pode traballar de modo correcto sen unha RAM ampla, aínda que unha RAM excesiva pode sobrequecer un procesador pouco potente (en maior medida se é portátil), polo que convén fixarse en que ambos os dous datos estean compensados.
o disco duro é o grande almacén de datos do ordenador. A súa capacidade mídese en xigabytes (un xigabyte equivale a mil millóns de bytes) e pode alcanzar valores de centos de xigabytes. Un ordenador cun disco duro de 80 xigabytes de capacidade é óptimo para un usuario normal, aínda que por poucos euros máis se chega aos 160 xigabytes (recomendado). A partir de aí o prezo dispárase, polo que unha boa solución para os que desexen gardar moitas películas e música no ordenador é recorrer a un segundo disco duro, que pode ser externo (máis caro).
serve para manter a temperatura do procesador en valores baixos. O mecanismo habitual é un ventilador, que é o principal xerador de ruído. Os modelos de refrixeración líquida son máis eficientes, pero elevan bastante o consumo xeral de enerxía. Non obstante, son recomendables para os videoxogadores que forzan moito o procesador, os comunmente chamados "xogóns". Tamén son interesantes para os que buscan unha máquina silandeira.
permite conectarse a Internet como para transmitir e recibir datos sen necesidade de cables. Wifi é a tecnoloxía que permite acceder ás redes sen fíos, e é importante contar con ela, sobre todo en portátiles. Bluetooth é a tecnoloxía que pon o ordenador en contacto con dispositivos móbiles como teléfonos ou axendas electrónicas. Non é moi usual atopala integrada no equipo, pero un simple adaptador externo por USB (que non supera os 30 euros) cumpre a súa función.
o lector/gravador adoita selo de CD e DVD. Se é "dual", tamén chamado "multiformato", pode ler e gravar os formatos comerciais DVD+/-R. De "dobre capa" significa que pode gravar máis dunha capa de información no disco óptico e polo tanto pode gardar máis datos. É importante que o dispositivo sexa "multiformato" e que cumpra funcións de gravador ademais de lector. Se é de "dobre capa", pois mellor, pero non é fundamental a non ser que se deba descargar periodicamente o disco duro a causa, por exemplo, dun uso intensivo das redes P2P.
interpreta as imaxes gráficas e é en si mesma un pequeno ordenador con procesador propio. As principais marcas son ATI/AMD, NVIDIA e Intel. Aínda que os ordenadores adoitan dispoñer dunha tarxeta gráfica incorporada de calidade abonda para a maioría das funcións, os usuarios ?xogadores? ou os que utilizan as ferramentas de gráficas a miúdo mercan por separado tarxetas superiores e incorpóranas ás rañuras do ordenador. Hainas nas tendas por 50 euros (abondas para a inmensa maioría) e ata por máis de 1.000 euros.
Se o usuario se decanta por un ordenador portátil porque pensa desprazarse con el dun sitio para outro, terá que ter en conta catro parámetros fundamentais: peso, tamaño, autonomía e conectividade.
No tocante ao peso, hai que ser realistas e non crer que se van poder cargar máis de 3 quilos dun lado para outro. De feito, a partir de 2,5 quilos, xa se considera a un ordenador pesado. Doutra banda, canto máis lixeiro é un ordenador, menos solidez teñen os seus compoñentes e menos durarán, polo que hai que saber atopar un equilibrio entre peso e consistencia. Debe ser abarcable entre os brazos e bo de manexar. A igualdade de calidades, un ordenador máis pequeno terá un sistema de ventilación menos eficiente ca outro con máis espazo interior, polo que se quentará máis e durará menos. Os novos sistemas de refrixeración líquida son máis eficientes en función do tamaño e resultan máis silandeiros, pero consomen máis batería.
A autonomía respecto aos enchufes estará en función da batería, e a súa duración irá en consonancia coa potencia do procesador: a maior potencia, máis gasto. É conveniente pensar en procesadores de potencia media.
Como no portátil non caben todos os elementos dun ordenador de sobremesa, é lóxico que moitos se conecten como periféricos. Por iso, é fundamental que un portátil teña unha elevada conectividade, con numerosos portos e, canto máis variados, mellor. Nun portátil, a conectividade sen fíos (sobre todo Wifi) é fundamental.
Se se desexa un portátil por estética, non hai que ser tan estritos nestes factores, pero convén saber que a iguais condicións cun de sobremesa, sempre son máis caros e tenden a durar menos polos seus problemas de refrixeración.
Forzarán a capacidade do procesador ao máximo, xa que os máis avanzados videoxogos son dunha complexidade gráfica e multimedia extrema. Precisarán ordenadores cos máis potentes procesadores (Intel Core 2 Duo Extreme Edition e Athlon 64 FX) e coa máxima capacidade de RAM. A refrixeración, a ser posible líquida, e tarxetas gráficas e de son punteiras. A opción de "sobremesa" é a máis acertada.
Os que manexan inxentes cantidades de música e películas precisan un ordenador con ampla capacidade de disco duro, e con conectividade para adaptar discos duros adicionais e conectarse a Internet sen problemas. Ademais, o seu ordenador deberá ter as maiores posibilidades para gravar DVD nos que ir gardando as películas, a música ou as imaxes. Como en moitas ocasións teñen acendido todo o día o ordenador, o sistema de refrixeración deberá ser bo e silandeiro. Para eles tamén están recomendados os de "sobremesa".
Os que traballan co equipo (editores de texto, follas de cálculo, bases de dato sinxelas, presentacións...) e mais os que non requiran dotacións especiais (a maioría), poderán optar por un ordenador de capacidades medias. Un portátil pode ser unha opción cómoda e práctica, aínda que convén saber que, a igual calidade, págase de media o dobre de prezo, ao que cómpre engadir un teclado, rato e monitor que fagan máis descansado o seu uso na casa. Na actualidade atópanse no mercado ordenadores máis ca aceptables por 450 euros en sobremesa (con pantalla, teclado e rato), mentres que as mesmas capacidades en portátil se sitúan arredor dos 700 euros.
En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI