Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Actualidade e lecer > Análise de produtos

Λ

Os datos, informacións, interpretacións e cualificacións que aparecen nesta información corresponden exclusivamente ao momento en que se realizaron e teñen, xa que logo, unha vixencia limitada.

Reprodutores de DVD portátiles: Películas sen final

A duración das baterías, que nalgúns casos apenas chega ás dúas horas, fai inviable a utilización dalgúns destes reprodutores de DVD lonxe da rede eléctrica

 

Os reprodutores de DVD portátiles son un prodixio máis da miniaturización electrónica. Ao igual ca os reprodutores de sobremesa, pódense utilizar no salón cun televisor externo, pero a súa gran vantaxe radica na súa mobilidade. Grazas á súa pantalla e aos altofalantes incorporados, serven para ver en calquera parte DVD ou películas descargadas de Internet, escoitar música (en CD ou MP3) ou contemplar fotografías dixitais. Hainos que ata inclúen videoxogos. Todo iso co obxectivo de amenizar as viaxes de coche, avión, tren ou autobús, ou para servir como centro multimedia alá onde o usuario vaia.

Analizáronse oito reprodutores portátiles de DVD, con pantalla de sete polgadas incorporada, que custan dende os 129 euros de Omisys Voyager e Rede Bell DVP7XRP, ata os 249 euros de Philips PET725. A mellor relación calidade-prezo é Daewo, un dos máis baratos (139 euros) e dos mellor valorados na proba de uso (7,4 puntos sobre 10), se ben non reproduce MP3 e é dos máis grandes e pesados. Philips, o máis caro, é o mellor dos analizados, e a súa batería dura moito máis ca a do resto, polo que resulta unha opción interesante para quen busque un reprodutor que poida funcionar lonxe da rede eléctrica.

A norma de seguridade que rexe estes aparellos é moi estrita e obriga a superar probas moi variadas, que dous equipos non aprobaron por motivos moi diferentes. Os plásticos que envolven o aparato non se deben deformar ante altas temperaturas, como aconteceu en Omisys. O fallo de Thomson foi menor: o seu adaptador de corrente non vén marcado co símbolo correspondente. Polo demais, son seguros.

O test de compatibilidade electromagnética comproba se o equipo é inmune ás descargas electrostáticas (descargas eléctricas como as que podemos provocar "co ambiente cargado" ao tocar unha superficie metálica). Tras recibir estas descargas de proba, os reprodutores deben seguir funcionando con normalidade. Fuss, Thomson, Omisys, Daewoo e Best Buy non superaron este ensaio e para que volvesen funcionar houbo que apagalos e acendelos.

As pantallas son todas LCD de sete polgadas e de formato panorámico (16:9), o que non obsta para que estes reprodutores se adapten ás dimensións clásicas das televisións máis antigas (4:3). Thomson e Omisys contan con varias decenas de videoxogos cada un e Omisys ofrece dous mandos cos que os manexar.

Estes equipos reproducen os DVD-vídeo (o formato no que se mercan ou alugan as películas) e en Divx ou en MPEG4, o estándar para compartir películas por Internet, e que permite gardar un filme nun só CD ou seis longametraxes nun DVD (12 se o DVD é de dobre capa). Next Base é o único que non reproduce fotografías e, ao igual que Daewo, non le cancións en MP3.

Calidade das pantallas

No tocante á calidade de imaxe das pantallas, mediuse do 1 ao 10 o ángulo de visión, a uniformidade da pantalla, a saturación, a existencia de píxeles defectuosos, as reflexións, o ruído e a relación brillo/contraste, todo iso cun DVD de probas e cun xerador de sinais de vídeo profesional. Os resultados dos monitores foron correctos (non se atoparon píxeles defectuosos) e sobresaíu a calidade de Philips (9 puntos sobre 10), seguido de Rede Bell (8,3 puntos) e de Thomson (8,2 puntos).

 

No tocante aos conectores, todos se poden usar como DVD de sobremesa, conectándoos a un televisor externo mediante un cable de vídeo composto. Sorprende que así sexa, porque este conector non é o mellor para vídeo (supérano amplamente o de S-vídeo ou RGB) mentres que para audio si adoitan incorporar saídas dixitais de última xeración (fano Thomson, Philips, Daewoo, Omisys e Fuss). Daewo é o único cunha conexión por compoñentes (mellor calidade). A conexión de auriculares tamén é común, pero o segundo conector (moi útil para que dúas persoas vexan a mesma película) só se atopa en Thomson, Philips e Best Buy. Daewoo e Omisys len tarxetas multimedia, como as dunha cámara de fotos. Polo tanto, é posible ver as fotografías directamente nestes equipos. Daewo, Omisys, Thomson e Fuss contan con conector de USB, polo que as películas non teñen por que se gravar nun CD ou nun DVD, senón que se poden levar nunha memoria externa USB.

En canto aos accesorios, todos inclúen enchufe para a rede eléctrica e para o acendedor do coche, cables de audio e de vídeo e mais un maletín protector. Thomson é o único sen mando a distancia. Daewoo, Omisys e Rede Bell inclúen dous xogos de auriculares e Thomson dous.

Proba de uso

Seis usuarios habituais probaron polo miúdo os oito reprodutores portátiles e valoraron do 1 ao 10 diferentes apartados. Sete dos reprodutores son de tipo abatible, é dicir, hai que despregar a pantalla para introducir o DVD e ver a película. Next Base, en cambio, móntase nun soporte vertical bastante inestable, que os usuarios valoraron peor, e que motivou a maioría das súas baixas puntuacións. Os reprodutores mellor valorados foron Philips, Fuss (os dous con 7,5 puntos sobre 10) e Daewo (7,4 puntos). A teor do valorado polos consumidores, a disposición da botoeira de Philips é cómoda e sinxela. Omisys obtén a puntuación máis discreta (6,5 puntos), pola inintelixibilidade da tradución do seu manual (3,8 puntos sobre 10), pola calidade do seu son (5,8 puntos) e polo nivel de ruído no seu funcionamento (6,5 puntos).

Os consumidores advertiron que en todos os reprodutores o son dos altofalantes incorporados é excesivamente tenue. Por iso, os cascos son practicamente imprescindibles para poder gozar das películas. No que atinxe ao acabado, destaca o de Philips, mentres que o de Omisys e Best Buy é máis pobre. A botoeira de Best Buy é mediocre e non funciona tan ben como debería. En canto á portabilidade, Rede Bell é o que máis gusta, e Fuss o que destaca polo seu funcionamento silandeiro.

Os oito manuais son correctos, pero non as súas garantías: cinco delas son incorrectas. Fuss nin sequera inclúe este documento, Omisys, Thomson e Philips só ofrecen un dos dous anos de protección aos que obriga a lei e Best Buy limita a protección do software que acompaña ao equipo aos primeiros 30 días, algo completamente ilegal. En calquera caso, diga o que diga o seu documento de garantía, se o consumidor garda o tícket de compra, está protexido polos dous anos que marca a lei, se ben tras os primeiros seis meses terá que demostrar que o fallo viña de orixe.

REALMENTE SON PORTÁTILES?

Dado que están deseñados para a mobilidade, resulta fundamental que estes reprodutores de DVD pesen e ocupen pouco. Os máis liviáns son Omisys e Rede Bell (700 e 750 gramos de peso) e os máis pesados Daewo e Next Base (1,2 e 1,25 quilos). Estes dous últimos tamén son os máis voluminosos. Os equipos máis pequenos son Fuss e Omisys, un 40% menos ca os máis grandes. A medición do seu consumo eléctrico realizouse reproducindo un DVD a máximo volume. Rede Bell é o máis austero no gasto enerxético, con 10,5W, mentres que Next Base e Fuss superan os 16 W.

As baterías de Omisys, Thomson, Philips, Fuss e Rede Bell son de Ión-Litio, presumiblemente mellor ca as de Daewoo, Next Base e Best Buy, que son de Niquel-metalhidruro. A duración das súas baterías é un elemento clave para moitos usuarios, aínda que non para todos. Moitos consumidores adquiren estes reprodutores unicamente para veren películas no coche ou nunha segunda vivenda, lugares nos que sempre hai dispoñible unha fonte de electricidade. Para o resto de usuarios, unha autonomía deficiente pode ser a diferenza entre un final feliz ou quedar sen saber como remata a película.

A autonomía mediuse reproducindo un DVD co volume a un nivel medio ata que o equipo se apagase. Best Buy nin sequera foi capaz de reproducir dúas horas seguidas (quedou en 1h:58m), polo que máis lle vale ao usuario comprobar a duración da película antes de empezar a vela sen enchufar o equipo. A duración de Fuss (2:12m) e de Rede Bell (2:25m) tampouco foi moito mellor. Estes datos son aínda máis preocupantes se se ten en conta que a duración das baterías tende a minguar cos anos. Next Base, con 3 horas e 55 minutos e, sobre todo, Philips, con 4 horas e 13 minutos, son os mellores con diferenza desta importante proba.

Paginación


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto