Saltar o menú de navegación e ir ao contido
O amor é o ideal na relación dos fillos cos pais, pero non unha norma de obrigado cumprimento
O amor ao pai e á nai é o máis irracional dos amores nos que estamos embarcados, xa que en ningún se sente tanto o deber de amar. Así e todo, esa obriga debe ser ben entendida, precisa vontade e compromiso, reciprocidade e bases sólidas que xeren unha relación sa e libre con posibilidades de ser sincera e que procure a felicidade. Pero os sentimentos dos fillos cara aos pais non sempre están marcados polo amor, o que pode xerar inquietude, frustración e sentimento de culpa, que afloran especialmente en datas como o Nadal, nas que as xuntanzas familiares adquiren unha gran relevancia.
Se se interiorizan estas características, chegarase a un amor onde hai cantidade, calidade e calidez. Pero acontece que o amor filial, aquel que une os fillos cos pais e nais, non é perfecto en si mesmo. Non se fai só. De feito, hai pais e nais que non puideron ou non souberon amar. Non posibilitaron que se abrisen as canles para que se desenvolvese e ancorase o amor.
Estes fillos admiten que non lles gusta como se guían os seus proxenitores na vida e séntense moi afastados do seu esquema de valores. Chega o momento en que constatan que non foron escoitados nin axudados, e en que recoñecen o baleiro do abandono.
Asúmese entón que non hai amor cara aos pais. Pero como persiste a crenza de que este amor é obrigado, esa persoa séntese coaccionada por ela mesma, e pola sociedade, a non admitir a realidade, e isto xera conflito. A amar tamén se aprende: no fondo e nas formas.
Nesta situación é moi difícil que os fillos amen os seus pais. É máis, mesmo condiciona o xeito de amar no futuro. Nunha relación de amor na que hai un interese e unha necesidade especial para que funcione, hai que distinguir entre a súa posta en práctica e o fundamento, entre o como e o que. No primeiro, pódese errar ou pódese non estar de acordo, sucédense comportamentos que non nos gustan ou que mesmo podemos rexeitar. En ocasións pódese evidenciar que os pais e nais non souberon estar á altura das circunstancias, que non se comportaron da maneira axeitada.
Noutras ocasións, non souberon transmitir o amor, botáronse en falta demostracións de cariño e tenrura. Pero estas carencias non hai que confundilas cun problema de fondo. Probablemente non o souberon facer porque non dispuxeron da posibilidade de aprendizaxe.
Todos sabemos cal é a situación na que nos situamos e na que nos situaron as circunstancias. Nesa tesitura, igual que se aprende a amar, practícase o amor: que acontece cando o amor non xorde? Cando fallou o fondo, coñécese, e admítese o fallo.
Aínda que se sinta emoción, non é obrigatorio querer porque si aos pais e nais. É máis, se esa relación resulta insá e pouco saudable para a nosa vida, debemos optar por non amalos, como expresión tamén do respecto que nos debemos a nós mesmos. Nesta situación:
Malia todo, xorde a polémica e xera desacougo e desasosego cando a realidade da falta de amor se materializa, se admite e se decide actuar en consecuencia. Non obstante, o grao de compromiso debe exercitarse e reforzarse cando os pais e nais pasan a ser dependentes e non se valen por si mesmos. Haberá que atendelos e coidalos nas súas necesidades básicas, se así se decide, pero este compromiso non ten por que estar vinculado co amor. Este apartado ten máis que ver coa reciprocidade e co agradecemento. Se se quere asumir, non significa que en todos os casos teña que ser persoalmente.
Toda carencia condiciona, pero non determina, a calidade das relacións afectivas. Sempre que se sexa consciente e se recorra á aprendizaxe, pódense reestruturar as relacións. Nunca é tarde, téñase a idade que se teña.
O imprescindible no amor, o compromiso que supón, é dedicar tempo, escoita, respecto, tenrura e unha morea de mostras de amor, como son as apertas, os bicos, as caricias e as expresións cariñosas.
Amar é alimentar a ilusión, a seguridade e a vida. Se decidimos amalos, ese é o alimento que nos comprometemos a entregar.
Para evitar e paliar as consecuencias destas emocións negativas, hai que lembrar sempre que ao amor, tamén ao amor cara aos pais, se chega con dedicación, atención, comunicación, respecto, tenrura e cariño, condicións que cómpre matizar con precisión:
En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI