Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Alimentación

Λ

Dietas disociadas: Separacións nutricionais pouco recomendables

Os expertos negan rigor científico e desaproban os réximes alimenticios baseados en evitar a mestura nunha mesma comida de diferentes nutrientes

 A preocupación excesiva por adelgazar xerou nos últimos anos unha auténtica explosión de remedios, algúns útiles, outros moitos prescindibles e, nunha proporción significativa, claramente prexudiciais. Moitas das autoproclamadas "dietas disociadas" -aquelas que se centran en non mesturar determinados alimentos- entran dentro da "pura fantasía", tal e como alertan dende a Sociedade Española para o Estudo da Obesidade (SEEDO). Os expertos advirten dos riscos de calquera dieta disociada que permita comer sen medida un alimento ou que inclúa restricións innecesarias de alimentos saudables, dous dos seus grandes elementos diferenciadores.

Cales son as dietas disociadas máis coñecidas?

O presidente da Fundación Española da Nutrición, Gregorio Varela, xunto a outros prestixiosos expertos, publicou en 1999 un traballo de investigación e revisión que indaga e explica as particularidades das dietas máxicas, entre elas as dietas disociadas máis coñecidas; a do doutor Hay, a do doutor Shelton, o réxime de Antoine, e mais o do popular Michel Montignac.

Nin xuntos nin remexidos

  O fundamento común no que se basean estas dietas é que os alimentos non contribúen ao benestar e ao aumento de peso por si mesmos nin polas calorías que achegan, senón a causa do seu consumo segundo determinadas combinacións. Aluden a que se pode comer "case" de todos os alimentos, pero non mesturados nunha mesma comida. Outra das particularidades comúns nestas dietas disociadas é que non limitan as cantidades de alimentos. A súa explicación baséase en que o organismo non aproveita as calorías que achegan os nutrientes -hidratos de carbono, proteínas e graxas- se se toman por separado, e non xuntos, nunha mesma comida.

Os científicos, pouco convencidos

  A opinión xeneralizada de investigadores, médicos e nutricionistas é que estas dietas non teñen un fundamento científico claro e definido. Os que as defenden crean as súas propias teorías baseadas nun particular funcionamento do organismo, en especial do aparato dixestivo e endócrino, pero a realidade é que non se conta cunha bibliografía abonda de estudos serios con mostras representativas de poboación e con resultados que avalen as súas teses.

Se se analiza a fondo a teoría da dieta disociada baseada en non combinar proteínas e graxas con hidratos de carbono, o seu seguimento só se pode cualificar como utópico. A razón: non hai alimentos puros nun nutriente que só conteñan hidratos de carbono ou só teñan proteínas ou graxas. Os alimentos son o resultado dunha combinación de diversos nutrientes en distintas proporcións, o que pon en evidencia o fundamento científico do que parten estas dietas disociadas. Velaquí dous exemplos:

  • o leite, que nas dietas disociadas se clasifica como alimento proteico (e éo), tamén contén certa cantidade de azucres (lactosa) e de graxa se é leite enteiro ou semidesnatado.
  • os legumes son tamén outro exemplo de alimento cunha concentración alta de hidratos de carbono e unha nada desprezable achega de proteínas.

O noso sistema dixestivo -en condicións de boa saúde- está perfectamente deseñado para dixerir e absorber en cada un dos seus niveis os diferentes nutrientes que compoñen os alimentos, tomados de maneira illada ou conxunta. É certo, como sinalan os defensores das dietas disociadas, que as encimas dixestivas, as substancias que transforman os macronutrientes dos alimentos -hidratos de carbono, proteínas e graxas- en moléculas máis pequenas -glicosa, aminoácidos e ácidos graxos libres- para que poidan ser absorbidas, son específicas para cada nutriente. Non obstante, son quen de actuar de forma conxunta.

A Fundación Española da Nutrición deixa clara a súa postura respecto ao réxime de Montignac, un dos modelos de dieta disociada máis espallado, que "se" basea en premisas falsas, como que a causa dun exceso de peso se debe en todos os casos a un funcionamento defectuoso do páncreas [o órgano que se encarga de producir insulina]".

A evidencia científica non deixa lugar a dúbidas; a obesidade é unha enfermidade crónica multicausal e o seu tratamento cómpre enfocalo segundo a súa etioloxía (as súas causas), que en moitos casos si está asociada a desordes endócrinos como o hiperinsulinismo -tal e como explica Montignac-, pero tamén se debe a factores xenéticos, a malos hábitos alimentarios e de vida (sedentarismo), a trastornos nerviosos -ansiedade, depresión-, etc.

Ten unha dieta disociada efectos saudables?

A realidade que nos atopamos na rúa é que millóns de persoas seguiron dietas disociadas e estas funcionáronlles, acadaron o obxectivo que perseguían, que as máis das veces se resume en perder peso. Daquela, ten unha dieta disociada efectos saudables? Así e todo, a pregunta que cumpriría formular é outra: é necesario facer unha dieta disociada para manterse san, para perder peso?

Se temos claro que as dietas disociadas se fundamentan en conceptos de Nutrición mal definidos e inconclusos, a resposta sería ?non?. Non é necesario nin estaría xustificado facer unha dieta disociada do xeito estrito en que a formulan os seus creadores. Pero si se poden obter beneficios cunha acertada combinación de alimentos.

Pode ser unha dieta disociada equilibrada?

  Unha dieta é equilibrada se cobre os requirimentos diarios de nutrientes nas proporcións requiridas polo organismo (50-55% de hidratos de carbono, 30-35% de graxas e 15-20% de proteínas) e achega a cantidade adecuada de vitaminas, minerais, fibra e auga.

Se a dieta disociada cumpre con estes requirimentos -e para coñecer estes datos requírese o asesoramento dunha persoa experta en Nutrición-, tamén pode ser equilibrada, aínda que a distribución de nutrientes ao longo do día sexa diferente ó convencional.

En principio, disociar a dieta non ten por que ocasionar maiores problemas de saúde se se atende á letra grande, é dicir, a non mesturar hidratos de carbono con proteínas e a realizar 5-6 comidas ó día, incluíndo todo tipo de alimentos, aínda que non sexa conxuntamente. Deste xeito cómese de todo ao longo do día e non se corre o risco de padecer deficiencias nutricionais.

Así e todo, se sabemos que unha dieta equilibrada convencional, caracterizada por unha distribución tradicional dos alimentos, é efectiva para garantir a perda de peso e mais para acadar un bo estado de saúde e benestar, convén facérmonos a seguinte pregunta: por que recorrermos a unha dieta disociada?

Do mesmo xeito que confiamos nos médicos todas as cuestións relacionadas coa nosa saúde, en cuestión de cambio de dieta o consello saudable é o de deixarse guiar por expertos no tema, que, logo dunha exhaustiva análise dos nosos hábitos alimentarios, de saúde e de estilo de vida, nos formularán o modelo dietético máis axeitado para a nosa situación particular.

Mellores dixestións

  Moitas persoas -pero non todo o mundo- sofren trastornos dixestivos, ben sexa acidez, refluxo, dixestións pesadas e lentas, flatulencia, estrinximento... Unha das múltiples causas que pode dar lugar a estes molestos síntomas é que o organismo destas persoas non produce suficientes encimas, de xeito que a dixestión non é tan fluída como debería. Polo tanto, nestes casos, e sempre tendo en conta a susceptibilidade individual -"somos moi diferentes uns doutros"-, cantas menos mesturas de hidratos de carbono, proteínas e graxas teña unha comida, máis doada e eficaz será a dixestión. Pero non é preciso disociar a dieta, senón ser coidadoso na elaboración do menú. Ensalada mixta e arroz con verduras e cachiños de carne é un exemplo de menú que pode resultar máis doado de dixerir que un prato de arroz con verduras e unha ración de carne de segundo.

Perder peso

  Os órganos que máis glicosa consomen de todo o corpo son o cerebro, os músculos e o fígado. Pola noite, mentres durmimos, a actividade destes órganos diminúe de forma notable, polo que non precisan unha achega considerable de glicosa. A glicosa que non se metaboliza está circulando durante horas polo sangue, e o organismo de calquera persoa sa pon en marcha mecanismos hormonais para regular os niveis de glicosa en sangue; é dicir, segregará a dose de insulina necesaria para regular a glicemia -niveis de glicosa en sangue-.

En moitos casos de obesidade -pero non en todos-, os mecanismos hormonais do individuo para regular a glicemia non son eficientes, e parte da glicosa que circula polo sangue transfórmase en triglicéridos (graxas) que se acumulan no tecido adiposo.

Polo tanto, unha postura razoable e saudable para perder peso consiste en "disociar" a cea -non necesariamente toda a dieta- e facela a base de vexetais e alimentos proteicos -carnes magras, peixes, ovos, xamón...-, obviando os que achegan hidratos de carbono -pan, arroz, pasta, patacas e legumes-, ou consumindo estes últimos -mellor as súas versións integrais- en pequena cantidade, sempre e cando se tomaran na súa xusta medida ao longo do día.


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto